Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O ENCONTRO INTERXERACIONAL MUNICIPAL REUNIRÁ O 12 DE XUÑO NO PASEO DE XUVIA A UN MILLEIRO DE PERSOAS
O Concello e o movemento asociativo deseñaron un completo programa de actividades que se desenvolverán en horario de mañá e tarde
Narón, 1 de xuño de 2016. Un milleiro de persoas acudirán o vindeiro 12 de xuño á quinta edición do Encontro Interxeracional Municipal do Concello de Narón. A concelleira de Promoción Social, Teresa Sabio, mantivo esta mañá a última xuntanza con representantes do movemento asociativo da localidade e da comarca para perfilar o desenvolvemento da convocatoria, que terá lugar no paseo marítimo de Xuvia a partir das 11.00 horas. A edil naronesa asegurou que moitas persoas comerán baixo as carpas instaladas na zona, se ben subliñou que poderán acudir os veciños e veciñas que desexen gozar desta xa tradicional cita festiva que abranguerá un completo programa de actividades. Este evento convócase cada ano con motivo do remate das actividades de envellecemento activo impulsadas desde o Concello e que se levan a cabo durante o ano en diferentes locais do municipio. A convocatoria comezará ás 11.00 horas, cun programa musical a cargo de alumnado das actividades do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. Cancións de animación, sevillanas e musicoterapia formarán parte das actividades matinais, que continuarán sobre as 11.45 coa actuación das Cantareiras do Val, da Fundación Terra de Trasancos. A cargo do Padroado da Cultura terán lugar tamén as actuacións musicais de acordeón, a partir das 12.25 e sobre as 12.40 horas será o turno do grupo de cantores da Asociación Sociocultural ASCM, coa actividade “Sonidos de amor”. Ás 12.55 haberá sesións de danza oriental e ás 13.10 actuará a Coral municipal, que interpretará un variado repertorio. O xantar comunitario está fixado para as 14.00 horas e pola tarde retomarase o programa de actividades ás 16.00 horas, coa actuación dun grupo musical e a partir das 17.30 con sesións de zumba a cargo de persoal do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e da Asociación de Veciños da Solaina, trala que que haberá outra actuación musical. Ás 18.00 programouse unha sesión de terapia de intervención asistida con cans, coa participación da Asociación de Pais e Nais de Nenos con Minusvalías (Aspanemi). Na zona próxima ao parque infantil instalaranse varios inchables e haberá xogos para os nenos e nenas durante toda a xornada. Os asistentes terán tamén a oportunidade de ver as exposicións solidarias que se localizarán na zona e demostracións en vivo de artesanía. Haberá unha mostra con traballos de debuxo e pintura da AVV da Solaina; outra de pintura da AVV San Xiao; unha de manualidades de Aspanaes; bordado a bolillos de Areosa; de debuxo e interiorismo da AVV do Alto, e dun curso de confección e de cestería de Acción Familiar (AFA). As mesas informativas baixo as jaimas que se instalarán no paseo serán da Asociación Sociocultural ASCM –que tamén exporá traballos de manualidades-; da Asociación Virutas; da asociación Bbtta; da Asociación de Pais de Nenos con problemas Psicosociais (Aspaneps) e da Asociación de Diabéticos. A edil de Promoción Social avanzou ademais que no caso de que as condicións meteorolóxicas sexan favorables, se convocarán unha serie de roteiros de sendeirismo pola zona, para coñecer o patrimonio local, con itinerarios de aproximadamente dous quilómetros. Para que se leven a cabo terá que participar un número mínimo de persoas. Teresa Sabio recordou que o Concello habilitará un servicio de autobús de ida e volta a Xuvia polas parroquias, cuxo itinerario e horarios se darán a coñecer nos videiros días. No que respecta ao tráfico, informou tamén do habilitamento para estacionar dunha parcela fronte á praza do colexio de Xuvia –donde se instalan habitualmente as atraccións da festa- e tamén das rúas Marcial Calvo e algunha transversal desa zona, de ser necesario. A concelleira naronesa agradeceu o traballo de todas as entidades que colaboraron na organización do evento e animou á veciñanza a participar na convocatoria.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal