Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN LOCAL APROBOU POR UNANIMIDADE NO PLENO O CONVENIO CO SERGAS PARA A CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE
Todos os edís votaron tamén a favor da creación do Consello Sectorial de Igualdade, no que participarán varios colectivos sociais
Narón, 26 de maio de 2016. A corporación local de Narón aprobou no pleno por unanimidade o convenio de colaboración entre o Sergas e o Concello para executar as obras do novo centro de saúde, que se ubicará nunha parcela próxima á glorieta de Freixeiro. O borrador do convenio remitido desde a Consellería de Sanidade hai uns días ao alcalde, José Manuel Blanco, recolle o compromiso do Consistorio de realizar unha achega económica de 1.460.353,95 euros para colaborar nos “custes de execución” dos traballos. A corporación local votou hoxe a favor da aprobación do gasto plurianual no que se acometerán eses pagos, que se estipularon en 100.000 euros este ano –xa hai unha partida orzamentaria reservada-; 500.000 no 2017 e os 860.353,95 euros restantes no ano 2018. A cantidade calculouse atendendo ao actual valor de construción do edificio no Catastro, no caso de que se modifiquen os valores catastrais a contía final axustarase á que figure no Rexistro na data na que se formalice o contrato, tal e como se especifica no acordo. O actual edificio do centro de saúde do municipio, na rúa 25 de Xullo, pasará a mans do Concello libre de cargas e gravames e “nas debidas condicións de mantemento” e a Xunta comprométese a pagar as taxas de licenzas e elaborar, supervisar e aprobar o proxecto técnico, así como contratar, dirixir e executar as obras previstas. O rexedor local valorou o respaldo unánime da corporación ao convenio no pleno, ao tratarse dunha obra, subliñou, moi necesaria para todos os veciños e veciñas de Narón. O alcalde lamentou as continuas dificultades e os reiterados incumprimentos rexistrados desde o inicio do procedemento, recordando que o goberno local leva advertindo á Xunta desde o ano 2006 da necesidade de construír un novo centro de saúde que se adapte ás necesidades poboacionais da localidade, que aumentou considerablemente nos últimos anos. No 2008 a Consellería de Sanidade e o Concello asinaron un protocolo de intencións que nunca avanzou, a pesares das continuas xestións realizadas desde o equipo de goberno, que xa no ano 2009 promoveu un Plan Especial de Dotación en Freixeiro para poñer canto antes a disposición da Xunta un terreo onde construír as instalacións. A Xunta anunciou en 2012 que licitaría a obra no ano 2013 e, a pesares de ter recoñecido oficialmente a necesidade dun novo centro de saúde, non foi ata febreiro deste ano cando fructificaron definitivamente as negociacións, a instancias das xuntanzas mantidas por representantes de ambas administracións nos últimos tres meses. Na sesión plenaria desta tarde aprobouse tamén por unanimidade a creación do Consello Sectorial de Igualdade do Concello de Narón. Do citado organismo formarán parte a Asociación CNG da Marcha Mundial das Mulleres, a Asociación Patronato Concepción Arenal; a Asociación de Mulleres Rurais San Clemente; a AVV Os Irmandiños, do Val; a Fundación Terra de Trasancos – Cooperativa do Val; a Asociación Sociocultural de Minusválidos; a Asociación de Empresarias da comarca de Ferrolterra; Bbtta Narón, Cogami e representantes de TEGA, PSOE, BNG, PP e Grupo Mixto –neste último caso o titular será o edil de EU-. A finalidade do Consello Sectorial de Igualdade é incrementar a corresponsabilización da veciñanza, neste caso a través dos citados colectivos, nos asuntos públicos do Concello. Así mesmo, aprobouse a inclusión de dúas fincas, localizadas no Alto e en Xuvia, no Inventario Municipal de Bens. No que respecta aos viais da localidade, saíu adiante –cos votos en contra do PP- a proposta de cambiar a denominación da rúa García Morato por Álvaro Paradela, atendendo así ao establecido na “Lei de Memoria Histórica”. No apartado de mocións, presentouse unha do Grupo Mixto –Esquerda Unida- sobre o fin do bloqueo comercial, económico e financiero imposto a Cuba polos Estados Unidos que respaldaron todos os grupos da corporación excepto o PP. O BNG presentou unha moción para instar á Xunta a construír unha nova escola infantil na localidade, atendendo aos datos poboacionais da cidade. Aprobouse co voto favorable de todos os grupos menos o do edil de Eliximos Narón Electores, que se abstivo. Con esta moción ínstase á Xunta a integrar no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar as garderías municipais da Solaina, A Gándara e Piñeiros, nos mesmos termos nos que se incluíu a de Xuvia, de máis recente construción. Así mesmo, solicítase que se inclúa a Narón na liña de subvencións anunciada pola Xunta para construír garderías nos parques empresariais de Galicia. O representante de ENE no Grupo Mixto presentou unha moción solicitando melloras na concentración parcelaria do Val-Meirás-Lago, realizada pola Xunta de Galicia, e que se aprobou por unanimidade. O documento contempla instar á administración autonómica a reunir á Comisión de Seguemento para tratar de solventar deficiencias e mellorar a execución do proxecto. Pola vía de urxencia presentáronse dúas mocións. Unha de ENE para instar ao goberno a apoiar un programa experimental de educación Infantil e Conciliación Laboral e familiar integrada para o rural galego, que non se abordou no pleno ao non aprobarse a urxencia da mesma. A segunda promoveuna o PP, para a eliminación de puntos negros en materia de accesibilidade e a pesares de que se aprobou a súa urxencia, non obtivo o respaldo necesario para saír adiante. Neste apartado, desde o goberno local, a portavoz de Terra Galega, Marián Ferreiro, incidiu en que desde o equipo de goberno xa se está traballando na mellora da accesibilidade e subliñou que hai partidas orzamentarias destinadas específicamente a actuacións proxectadas nesta área.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal