Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADA A PROGRAMACIÓN DO PADROADO DA CULTURA PARA O SEGUNDO SEMESTRE DESTE ANO
A Xunta do Padroado deu luz verde a unha variada programación con espectáculos musicais, teatrais e de danza para todos os públicos
Narón, 10 de xullo de 2016. O Padroado da Cultura de Narón aprobou na Xunta do Padroado unha trintena de espectáculos a desenvolver entre este mes e o vindeiro decembro no municipio. O Pazo da Cultura acollerá a práctica totalidade das sesións programadas, tal e como anunciou a vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, que indicou que o orzamento das actuacións contratadas desde a entidade para o segundo semestre de ano é de 117.488 euros. E entre o total dos espectáculos, dúas estreas, tal e como destacou Ferreiro, a da obra “Get back”, da compañía Eme2 Emoción&Arte, o vindeiro mes de setembro, e de “Rubicundo”, de Ghazafelhos, en outubro, esta última para o público infantil, destinatario tamén de parte desta programación. O concerto que o grupo de música folk Milladoiro deu o pasado sábado na parroquia de San Xiao abriu a programación dos vindeiros seis meses deseñada desde o Padroado. A continuación, no mes de setembro, chegarán ao Pazo da Cultura a compañía Chévere, o día 17, coa obra de teatro “Eroski Paraíso”, que conta a historia dunha parella que se coñeceu en Muros, tivo unha filla, emigrou e regresa a Galicia. Tamén nese mes terá lugar a estrea de “Get back”, da compañía Eme2 Emoción&Arte, que se poderá ver os días 23 e 24 e na que se abordan as historias dun grupo de galegos que vive en Londres. Setembro será tamén o mes no que a Compañía Nacional de Teatro Clásico e Ron Lalá subirán ao escenario do Pazo, o día 30, coa peza “A Cervantina”, baseada en poemas e novelas do escritor español Miguel de Cervantes. O grupo Pesdelán abrirá a programación do Pazo no mes de outubro, o día 1, co espectáculo “Danza interior”, para, a continuación, subir ao escenario a compañía Teatro do Atlántico, os días 7 e 8, e representar a obra “Helena: xuízo a unha lurpia”, unha producción que situará ao espectador nos tempos da mitoloxía grega e que artellará unha historia enlazándoa coa época actual. O público infantil será o destinatario da obra “Pulgarcito”, que a compañía Teatro Paraíso representará o 9 de outubro, e a fin de semana do 14 ao 16 do mesmo mes será o turno das compañías Tertulia Produccións, Caramuxo Teatro e Choní Compañía Flamenca, que traerán a Narón, respectivamente, ao cómico e actor español Quique San Francisco e as obras “Zapatos” –para o público infantil- e “Flamenco tratado”, unha conferencia bailada en diferentes estilos a cargo dunha “cantaora” e un guitarrista. O día 22 será o turno de Kukai Dantza, coa obra “Oskarra”, que fai un completo repaso pola cultura do País Vasco. Os dous últimos espectáculos de outubro correrán a cargo de Ghazafelhos, coa estrea de “Rubicundo” o día 23, que parte dun relato de María Canosa, finalista no premio da XXIX edición do Merlín de Literatura Infantil e da compañía teatral galega ButacaZero, que representará o día 29 a obra “Voaxa e Carmín”, un guiño ás irmás Maruxa e Coralia Fandiño, máis coñecidas como “As Marías de Santiago”, cuxa escultura está na Alameda de Compostela. No mes de novembro o día 5 estarán no Pazo Quique Peón e Cía. e Xacarandaina, con “O poder do arcabuz”, un espectáculo de danza tradicional sobre a Revolución Irmandiña de Galicia na Baixa Idade Media, e o día 12 será o turno de Etiqueta Negra, co espectáculo “Berto Romero sigue con nosotros”, cargado de humor, música e baile e protagonizado polo humorista cuxo nome leva o evento. O concerto que leva por título “A festa son eu!!!”, para público infantil, chegará tamén o día 12 de novembro a Narón, nesta ocasión ao local social de Doso, donde actuará o grupo musical O Sonoro Maxín. O teatro e a música serán de novo os protagonistas os días 19 e 20, con Pentación Espectáculos e Tertulia Producción, que traerán respectivamente a obra “La asamblea de las mujeres” –dirixida por Juan Echanove e con María Galiana, Pastora Vega e Sergio Pazos entre o seu elenco- e o espectáculo “Noche Sabinera”, onde se fará un repaso pola discografía do cantante español Joaquín Sabina. A finais de novembro, o día 26, a compañía Teloncillo protagonizará o espectáculo “Muuu…”, dirixido a nenos e nenas de máis de seis meses e no que se interpretarán varias cancións populares. Nova Galega de Danza traerá a Narón o día 26 o espectáculo “Son”, cunha decena de coreografías sobre fusión de danza tradicional galega con flamenco e baile contemporáneo. No mes de decembro desenvolveranse os sete últimos espectáculos previstos nesta programación do Padroado da Cultura. Os días 2 e 3 a orquestra Panorama estreará un espectáculo musical e o día 4 Tertulia Producción representará “Aventura Canina”, dirixido especialmente ao público infantil. A obra “Raclette”, de Ibuprofeno Teatro, representarase o día 10 e a fin de semana do 17 e o 18 terán lugar, respectivamente, o concerto “The Tambourine man”, con Xabier Díaz&Adufeiras de Salitre, con temas tradicionais galegos e en castelán, e a representación de “Pinocho”, de Educateatro Produccións. Na xornada do 22 de decembro terá lugar un novo concerto, nesta ocasión de góspel, a cargo de South Carolina Ghospel Chorale, unha formación de Carolina del Sur que mistura o góspel moderno e o soul tradicional, subíndose tamén ao escenario do Pazo nesa xornada o Coro Solidarium Terra de Trasancos, integrado por alumnado do citado instituto naronés. Finalmente, o 28 de decembro a compañía Concerlírica representará “La bella durmiente”. A vicepresidenta do Padroado da Cultura asegurou que se trata dunha serie de espectáculos “moi variados cos que desde o Padroado queremos ofrecer unha oferta de interese para públicos de todas as idades e abordando diferentes xéneros”. Marián Ferreiro aludiu ao respecto á calidade das actuacións musicais, teatrais e de danza que se desenvolverán ata finais de ano e avanzou que “a programación do Padroado incluirá novos espectáculos que poderán contratarse nos vindeiros meses, a maiores dos xa aprobados na Xunta do Padroado da Cultura”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal