Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONMEMOROU CON VARIOS ACTOS O DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
O programa deseñado polo concello incluíu unha marcha ciclista escolar, unha cadea humana, a tradicional ofrenda floral no Monumento á Muller, faladoiros na Biblioteca municipal e a iluminación en cor malva da fachada do Pazo da Cultura
Narón, 25 de novembro de 2016. Uns 250 rapaces e rapazas de quinto e sexto curso de Primaria dos colexios do Feal, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros e usuarios do centro Nuestra Señora de Chamorro participaron esta mañá na “III Marcha ciclista escolar contra a violencia de xénero”. Ás 10.00 horas saíron dos centros escolares en bicicleta para reunirse en Piñeiros e percorrer un tramo da estrada de Castela –acompañados por persoal do Speis, da Policía Local, do Motoclub Fojeteiros e das Anpas- ata chegar, minutos antes das 11.00 horas á Praza de Galicia, donde foron recibidos polas concelleiras de Igualdade e Cultura, Teresa Sabio e Marián Ferreiro, respectivamente. Unha vez na praza aparcaron as súas bicis e entraron no Auditorio municipal, onde lles entregaron unha botella de auga e unhas mandarinas para repoñer forzas. Minutos máis tarde presenciaron nas citadas instalacións o contacontos “Contos vellos, novos finais”, de Felipe Díaz, “Caxoto”. Rematado o espectáculo os alumnos e alumnas partiron de novo nas súas bicicletas cara aos seus centros, ataviados cun chaleco reflectante que se lles entregou ao inicio desta “III Marcha ciclista escolar contra a violencia de xénero”, programada nos actos conmemorativos do 25-N en Narón. As actividades do Día Internacional contra a violencia de xénero continuaron pola tarde, a partir das 17.30 horas, na Praza da Gándara. A edil de Igualdade, Teresa Sabio, dirixiuse ás persoas alí presentes condeando a violencia de xénero e facendo un chamamento á unidade “para loitar contra esta lacra social”. A edil incidiu na importancia da educación en igualdade de cara á prevención. “Da violencia de xénero pódese saír, hai recursos, empreguémolos porque mesmo desde o Concello estamos a traballar para axudar ás vítimas da violencia de xénero”, asegurou Sabio, pedindo ás persoas afectadas por esta lacra social que presenten as oportunas denuncias. Homes e mulleres vestidos de negro participaron nesta praza na iniciativa “Narón en negro contra a violencia de xénero”, formando unha cadea humana. De seguido, tivo lugar a ofrenda floral no Monumento á Muller, localizado nesa mesma ubicación. Estas propostas contaron coa colaboración das entidades que forman parte do Consello Sectorial de Igualdade de Narón. A programación trasladouse a continuación ao Pazo da Cultura, donde a partir das 18.30 horas, se procedeu a iluminar de cor malva a fachada do edificio. Xa por último, ás 19.00 horas, deu comezo na Biblioteca municipal un “Faladoiro” sobre “A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”, con Rebeca Baceiredo. Aos actos do 25-N sumouse tamén unha campaña de sensibilización desenvolvida hoxe nas panaderías da localidade que entregaron aos seus clientes unhas bolsas de papel nas que se indicaban uns teléfonos de contacto a ter en conta ante posibles casos de violencia de xénero. Así mesmo, a Biblioteca municipal foi o lugar elixido para pechar mañá sábado a programación do Día Internacional contra a violencia de xénero. De 11.00 a 12.30 terá lugar o obradoiro “Micromachista eu?”, dirixida a menores a partir de catorce anos, e tamén a adultos. Nesta actividade os participantes terán a oportunidade de identificar e combater condutas propias do micromachismo. Tamén mañá se clasurará na Biblioteca a Mostra bibliográfica infantil organizada con motivo do 25-N e na que se poden ver varias publicacións que abordan a temática da igualdade de sexos.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal