Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADO NO PLENO O REAXUSTE DE ANUALIDADES DE PAGO PARA A REDACCIÓN DO NOVO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL
O alcalde, José Manuel Blanco, confía en que os trámites avancen sin incidencias para poder adiantar os pagos e aprobar o documento definitivamente a finais do ano 2018
Narón, 29 de setembro de 2016. Os edís do grupo de goberno, do PP e de EU aprobaron a proposta de reaxuste de anualidades do contrato para redactar o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Narón. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio remitiu un escrito ao Concello no que se dá conta do cronograma de execución. No documento explícase que no ano 2018 se procederá a investir 45.936 euros, para presentar o informe previo á aprobación inicial do PXOM; no ano 2019 a partida será de 91.872 euros, para a aprobación inicial e provisional do documento e, por último, na anualidade de 2020 aportaranse os 45.936 euros restantes para aprobalo definitivamente. Estes prazos son orientativos, tal e como recalcou o alcalde, José Manuel Blanco, que explicou que os definitivos virán marcados polo avance dos trámites precisos para aprobar o PXOM da cidade. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, prevé que o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Narón se aprobe definitivamente a finais do ano 2018. No pleno saíu adiante un reaxuste das anualidades destinadas á redacción do documento, no que figuran uns prazos orientativos marcados desde a administración autonómica. “A nosa intención é que o Plan Xeral de Ordenación Municipal se aprobe inicialmente a mediados do vindeiro ano, o que nos permitirá, no caso de que non se rexistren incidencias, aprobalo definitivamente a finais do ano 2018”, asegurou Blanco. “No caso de que os traballos pendentes avancen según as previsións do goberno local, desde o Concello solicitarase á Xunta que abone as cantidades asignadas antes do tempo marcado no cronograma, e non hai ningún problema para seguir axilizando os trámites e adiantando os pagos a medida que avancemos”, explicou Blanco. O alcalde naronés recoñeceu que os traballos se están desenvolvendo “cun pequeno retraso”, incidindo en que esa demora responde en certa medida a que “o regulamento que aplica a nova Lei do Solo xa está aprobado, pero aínda non se publicou oficialmente”. O que se trata de evitar desde o goberno local de Narón é, indicou o alcalde, que se repita o acontecido no ano 2002. “O Plan Xeral actualmente en vigor en Narón aprobouse no ano 2002, no mes de abril, e xusto en decembro dese mesmo ano a Xunta aplicou cambios na Lei do Solo, o que fixo que boa parte do traballo realizado durante varios anos no Concello para redactar o PXOM non servise para o documento final”. Á vista da situación actual o alcalde asegurou que “en Narón non teremos que chegar ao ano 2020 para contar cun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal”. Así mesmo, no pleno deuse conta e ratificouse unha resolución de alcaldía para aprobar o proxecto técnico modificado da obra de acondicionamento da Praza do colexio de Xuvia, que se enmarca nas actuacións a acometer con cargo ao Plan de Acción Social 2015 da Deputación da Coruña. O investimento contemplado para estes traballos, que se executarán este ano, ascende a 95.449,68 euros e o goberno local solicitará autorización á Dirección Xeral de Patrimonio para acometer a intervención prevista. O tripartito naronés contou neste punto co respaldo dos concelleiros do PP e do portavoz de EU. A corporación local acordou tamén solitar ao Ministerio de Facenda a pertinente autorización para repoñer o cen por cento das prazas vacantes da Policía Local. En concreto, trátase dun posto libre trala xubilación dun dos axentes, unha proposta que non interfire no obxectivo de estabilidade orzamentaria do Concello, tal e como certifican os informes de Intervención. Os edís do PP e o portavoz de ENE abstivéronse na votación. Na sesión plenaria acordouse por unanimidade a adhesión de Narón á Asociación de Concellos do Camiño Inglés, co fin de promover, xunto con outras localidades, esta ruta Xacobea. Así mesmo, entre os fins desta entidade –en trámites de constitución- estarán a defensa e mellora do patrimonio natural e histórico da zona; impulsar a promoción turística da mesma e iniciativas promovidas desde outros organismos e administracións. O PSOE presentou unha moción con motivo do Día Internacional do Aborto Seguro, que se conmemora o 28 de setembro, para apoiar a campaña que se está impulsando ao respecto a nivel internacional e a declaración desa data como Día oficial das Nacións Unidas. O documento contou co respaldo de TEGA, BNG, ENE e EU e a oposición dos edís do PP. O portavoz de Eliximos Narón Electores presentou tamén unha moción, neste caso instando ao goberno municipal a mellorar o mantemento e a conservación dos edificios e instalacións da súa competencia que non se aprobou. Pola vía de urxencia abordouse no pleno unha moción de EU Narón sobre a adaptación dos pasos de peóns da cidade para persoas con mobilidade reducida, que se aprobou cunha enmenda formulada desde o grupo de goberno para incluír no texto que “se porán todos os medios posibles para a adaptación progresiva dos pasos de peóns cando sexa posible, ao igual que se fai na actualidade”. A moción aprobouse por unanimidade. Tamén por vía de urxencia se presentaron outras dúas mocións do PP que non se aprobaron. Nunha delas o partido solicitaba arranxos na rúa Xoán XXIII, en Xuvia, cuxas obras están xa incluídas no PAS 2015, nunha relación aprobada tamén polos edís do PP, tal e como recordou no pleno a portavoz de TEGA, Marián Ferreiro. A segunda era para a limpeza de fincas no termo municipal, asunto sobre o que o edil de Medio Ambiente, Octavio Dopico, explicou que na actualidade se están tramitando máis dun centenar de expedientes. O edil recordou que son os propietarios das fincas os encargados de limpalas e indicou que o Concello non pode actuar “como unha empresa de limpeza e tampouco pode entrar sen autorización en propiedades privadas”. Dopico destacou a continua labor que se realiza de control desde a Policía Local e con consultas no Rexistro para controlar a titularidade das propiedades en mal estado e obrigar ao cumprimento da normativa en vigor, na que se contempla a imposición de sancións por non ter limpas as fincas.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal