Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
AS ESCOLAS MUNICIPAIS DE MÚSICA TRADICIONAL DE BETANZOS E NARÓN PROTAGONIZAN UN ENCONTRO MUSICAL
Integrantes das Escolas de Música dos dous concellos actuarán o día 14 de maio no Auditorio municipal de Narón
Narón, de maio de 2016. O Auditorio municipal acollerá o vindeiro sábado, 14 de maio, o Encontro da Escola Municipal de Folclore (EMUF) de Betanzos e a Escola de Gaita e Pandeireta do Padroado da Cultura de Narón. O acto enmárcase no intercambio musical realizado entre os dous colectivos e que levou o pasado 8 de abril á Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón a actuar coa EMUF no Edificio Liceo de Betanzos. A vicepresidenta do Padroado e edil de Cultura, Marián Ferreiro, destacou a importancia deste tipo de intercambios musicais en canto que permiten, subliñou, “coñecer o traballo que se realiza no ámbito cultural noutros concellos de Galicia e impulsar a súa actividade por diferentes localidades”. O programa dará comezo ás 10.30 horas, coa chegada dos integrantes da Escola Municipal de Folclore de Betanzos á Casa da Cultura de Narón. Media hora máis tarde terá lugar a concentración das dúas agrupacións, a betanceira e a naronesa, e a afinación das respectivas bandas na Praza de Galicia para ás 12.00 comezar as actuacións no Auditorio municipal. A Escola Municipal de Folclore de Betanzos e a Escola de Música Tradicional do Padroado da Cultura disporán de media hora para as súas actuacións. No caso da primeira formación, os grupos de iniciación de pandeireta interpretarán o "Pasodobre e Valse de Combarro" (Santa Comba); os de pandeiretas medianas a "Ruada en Beariz" (Ourense) e o de Pandeiretas do G. Azougue de Betanzos "Serán en Caroi" (Cotobade, Pontevedra), para a continuación actuar a Banda de Gaitas da EMUF de Betanzos. Así mesmo, da Escola de Música Tradicional do Padroado da Cultura de Narón actuarán o grupo de pandeiretas de Sedes, que tocará a "Ruada en Coedo" (Allariz, Ourense); o grupo de pandereteiros do Pazo, con "Ruada en Ventoselo" (A Lama, Pontevedra); o grupo de pandereteiras do Grupo Alxibeira, con "Canto e rumba de Gargamala" (Mondariz, Pontevedra); este último grupo e o Grupo Azougue, con "Canto e xota de Laxoso" (Castro Caldelas, Pontevedra); a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón; os grupos de pandereteiras do Padroado e EMUF, que conxuntamente tocarán a "Muiñeira corrida de Limiñoa" e, finalmente, todos os participantes tocarán "Arroz con chícharos". Finalizado o Encontro, sobre as 13.00 horas, serviranse uns petiscos de confraternización no Auditorio municipal.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal