Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
REPRESENTACIÓNS TEATRAIS, MÚSICA, ARTESANÍA E DEPORTE CENTRARÁN A PROGRAMACIÓN DO "XVIII OENACH ATLÁNTICO DE SEDES"
A convocatoria, declarada Festa de Interese Turísrico de Galicia, desenvolverase do 29 ao 31 de xullo no recinto feiral do Trece
Narón, 28 de xullo de 2016. O recinto feiral do Trece acollerá esta fin de semana, do 29 ao 31, a décimo oitava edición do Oenach Atlántico de Sedes. Durante tres días nesta parroquia naronesa desenvolveranse unha gran variedade de actividades artesanais, teatrais e deportivas, entre outras, e non faltarán tampouco os concertos e o baile, así como un mercadiño artesán. A programación abrirase o venres 29 ás 21.00 horas, coa recreación do renacemento do Lume Novo Solsticial nas pallozas da Aldea Castrexa –donde un prendido de lume e a lectura dun texto darán por inaugurada esta edición do Oenach- e unha hora máis tarde, ás 22.00, comezará a actuación das cantareiras e pandereteiras galegas Leilía, incluída na Noite de Música Galiciana. A programación retomarase o sábado día 30, a partir das 11.00, coa apertura da Campa castrexa, na que veciños e visitantes poderán ver un mercadiño artesán, cunha trintena de postos nos que se venderán diferentes produtos; unha mostra da artesanía de Luthieres a cargo da Asociación de Gaiteiros Galegos; artesanía en vivo e obradoiros didácticos (sobre construción de vivenda, tecido, cociñado castrexo, photocall castrexo e animación teatral). Na propia Campa acotarase durante o sábado e o domingo unha zona lúdica para que os asistentes, tanto nenos e nenas como maiores, participen nunha gran variedade de xogos. A partir das 14.00 horas dará comezo o Oenach Gastronómico, cunha zona propia de comidas con grellados, forneados e doces e tras un pertinente descanso para a comida, ás 17.00, será o turno da compañía teatral Os Ghazafelhos, que representará a obra “Contos para escagarriñarse”. A partir das 18.00 horas iniciaranse unha serie de xogos populares e obradoiros de enredos tradicionais, cunha mostra de loita galega e ás 19.00 chegará a música da man do grupo de Música e Danza Tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura do Concello de Narón. O Castro de Eiravedra será a ubicación idónea para celebrar un ano máis a tradicional Noite do castro, a partir das 22.30 horas. Os protagonistas serán, nesta ocasión, os veciños e veciñas que integran a Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, que estrearán a obra “O Paxaro de Eiravedra”, un texto elaborado e ensaiado a través das Escolas de Teatro do Padroado da Cultura de Narón. O concerto do grupo Böj, que comezará ás 00.30 horas, pechará a programación prevista para a xornada do sábado. A cita festiva continuará o domingo, día 31, coa reapertura, ás 11.00 horas, da Campa castrexa, onde se poderá ver de novo o mercadiño artesán, a mostra de artesanía de Luthieres a cargo da Asociación de Gaiteiros Galegos, artesanía en vivo e os obradoiros celebrados na xornada do sábado. Ás 12.00 horas haberá unha mostra e exhibición de raza canina a cargo do Club de Raza Can de Palleiro e ás 13.00 voltará a Sedes o teatro, nesta ocasión cunha recreación na campa castrexa que protagonizarán novamente os integrantes da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, da que forman parte unha trintena de persoas. Os asistentes poderán degustar de novo os menús do Oenach Gastronómico a partir das 14.00 e xa pola tarde, desde as 17.00 haberá unha exhibición de Xogos populares e Deporte rural, para continuar o programa cunha carreira popular que comezará ás 19.00 horas. Poderán participar persoas de diferentes idades, se ben é preciso inscribirse, de balde, no propio recinto do Trece, ata media hora antes de iniciarse. Haberá categorías masculina e feminina ata 8 anos; ata 13, e absoluta, habilitándose circuítos para as infantís e un tramo de cinco quilómetros para a absoluta, que discorrerá entre a Feira do Trece e o Castro de Eiravedra. Finalizadas as probas deportivas, entregaranse os trofeos (un total de dezaoito), sobre as 20.30 horas, e clausurará este “XVIII Oenach Atlántico de Sedes” a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón. A organización da convocatoria corresponde ao Padroado da Cultura, á Concellería de Turismo e á Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes, que animan á veciñanza a desprazarse esta fin de semana a Sedes para gozar da variada oferta deseñada para celebrar esta convocatoria, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. A edición deste ano conta coa colaboración, entre outras, da Axencia de Turismo de Galicia e de Abanca.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal