Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A "GALA DA IRMANDADE" DO PROGRAMA DAC-OUTONO CULTURAL DA DEPUTACIÓN DA CULTURA ESTREARASE NO PAZO DA CULTURA
O domingo 13 de novembro a partir das 19.00 horas sucederanse varios espectáculos programados para conmemotar as figuras de Castelao, Manuel María e as "Irmandades da Fala"
Narón, 11 de novembro de 2016. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área de Cultura do ente provincial, Goretti Sanmartín, presentaron a “Gala da Irmandade”, que se celebrará o vindeiro día 13 de novembro no Pazo da Cultura de Narón acompañados polos protagonistas do espectáculo, os actores Luís Iglesia e Xabier Deive. A proposta, que traerá a Narón a artistas e grupos de primeira fila, inclúe varios espectáculos. O evento dará comezo ás 19.00 horas e as persoas interesadas en asistir poden recoller as invitacións na billeteira do Pazo da Cultura, en horario de 9.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 ata o sábado e o domingo unha hora antes do inicio do espectáculo. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, agradeceu á vicepresidenta da Deputación o feito de que este espectáculo se programase en Narón, amosando a disposición do Concello de continuar nesta vía de colaboración con este tipo de iniciativas. O rexedor local animou tamén á veciñanza a asistir a este evento, con actividades pensadas para públicos de diferentes idades. O municipio de Narón foi o elixido para celebrar a “Gala da Irmandade”, un dos “pratos fortes” do programa DAC-Outono Cultural impulsado desde a Deputación da Coruña, tal e como destacou Goretti Sanmartín. Esta iniciativa contempla actos nos dezaoito concellos cabeceira de comarca ata finais deste ano, co fin de achegar as figuras e efemérides culturais conmemoradas este ano en Galicia: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Ano Castelao Artista), Irmandades da Fala (Centenario) e Manuel María (Día das Letras Galegas) a persoas de diferentes idades, promovendo así o seu coñecemento. A vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura subliñou que entre os obxectivos deste ambicioso programa está tamén o feito de “que se pon en marcha a través de catro espectáculos de primeiro nivel: "Barriga Verde", "Retrincos de Castelao", "Menú da fala" e "Gala da Irmandade", utilizando como espazos escénicos os centros educativos de Primaria e Secundaria, Casas de Cultura, Auditorios e a propia rúa”. A compañía Maquinaria Pesada, de Isabel Risco, será a encargada de presentar a "Gala da Irmandade" a través de dúas persoas que se converterán en personaxes das Irmandades. A música do evento correrá a cargo de Alonso Caxade, gran coñecedor da música da época. A programación do evento inclúe a actuación da compañía Os Quinquilláns, que situará aos espectadores nas Irmandades e unha actuación do Mago Teto, cun número especificamente creado para esta Gala. Estarán tamén sobre o escenario do Pazo Luís Iglesia e Xabier Deive (Boneca Lareta), que falarán sobre as orixes da muñeira e de cómo chegou a USA transformada en “Bluesñeira”. No apartado de canto e danza actuarán Mónica de Nut e Ánxela Blanco, que misturando ópera e danza contemporánea trasladarán ao público a unha época especial. Luis Iglesia e Xabier Deibe explicaron que a escenografía estará formada polas siluetas dos once persoeiros das Irmandades da Fala na Coruña. “Falamos das Irmandades e todos os números están vencellados a esta idea. A Gala é unha mistura de moitos números que achegan o ideario das Irmandades á época actual, valores que hoxe se comparten, tales como o feminismo e o idioma, e con moito humor”, apuntou Iglesia. Esta proposta da Deputación da Coruña inclúe ademais ao municipio de Narón na programación deseñada para o vindeiro mes de decembro nos centros educativos. Na cidade está prevista a representación, o luns día 19, de O Conto de Barriga Verde no CEIP A Solaina, ás 10.00 horas, e de Retrincos de Castelao, ás 12.00 no CPI do Feal. O primeiro dos espectáculos presenta a obra de Manuel María dun xeito accesible para os nenos e nenas, baseándose nunha historia de amor entre Fiz e Catuxa, dous rapaces galegos que axudados polo popular Barriga Verde superarán as trabas que lles interporán outros personaxes. En canto a Retrincos de Castelao, a segunda das obras, aborda a figura deste recoñecido autor galego na súa vertente de narrador e de viñetista. A protagonista do espectáculo, Zeltia, descubre a vida de Castelao a través das figuras que lle presenta Pedro, un morto que rencompila historias de mortos para entregarllas ao escritor de Rianxo.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal