Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A SEMANA DA MOBILIDADE E SEGURIDADE VIAL INCLUÍU ALMORZOS NOS COLEXIOS E PATRULLAS DA POLICÍA LOCAL EN BICICLETA POLAS RÚAS DA CIDADE
As actividades do programa continuarán desenvolvéndose o 26 e 27 de maio na localidade e os días 28 e 29 será o "I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón"
Narón, 25 de maio de 2016. O municipio naronés continúa acollendo varios actos con motivo da Semana da Mobilidade e Seguridade Vial. A primeira das actividades do mércores foi a de “Almorzo na rúa”, na que participaron varios funcionarios do Concello e representantes políticos, entre eles o alcalde, José Manuel Blanco, que acudiron ao seu posto de traballo camiñando ou en bicicleta. O mesmo fixeron alumnos e alumnas dos centros escolares da localidade, aos que se agasallou á súa chegada cun almorzo nas inmediacións dos centros e que, no caso do Concello, tivo lugar na cafetería localizada no último andar. A primeira hora da mañá, e ata as 14.00 horas dous axentes da Policía Local patrullaron polas rúas da cidade en dúas bicicletas cedidas polo Concello da Coruña con motivo desta convocatoria. Así mesmo, entre as 10.00 e as 13.00 e desde as 17.00 ata as 20.00 horas o Parque de Prevención da Fundación Mapfre e a Casa de Evacuación continuaron centrando a actividade na praza de Galicia, donde escolares da localidade participaron nas sesións formativas e preventivas e tamén percorreron en bicicleta o circuíto de Educación Vial habilitado na praza. O Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (Speis) coordina varias accións nesta área co obxectivo de difundir condutas seguras en situacións de emerxencia. Os “Parking day” da xornada de hoxe convocáronse na rúa 25 de Xullo, con “Biblioteca na rúa”, entre as 10.00 e as 12.30 horas, e nas escolas infantís representouse o conto “Moucho e Cuquiña” durante boa parte da mañá. Na praza da Gándara centrouse parte da actividade da tarde nos “Parking day” sobre “Bordado en bastidor”, “Bailando na rúa”; “Contacontos Moucho e Cuquiña” e “Zumba´ndo”, desde as 16.00 ata as 21.00 horas. A xornada matinal do 26 de maio estará protagonizada por un grupo de mulleres embarazadas. Serán elas as destinatarias principais da charla sobre “Beneficios da Matronatación” que terá lugar na piscina municipal a partir das 11.30 horas e trala que comezará, sobre as 12.00, unha clase práctica para as asistentes. Na rúa 25 de Xullo manterase o “Parking day” da “Biblioteca na rúa entre as 10.00 e as 12.00 e a partir das 10.30 alumnado da Escola de Teatro do Padroado da Cultura desprazarase ás escolas infantís municipais para participar como contacontos do libro “Moucho e Cuquiña”, dirixido aos menores e editado polo Concello de Narón. A partir das 16.30 horas a Biblioteca municipal acollerá un taller sobre “Porteo do bebé” e, ás 17.30 outro sobre “Seguridade no automóvil e sistemas de retención infantil”. Trala actividade sortearase unha silla de transporte de bebés para o coche, unha ecografía en 4D e un fular portabebé. Outra das actividades a desenvolver durante a tarde, neste caso entre as 17.00 e as 19.00 horas, será un curso teórico práctico para acompañantes de transporte escolar, impartido por persoal do equipo de Educación Vial do Concello de Narón e do Speis de Narón, co fin de difundir entre os coidadores unha serie de nocións básicas de actuación en caso de accidente ou emerxencia durante o traslado dos nenos e nenas en autobús. As sesións teóricas serán no local social do Alto do Castiñeiro a partir das 17.00 horas, mentres que as prácticas, nas que se simulará un accidente de bus e que contarán coa participación do 112, Garda Civil, Policía Local e Emerxencias Narón, entre outros colectivos de seguridade e sanitarios, realizaranse na praza de Galicia. Entre as 17.00 e as 20.00 horas haberá un novo “Parking day” na praza da Gándara, cun “Encontro de palilleiras” e desde as 18.00 ata as 19.00 outro sobre o contacontos “Moucho e Cuquiña”, tamén a cargo de alumnado da Escola de Teatro de Narón.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal