Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DE NARÓN IMPULSA UNHA "CAMPAÑA DE PRIMAVERA" DIRIXIDA AO SECTOR COMERCIAL DA LOCALIDADE
Unha vintena de establecementos participan na iniciativa ofrecendo descontos e agasallos á clientela entre o 15 de maio e o 15 de xuño
Narón, 11 de maio de 2016. A Concellería de Promoción Económica, dirixida polo edil Pablo Villamar, impulsa a “Campaña de primavera” do comercio de Narón, que se desenvolverá desde o 15 de maio ata o 15 de xuño coa colaboración da Asociación Comercio de Narón (ACN). Un total de dezaoito establecementos da localidade sumáronse á convocatoria e ofrecerán durante este período importantes descontos nos seus establecementos –en produtos e servizos- e tamén algúns agasallos para a clientela. Ao final da campaña sortearase un teléfono móbil Iphone 6S entre os participantes. Á presentación desta iniciativa acudiron tamén a presidenta da Asociación Comercio de Narón, Olga Ameneiro, e Mónica Cereijo, propietaria dun dos establecementos colaboradores. Villamar valorou a colaboración dos comerciantes de Narón e subliñou a importancia da mesma de cara a “promocionar ao sector na localidade, porque defendemos os seus estándares de calidade e pensamos que o comercio tamén é unha forma de facer Narón e de xerar riqueza e emprego cos que poder manter unha cidade viva”. A presidenta da ACN agradeceu a colaboración prestada polo Concello para “apoiar unha vez máis ao comercio local” e destacou a necesidade de mantela impulsando novas accións conxuntas. “Nesta campaña tentamos introducir novidades e premiar aos nosos clientes cun produto moi preciado hoxe en día, un móbil de última xeración”, explicou Olga Ameneiro. Para participar no sorteo do Iphone 6S é preciso realizar unha compra por un importe superior a 30 euros nos citados establecementos e gardar o ticket, que será obrigado presentar no caso de resultar gañador. Ese mesmo día terán que subir unha fotografía simpática ao concurso de Facebook a través dunha aplicación que se habilitará ao efecto (pódense subir tantas como compras se realicen), explicou a representante da Asociación Comercio de Narón. Así mesmo, indicou, promoverase unha acción novidosa que consistirá no reparto de publicidade nunha bicicleta que percorrerá as zonas de máxima afluencia comercial da localidade e na que se repartirán folletos informativos sobre esta campaña. Nesta iniciativa participan os establecementos: Óptica La Gándara; Centro de estética Rocío Rodríguez; Óptica Valero; Lucía Vega (asesoría); Mercería paquetería Chandy; Loxe (artesanía); Sikna (deseño); Temadi; Bioreona; Mercería paquetería Losi; Parafarmacia Andoriña; Alain Afflelou; Boutique e perruquería Mónica Cereijo; Mercería Lazos, Calzados Mara, Punto PC; A tenda de Sara e Mercería Mari Josi. As persoas interesadas en coñecer a ubicación destes comercios poden localizalos na da dirección: www.comerciodenaron.es, a través dun mapa virtual. “Confiamos en que ao igual que as campañas que realizamos anteriormente esta sexa tamén un éxito”, apuntou Villamar, que aludiu á importancia de que a veciñanza colabore na iniciativa realizando as súas compras en establecementos da localidade.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal