Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
INICIO DO "CURSO PRÁCTICO DE ELABORACIÓN DE TAPAS" NO CENTRO DE FORMACIÓN IRMÁS FROILAZ
Un total de trinta e catro hostaleiros da localidade participan nesta iniciativa, impulsada desde a Concellería de Promoción Económica
Narón, 21 de xuño de 2016. As instalacións do Centro de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acolleron a primeira das xornadas do “Curso práctico de elaboración de tapas” enmarcado no programa Narón Gastronómico. O edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, asistiu á primeira hora á presentación do curso que imparte Xoán Crujeiras, profesor no IES Fraga do Eume de Hostalería e copropietario do restaurante “A Estación”, en Cambre, distinguido cunha Estrela Michelín e un Sol Repsol. Un total de trinta e catro hostaleiros da localidade –en representación de vinte e catro establecementos- participan nesta iniciativa impulsada desde a Concellería de Promoción Económica. Crujeiras transmitiu aos hostaleiros que asisten ao curso a importancia que teñen as tapas no sector, repercutindo directamente na facturación dos establecementos. “É moi importante o produto a utilizar nas tapas e a súa elaboración, pero non podemos esquecer o modo de presentalas”, subliñou. Na sesión os hostaleiros locais tiveron a oportunidade de cociñar saborosas brochetas de solombo de porco con arroz, especies marroquíes e salsa de pimentón; bocadillos de carrilleiras estofadas, queixo brie, tomate seco e albahaca ou croquetas de mexillón tigre, entre outra decena de especialidades. A vindeira sesión do “Curso práctico de elaboración de tapas” desenvolverase o vindeiro martes, 28 de xuño, tamén en horario de 17.00 a 19.30 horas en Irmás Froilaz. Nesta ocasión os participantes, tal e como apuntou Crujeiras, terán a oportunidade de cociñar tapas máis elaboradas e nas que se utilizarán como ingredientes, entre outros, o pemento do Couto e o tomate negro de Santiago. O edil de Promoción Económica indicou que ao empregar este tipo de produtos na elaboración das tapas “ofrécese a posibilidade de dalos a coñecer e promocionalos entre a clientela dos establecementos, e tamén de amosar diferentes receitas a base destas especies de pemento e tomate cultivados na localidade e comarca”. Villamar agradeceu a presencia de Xoán Crujeiras nesta iniciativa e tamén a de todos os representantes do sector hostaleiro local que se implicaron tanto neste curso como noutras propostas que se impulsan a través do programa “Narón Gastronómico”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal