Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA E A SOCIEDADE CULTURAL AREOSA CELEBRAN OS MAIOS EN PIÑEIROS
O programa de actividades comezará o sábado día 14 ás 17.00 horas e o domingo día 15 poderase visitar unha mostra de traballos escolares
Narón, 9 de maio de 2016. O Concello de Narón e a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, organizaron un ano máis un completo programa de actos para celebrar a festividade dos Maios na localidade, que este ano chega á súa décimo novena edición. A vicepresidenta do Padroado da Cultura e edil da área, Marián Ferreiro, e o presidente de Areosa, Bruno Díaz, presentaron a convocatoria, que inclúe diferentes actividades, algunhas delas iniciadas a principios deste mes en centros escolares e asociacións da localidade, que culminarán esta fin de semana no Centro Cívico Social de Piñeiros. O sábado día 14 ás 17.00 horas concentraranse no adro da igrexa de Piñeiros os Maios que participarán neste evento, entre eles os da entidade veciñal Virxe de Fátima, de Freixeiro; de Areosa; da Asociación Semente de Trasancos; do Obradoiro de Construción de Instrumentos do Padroado da Cultura e da Fundación Terra de Trasancos. A comitiva sairá desde a igrexa ata o Centro Cívico de Piñeiros ás 17.30 horas para dar comezo a recepción dos Maios no pavillón de Piñeiros ás 17.40. A partir das 18.00 actuarán os grupos do Padroado da Cultura de Narón no exterior do polideportivo; elaborarase no interior das citadas instalacións un mosaico floral no que tradicionalmente participan nenos e nenas da localidade, e tamén terá lugar a Mostra dos Maios elaborados nos últimos días en centros escolares da localidade (que poderá visitarse tamén o domingo día 15, de 11.00 a 20.00 horas no polideportivo de Piñeiros). A edil de Cultura recordou ademais que este venres, día 13, rematará o “Obradoiro de arte floral” iniciado a mediados do pasado mes de abril a instancias do Padroado da Cultura e a asociación Areosa no local social de Piñeiros. Nestas convocatorias –de dúas horas de duración cada sesión- ensinouse aos asistentes a elaborar diferentes tipos de ornamentación empregando varias especies florais. A programación do Concello con motivo da celebración dos Maios incluíu tamén, como en anos anteriores, a “Unidade Didáctica dos Maios”, na que participan un milleiro de alumnos e alumnas de educación Infantil e Primaria de colexios de Narón. Escolares do CPR Ayala, do CRA de Narón, dos CEIP Virxe do Mar, Ponte de Xuvia e A Solaina e do CPI do Feal e o CPR Santiago Apóstol participaron nesta actividade durante as horas lectivas. Os nenos e nenas aprenderon a elaborar Maios, traballos que permanecerán expostos esta fin de semana en Piñeiros. “Trátase dunha actividade didáctica pensada para os escolares do municipio, co obxectivo de que coñezan o que é un Maio e tamén a tradición que teñen este tipo de ornamentacións florais na nosa comunidade”, explicou Marián Ferreiro. A concelleira de Cultura e o presidente de Areosa animaron á veciñanza a acudir esta fin de semana á celebración dos Maios. Ferreiro agradeceu a colaboración dos centros de ensino, asociacións veciñais e particulares que se implican nesta convocatoria, valorando particularmente o traballo de Areosa. “Este ano a celebración dos Maios alcanza a súa décimo novena edición na localidade, unha data que conmemoraremos un ano máis contando coa implicación da veciñanza de Narón, que contribúe a manter máis viva que nunca esta tradición pensada para exaltar a natureza e coa súa orixe nunha festa característica da época primaveral en Galicia”, explicou a edil de Cultura.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es