Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNANIMIDADE NO PLENO PARA SOLICITAR AO CATASTRO A REDUCIÓN DO VALOR CATASTRAL DOS INMOBLES DO MUNICIPIO PARA 2017
A corporación local impulsou unha declaración institucional para nomear ao artista portuxés Manuel da Silva Marqués de Patinha "Fillo Adoptivo" de Narón
Narón, 28 de abril de 2016. A corporación local de Narón aprobou por unanimidade na sesión plenaria de abril solicitar á Xerencia Rexional do Catastro de Galicia a aplicación dun coeficiente de actualización dos valores catastrais para o vindeiro ano do 0,92, en lugar do cen por cento que se viña aplicando. A medida permitirá axustar os recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ao prezo real de mercado, tras estimarse que na actualidade se atopan de media por riba do 50% do mesmo. Xunto coa rebaixa do tipo impositivo, que trala aprobación do Marco Orzamentario 2017-2019 queda fixado nun 0,63% en 2017, compensarase unha parte do incremento derivado da aplicación da regularización anual do 10% aprobada polo Goberno central no ano 2008. A corporación local respaldou unha declaración institucional sobre o nomeamento do artista portuxés Manuel da Silva Marqués de Patinha como “Fillo Adoptivo” de Narón, cidade na que reside desde hai varios anos tras casarse, na década dos setenta, cunha naronesa. Diversas esculturas, obras pictóricas e gravados de Patinha locen en diferentes espazos públicos da localidade e tamén en edificios como o Concello. A traxectoria persoal e artística do artista, xunto coas valoracións realizadas por persoas vencelladas co mundo artístico da comarca, forman parte das dilixencias levadas a cabo á hora de conceder esta distinción, conforme ao establecido no Regulamento de Distincións Honoríficas do Concello de Narón. O acto oficial deste nomeamento farase coincidir coa celebración do Día de Narón, o 23 de novembro. Así mesmo, aprobouse por maioría –coa única abstención do edil de ENE- a concesión de subvencións a vinte e un clubes e entidades deportivas por un importe total de 27.319 euros. A proposta sobre un escrito presentado polo presidente da Asociación Sociocultural de Minusválidos (ASCM) efectuando unha serie de solicitudes en relación co Regulamento Orgánico do Concello de Narón, tamén saíu adiante por unanimidade. No apartado de mocións, rexeitouse a formulada polo Partido Popular sobre a compensación polos días nos que o verán pasado non se puido beber nin utilizar para cociñar auga da rede de abastecemento. Ao igual que en anteriores ocasións, desde o goberno local explicouse aos populares que se continúa á espera de que a Valedora do Pobo se pronuncie sobre os escritos e a documentación remitida ao respecto desde o Concello. Así mesmo, incidiuse en que atendendo aos cálculos da empresa mixta Cosma –concesionaria dos servizos de saneamento e abastecemento no municipio- o importe total a devolver entre os algo máis de 19.200 clientes da empresa, ascendería a uns 6.000 euros, cifra moi alonxada dos 44.000 estimados polo PP local. As mocións do Grupo Mixto (ENE) para habilitar beirarrúas ou zonas reservadas ao paso de peóns nas pontes no Couto sobre a AP-9 e a FE-11 e para realizar actuacións de eficiencia enerxética mediante financiación por fondos europeos quedaron rexeitadas, ao igual que a presentada polo representante da citada formación política para elaborar un Plan de Optimización Enerxética Municipal. O PSOE e o Grupo Mixto (EU) presentaron unha moción conxunta, respaldada por todos os grupos da corporación excepto o PP, sobre a universalización do dereito á asistencia sanitaria pública e recuperación do sistema público de Sanidade. A iniciativa contempla instar á Xunta a derogar o Real Decreto Lei 16/2012 para restablecer a universalidade da cobertura do Sistema Nacional de Saúde e reformas na lexislación sanitaria, así como un incremento de recursos para suplir as carencias na materia existentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Os socialistas presentaron ademais unha moción sobre o tratamento da Hepatite C, tamén cos únicos votos en contra dos cinco edís do PP, pedindo a supresión inmediata –por parte do goberno galego- dos recortes nas prestacións sanitarias e a concesión de permiso aos profesionais sanitarios para administrar os medicamentos necesarios a cada paciente sen atender a criterios económicos nin de control do déficit. Entre as bancadas do salón plenario atopábase hoxe unha representación de alumnado do colexio Santiago Apóstol que participa nun proxecto piloto da Concellería de Participación Cidadá e que culminará coa simulación dun pleno –cuxa data está aínda por determinar- no que os escolares asumirán o papel dos gobernantes.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal