Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
EMOTIVA HOMENAXE NO CONCELLO ÁS EMPRESAS MEGASA, TRANVÍAS DE FERROL E GRUPO INTAF
O pleno acordou o pasado mes de outubro organizar un recoñecemento oficial ás compañías con 75 anos ou máis asentadas na cidade
Narón, 19 de novembro de 2016. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidiu no Concello a homenaxe institucional a tres empresas que levan 75 anos ou máis radicadas no municipio. A iniciativa enmarcouse no programa dos actos conmemorativos do Día de Narón –que se celebra o vindeiro 23 de novembro- e comezou ás 11.30 horas coa sinatura no Libro de Ouro do Concello de Javier e Jesús Botas, xestores de Tranvías de Ferrol; José Ramón e José Manuel Franco, do Grupo Intaf, e Andrés e Lucía Freire, de Megasa. No momento da firma, que tivo lugar no despacho do alcalde, estiveron tamén presentes os portavoces dos grupos políticos municipais, así como algúns familiares dos xerentes das tres compañías homenaxeadas. Rematadas as sinaturas no Libro de Ouro os actos continuaron no salón de plenos do Concello, donde estaban xa o resto de edís da corporación local e acompañantes dos xestores das tres sociedades, así como representantes do plantel de traballadores das mesmas. Unha vez reunidos deu comezo a intervención do alcalde, que felicitou aos responsables de Megasa, Tranvías de Ferrol e do Grupo Intaf e aludiu á orixe destas tres firmas asentadas na localidade. “É preciso recordar tamén hoxe dun xeito especial aos seus fundadores, que apostaron no seu día polo emprendemento. Unha aposta que de seguro non foi fácil nos seus primeiros tempos pero que os seus sucesores souberon manter e consolidar en anos sucesivos”, recalcou. Tivo tamén palabras de agradecemento o rexedor para os familiares e traballadores e dirixiuse aos empresarios valorando o feito de que “a vosa exitosa traxectoria convertiuvos nun referente e nun exemplo para moitos emprendedores que hoxe inician un nada sinxelo camiño no mundo empresarial”. Trala lectura da acta plenaria do pasado mes de outubro na que se acordou a realización desta homenaxe –cos votos favorables de vinte dos vinte e un edís da corporación local, todos menos o representante do Grupo Mixto (ENE)-, proxectouse un vídeo que resumía a historia das tres sociedades. A continuación, o alcalde entregou aos xestores de Megasa, Tranvías de Ferrol e do Grupo Intaf un pergamiño enmarcado e unha figura deseñada polo artista luso Manuel Patinha para, de seguido, dar paso ás intervencións dos seus xestores. En nome de Tranvías de Ferrol falou Jesús Botas, que agradeceu a convocatoria desta homenaxe, que calificou de “moi emotiva”, e dedicou as súas primeiras verbas ao fundador da sociedade, Ubaldo Barcón Sandino, un home, dixo, “de gran capacidade, pioneiro e que apostou por un proxecto súper integrador naqueles tempos”. Desde o ano 1922, a nivel de mobilidade “estimamos que esta empresa moveu trescentos millóns de pasaxeiros; esta foi e é a vocación de servizo público de Tranvías e a súa colaboración para a vertebración de Narón”, indicou Botas. Para rematar, adicou a homenaxe a Ubaldo Barcón, a todos os empregados da compañía e aos viaxeiros das actuais liñas de autobús. Pola súa parte, o xerente do Grupo Intaf, José Ramón Franco, recordou ao impulsor do proxecto, o seu pai Ramón, que creou unha forxa no municipio no ano 1941. “Hoxe está aquí a terceira xeración da nosa familia, incorporada á empresa co mesmo espírito, a mesma ilusión e as mesmas ganas de traballar”, indicou. Franco valorou a organización deste recoñecemento por parte do Concello e tivo tamén palabras de agradecemento para o persoal das súas sociedades e para os clientes das mesmas. “Setenta e cinco anos é un pouco de sorte, ou moita sorte, ou nada de mala sorte, pero entendemos que a seriedade no traballo, o compromiso e a constancia son eixos dos que intentamos facer gala e manter no tempo”, subliñou. En terceiro lugar falou Lucía Freire, en representación de Megasa e Freire Hermanos, que tamén agradeceu o apoio do Concello de Narón na traxectoria da empresa na localidade e a labor dos traballadores da mesma. “Desde a súa fundación a familia estivo vencellada sempre á empresa, co principio de avanzar adaptándose ás novas circunstancias que nos tocaron nos úlimos 83 anos”, sinalou. A representante de Megasa, destacou a labor dos fundadores da compañía familiar “que pasou á segunda xeración cos irmáns Freire, Andrés e Fernando, e tamén Juan Montalvo, e conseguiron entregárnola nas mellores condicións posibles á terceira xeración, da que teño o honor de formar parte xunto con outros familiares”. O alcalde naronés pechou o acto oficial agradecendo ás empresas e aos representantes dos traballadores a súa asistencia a esta homenaxe. “Os iniciadores de todo estades hoxe aquí e para Narón foi fundamental”, destacou, solicitando aos empresarios que “ese esforzo que levades mantendo durante 75 anos o sigades conservando porque se vos vai ben aos empresarios e aos traballadores, vaille ir ben ao Concello de Narón”. Ao finalizar o acto os asistentes degustaron unha copa de viño no Concello.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal