Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O "I CONGRESO GALEGO DE SEGURIDADE E EDUCACIÓN VIAL" INAUGÚRASE INCIDINDO NA IMPORTANCIA DA FORMACIÓN PARA PREVIR ACCIDENTES NAS ESTRADAS
A convocatoria organizada pola Concellería de Seguridade Cidadá reúne esta fin de semana no Auditorio municipal de Narón a un cento de persoas expertas na materia
Narón, 28 de maio de 2016. O Auditorio municipal acolle esta fin de semana o “I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón”, organizado desde a Concellería de Seguridade Cidadá que dirixe o edil Guillermo Sánchez -a través do equipo de Educación Vial da Policía Local- e no que participan esta fin de semana preto dun cento de persoas. O alcalde, José Manuel Blanco, inaugurou oficialmente a convocatoria ás 10.00 horas. O rexedor local destacou a implicación do Concello naronés na materia e recordou os inicios do actual programa de Educación Viaria do municipio. Blanco aludiu aos recoñecementos obtidos a nivel nacional, a través da plataforma Atresmedia, cos premios “Ponle Freno” nos anos 2011 e 2014 e subliñou que “consideramos que non hai mellor xeito de respaldar e consolidar este tipo de iniciativas que promovendo novas actividades nesta área para traballar no eido da prevención e reducir as taxas de sinistralidade nas estradas”. O alcalde agradeceu a colaboración da Xunta e da Deputación neste evento e tamén de todas cantas persoas se implicaron na súa organización. O director Xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, participou neste Congreso, subliñando a importancia de reducir a sinistralidade viaria e incidindo en que para acadar este obxectivo, “a ferramenta máis eficaz, persistente e bonita é a Educación Viaria”. Menor destacou o traballo realizado polo Concello de Narón nesta área, asegurando que “falar de Narón e de Educación Viaria son palabras maiores porque este Concello é un modelo a seguir”. Antes de rematar a súa intervención, comprometeu o respaldo da administración autonómica asegurando que “o apoio da Xunta e desta dirección Xeral nunca vos vai faltar”. O relatorio inaugural impartiuno o Fiscal de Sala e Coordinador de Seguridade Viaria da Fiscalía Xeral do Estado, Bartolomé Vargas, que explicou que “un tercio dos delitos rexistrados en Galicia están relacionados coas infraccións de tráfico”, polo que apelou á responsabilidade da cidadanía. “A solución máis drástica do dereito Penal é a prisión e o Ministerio Fiscal non a desexa, é o último recurso, pero hai que aplicala se os xuíces así o determinan”. Vargas recalcou que “a sanción tamén educa e debemos persistir na educativa e na prevención, fundamentais para a seguridade vial”. A continuación comezou o relatorio de Francisco González-Llanos, xefe do servizo de Neurociruxía do hospital Virgen de la Salud de Toledo. Na súa ponencia aludiu a varios accidentes de tráfico e ás súas consecuencias a nivel médico, concretamente nos casos de traumatismos craneoencefálicos e outras posibles lesións derivadas dos mesmos. As melloras nas infraestruturas viarias e no sector do automovilismo permitiron, entre outros factores, reducir o número de accidentes de tráfico, apuntou, citando como exemplo o feito de que “o número de facelementos por accidente de tráfico o ano pasado está ao nivel da década dos sesenta, pero agora hai trinta e un millóns de vehículos e antes había un millón”. “Seguridade, tráfico e consecuencias” foron os temas abordados na primeira mesa de traballo, moderada polo médico Carlos Piñeiro e na que participaron, ademáis de Bartolomé Vargas e Francisco González-Llanos, o Teniente Coronel da Garda Civil e Xefe do sector de Tráfico de Galicia, Francisco Javier Molano, e o responsable de Mobilidade e Educación Viaria de Fesvial, Fernando Minaya. Desde o Departamento de Tráfico, Molano apuntou que “todo o que vemos que hai que mellorar e que está na nosa man facémolo e se non depende directamente de nós, propoñémolo”. Destacando as funcións de prevención e vixilancia, defendeu o traballo deste Corpo pero, dixo, “o máis importante é a educación viaria”. Pola súa banda, Minaya valorou a reducción do número de accidentes e analizou algúns factores a ter en conta e a influencia do uso das novas tecnoloxías na conducción. Ás 16.00 horas iniciouse o relatorio da primeira tenente de alcalde de Pontevedra, Carmen da Silva, baixo o título “Construíndo cidades seguras”, no que analizou a evolución do centro urbán de Pontevedra desde o ano 1999, coa peatonalización do casco histórico. “Foi un traballo intenso pero gratificante ao ver a resposta da veciñanza”, indicou, asegurando que no caso concreto da cidade do Lérez, dixo, “as rúas enchéronse de xente”. “Proxectos e plans urbáns de seguridade viaria e mobilidade” foi a segunda mesa de traballo, que comezou pasadas as 17.00 horas e moderada polo arquitecto xefe dos servizos técnicos municipais de Narón, Manuel Otero. As intervencións correron a cargo de: Alfredo Garrote, arquitecto do Concello de Carballo; Carlos García, director da área de Seguridade Cidadá e Mobilidade da Coruña; José Ramón Franco, director xeral de Intaf e Daniel Agulló, profesor de educación Infantil. Despois dunha pausa para o café retomouse o programa da man de Violeta Manso, xefa da Unidade de Intervención Educativa do Centro Superior de Educación Vial da DXT, que falou na terceira mesa de traballo sobre “A educación viaria nas etapas educativas. A aportación dos axentes educadores”. O programa do Congreso rematará mañá, día 29, pola mañá. A Xefa Provincial de Tráfico da Coruña, María Victoria Gómez, encargarase do relatorio inicial, sobre “Coordinación de programas de Educación Vial”, que comezará ás 10.00 horas e tralo que haberá unha nova mesa de traballo sobre “Estratexias para a coordinación de programas de educación viaria en Galicia”. Os poñentes serán María Victoria Gómez; Mónica Castro, xefa do Servizo do departamento de Formación de Agasp; Diana Parente e Antonio Duarte, oficiais da Policía Local de Santiago e Pontevedra, respectivamente, e Pedro Caneiro, responsable do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, clausurará sobre as 12.40 horas o “I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal