Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
AS REPRESENTACIÓNS TEATRAIS CENTRAN A PROGRAMACIÓN DESTE MES DO PADROADO NO PAZO DA CULTURA
As entradas para os espectáculos previstos na programación poden adquirirse a partir do 5 de setembro na billeteira do Pazo
Narón, 3 de setembro de 2016. O Pazo da Cultura de Narón acollerá este mes un total de tres espectáculos teatrais incluídos na programación deseñada para o segundo semestre do ano desde o Padroado da Cultura. As representacións previstas traerán a Narón ás compañías Chévere, Eme 2 Emoción&Arte e á Compañía Nacional de Teatro Clásico e Ron Lalá, tal e como recordou a vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro. A programación correspondente ao segundo semestre do ano iniciouse o pasado mes de xullo co concerto de Milladoiro e Ferreiro apuntou que a partir deste mes “comezarán a sucederse no Pazo da Cultura unha gran variedade de espectáculos dirixidos a todo tipo de públicos co fin de respostar na medida do posible á excelente aceptación que ten ano tras ano a programación deseñada desde o Padroado da Cultura de Narón”. A primeira en subirse ao escenario será a compañía Chévere, o día 17 de setembro, para representar, a partir das 20.00 horas, a obra Eroski Paraíso. Eva Martínez e Antonio Formoso son os protagonistas desta comedia, a nova produción de Chévere para 2016. A historia comeza a desenvolverse en Muros, coa sala de festas O Paraíso como punto de partida de numerosas historias reais datadas entre 1970 e 1990 e nas que se afonda no desarraigo vital dunha xeración e o desmoronamento do Estado de Benestar. Eva e Antonio coñécense no Paraíso e casan despois de quedar ela embarazada da súa filla Álex, que naceu ao ano de contraer matrimonio e coincidindo co peche da sala de festas na que se coñeceron e donde anos máis tarde se construiría un supermercado (Eroski). Alí traballará Eva tras regresar da emigración, vinte e cinco anos máis tarde, para coidar ao seu pai en Muros. Antonio queda en Canarias traballando e a filla vai estudar a Barcelona pero voltará a Muros para facer un documental. Este mes terá lugar no Pazo da Cultura unha estrea, a da obra Get Back, da compañía Eme2 Emoción&Arte, que se representará os días 23 e 24 deste mes ás 20.30 e ás 20.00 horas, respectivamente. Trátase dunha comedia dunha hora e media de duración entre cuxo elenco están Antonio Durán (“Morris”) e Mercedes Castro, entre outros actores. A peza reflicte a historia de catro galegos e un inglés que viven en Londres e os vagóns do metro serán unha ubicación clave no desenvolvemento desta comedia na que os problemas comezarán no interior do metro tras un parón inesperado nun túnel do percorrido que realizan. A última das obras incluídas na programación do Padroado da Cultura para este mes é Cervantina, da Compañía Nacional de Teatro Clásico e Ron Lalá (coprodución). A representación terá lugar o día 30 ás 20.30 horas. Esta peza levará ao público ao teatro clásico, da man dunha serie de versións de textos do escritor español Miguel de Cervantes. As entradas para cada un destes tres espectáculos teñen un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados. Poderán adquirirse na billeteira do Pazo da Cultura a partir do vindeiro luns, día 5 de setembro. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 102 897.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal