Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PROGRAMA VARIOS ACTOS CON MOTIVO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS
As actividades, pensadas para persoas de diferentes idades, desenvolveranse os días 14 e 17 de maio en diferentes zonas da localidade
Narón, 5 de maio de 2016. O Concello de Narón conmemorará con varios actos o Día das Letras Galegas, que se celebra o vindeiro 17 de maio e este ano está adicado ao poeta lucense Manuel María. As actividades contempladas no programa comezarán a desenvolverse o 14 de maio e rematarán na xornada do día 17. Os concelleiros de Ensino e Bibliotecas, Cultura e Deportes, Mercedes Taibo, Marián Ferreiro e Román Romero presentaron a programación. A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, anunciou a primeira das actividades, que terá lugar o sábado, día 14 de maio, cun espectáculo sobre “Poemas e contos con Manuel María”, a cargo da contadora e ilustradora de contos Marisa Irimia. A convocatoria, que comezará ás 11.00 horas na Biblioteca municipal, diríxese a nenos e nenas a partir de catro anos. Os asistentes terán a oportunidade de ver un espectáculo no que se combinan poemas do autor cunha serie de contos relacionados coa súa obra e música de violín. As persoas interesadas en participar deben ter o carné da Biblioteca e terán que anotarse previamente, a partir do martes 10 de maio, nas citadas instalacións ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. Taibo incidiu en que con esta convocatoria “tratamos de inculcar aos nenos e nenas a importancia da nosa cultura e tamén dar a coñecer algúns dos escritores e poetas máis relevantes de Galicia, entre eles o homenaxeado, Manuel María, ao tempo que fomentar o uso da lingua galega”. O resto das actividades do programa terán lugar o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas. Ás 10.00 horas partirá desde a praza da Gándara ata o mosteiro do Couto e o muíño das Aceñas a “1ª Andaina polas Letras”, para regresar de novo á Gándara sobre as 12.30 horas, momento no que comezará na praza a actuación do grupo de música tradicional galega do Padroado da Cultura. Esta andaina require tamén inscrición previa, ata o 13 de maio, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón –no quinto andar- ou no Padroado de Deportes da localidade, con oficinas no pavillón polideportivo da Gándara. O concelleiro de Deportes subliñou que se trata dunha cita “cun marcado carácter deportivo pero adaptada para persoas de diferentes idades” e, sobre todo, asegurou, “pensada para dar a coñecer parte do patrimonio histórico e natural de Narón nesta data tan sinalada”. A programación do Día das Letras Galegas continuará a mesma tarde do día 17, xornada na que permanecerá instalada na praza de Galicia unha Biblioteca na rúa, entre as 17.00 e as 19.30 horas. Na mesma permanecerán expostas obras de Manuel María e tamén doutras figuras da literatura galega que foron homenaxeadas o Día das Letras Galegas. Así mesmo, haberá enredos e xogos infantís populares para os nenos e nenas; un photocall de Manuel María no que se poderán sacar fotografías e tamén terá lugar a actuación do Coro Solidario do IES Terra de Trasancos. No caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas as actividades desa tarde trasladaranse ao pavillón municipal de Piñeiros. Para rematar o programa, o propio Día das Letras Galegas terán lugar os concertos de Os Resentidos e a Lira de Rivadavia no Pazo da Cultura a partir das 19.00 horas. O espectáculo da Banda máis antiga de Galicia e do grupo pioneiro do rock en galego repasarán o repertorio dos Resentidos, con novas creacións e versións para homenaxear á tradición galega da música de verbena e das festas populares. O prezo das entradas –xa están á venta na taquilla do Pazo- é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante e desempregados. A edil de Cultura, Marián Ferreiro, destacou a calidade deste espectáculo, que representará “unha moi boa oportunidade no Día das Letras Galegas para contribuír á posta en valor da nosa cultura en xeral e, en particular, da música tradicional galega”. Os edís naroneses convidaron á veciñanza a participar nas diferentes actividades programadas con motivo do Día das Letras Galegas na localidade e nas que non faltarán, destacaron, actividades para persoas de moi diversas idades.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal