Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN LOCAL APROBA POR UNANIMIDADE NO PLENO A CESIÓN DUNHA PARCELA Á FUNDACIÓN "PARQUE CIENTÍFICO TECNOLÓXICO RÍO DO POZO"
O terreo, dunha superficie de algo máis de mil metros cadrados, permitirá á entidade concorrer ás axudas anunciadas pola Xunta para a construción de escolas infantís en parques empresariais
Narón, 28 de xullo de 2016. A corporación local de Narón aprobou por unanimidade no pleno ordinario de finais de mes a cesión dunha parcela de titularidade municipal –localizada no polígono de Río do Pozo- á Fundación “Parque científico-tecnolóxico Río do Pozo”. A iniciativa permitirá poñer a disposición da Xunta de Galicia unha superficie na que poder construír unha nova escola infantil na localidade, para así acollerse á orde da concesión de axudas habilitada pola citada administración para habilitar garderías en polígonos industriais e parques empresariais. Os traballos estarían cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, concretamente con cargo ao programa Feder Galicia 2014-2020. A parcela que cederá o Concello ten unha superficie de 1.162,50 metros cadrados e cumpre os requisitos solicitados na disposición autonómica. A posible construción da escola infantil en Río do Pozo permitiría completar a rede municipal –con centros na Solaina, A Gándara, Piñeiros e Xuvia- e autonómica deste tipo de instalacións. Na proposta plenaria aprobada especifícanse ademais os prazos determinados polo Concello, que demanda o fin das obras nun período de 18 meses -contados desde a obtención da licencia municipal para os traballos- e de dous anos -desde o día seguinte á sinatura do contrato de cesión do terreo-. No caso de non cumprirse os usos ou non edificar na parcela caducará esta cesión gratuíta, revertindo a finca e o edificado, se fose o caso, na administración local, sen necesidade de aboar ningunha partida económica desde as arcas municipais. Na sesión plenaria aprobouse tamén a adhesión do Concello á Fundación Axencia Enerxétixa Provincial da Coruña (Faepac), coa que a administración local naronesa vén desenvolvendo varias actuacións nos últimos anos. O acordo aprobado no pleno contempla, entre outros asuntos, o nomeamento do edil de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, como representante do Concello no Padroado da citada Fundación. Así mesmo, aprobáronse como festivos locais para o vindeiro ano 2017 o 23 de novembro, Día de Narón, e o 1 de marzo, Mércores de Cinza. No apartado de mocións, saíu adiante –co apoio de todos os grupos políticos excepto do Partido Popular- unha moción do grupo de goberno para respaldar á plataforma de vítimas do Alvia 04155. O acordo contempla solicitar ao goberno do Estado que encargue a unha comisión de expertos e técnicos independentes a investigación do acontecido no tráxico sinistro, e ao futuro goberno do Estado a apertura dunha comisión de investigación en sede Parlamentaria para depurar posibles responsabilidades políticas. Minutos antes da celebración plenaria o alcalde, José Manuel Blanco, e os portavoces dos grupos políticos con representación no Concello reuníanse con Asunción Ferreiro, Jesús Naveiras e Álvaro García, representantes da citada plataforma –que presenciaron o pleno-, para abordar este documento. O PP presentou unha moción por vía de urxencia sobre a investigación independente do accidente de Angrois que non saíu adiante. Sobre esta última, Blanco recalcou que “o goberno local ten un compromiso coa Plataforma de vítimas e nós respaldamos a moción impulsada desde o colectivo”. O alcalde aclarou ao respecto que no caso de que a plataforma considere oportuno abordar o documento presentado polo PP se tratará noutra sesión plenaria, pero sempre, subliñou, no caso de que o colectivo respalde os puntos recollidos nesa proposta. O grupo de goberno e EU (Grupo Mixto) aprobaron co respaldo de ENE unha moción para apoiar a vivenda digna como ben social e para declarar a Narón como cidade libre de desafiuzamentos e os mesmos grupos respaldaron outra presentada por EU para declarar a Narón municipio libre do tráfico de mulleres e nenas. Na sesión plenaria rexeitáronse unha moción de ENE sobre a realización de obras con cargo ao Plan Hurbe no ano 2016 e outra do PP relativa á sinatura de convenios.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal