Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O EXALCALDE ANTONIO MARTÍNEZ ANEIROS AGRADECEU AO CONCELLO E ÁS ENTIDADES DO VAL A HOMENAXE QUE LLE RENDERON CON MOTIVO DOS ACTOS DO DÍA DE NARÓN
O que fora o primeiro alcalde da etapa democrática de Narón dá nome a una rúa e a un complexo social na súa parroquia natal, o Val
Narón, 26 de novembro de 2016. O exalcalde naronés, Antonio Martínez Aneiros ten desde hoxe unha rúa propia na súa parroquia natal, O Val, e tamén dá nome a un complexo social que aglutina varias instalacións da zona, como o local social, a escola, a pista deportiva cuberta e o centro de saúde. O alcalde naronés, José Manuel Blanco, presidiu esta tarde o acto no que Martínez Aneiros descubriu as placas tanto da rúa –perimetral á cooperativa do Val- como do complexo de instalacións localizadas na zona. A convocatoria, que deu comezo ás 17.00 horas, pechou o programa de actos co que o Concello conmemorou este ano o Día de Narón (23 de novembro). Martínez Aneiros, acompañado do alcalde e de representantes da corporación local, exedís, familiares e amigos, agradeceu esta homenaxe, impulsada pola AVV “Os Irmandiños” do Val, respaldada pola Fundación Terra de Trasancos e a Sociedade Deportiva O Val e aprobada por unanimidade no pleno municipal do pasado mes de outubro. Tivo na súa intervención Martínez Aneiros palabras de recordo para os exconcelleiros e concelleiros naroneses, o alcalde, os funcionarios municipais e a súa secretaria particular na súa etapa política, así como para a súa familia, os impulsores do acto e os asistentes ao mesmo. “Valoro que esta homenaxe estea promovida polas asociacións da parroquia na que nacín”, asegurou, antes de facer un repaso pola súa vida política e tamén polos tempos vividos despois. “Pasar da ditadura militar á democracia non resultou barato, custou moito, a min incluso ter que ir a prisión, pero por fin fomos aprendendo, uns mellor que outros, a vivir en democracia, algo que a sociedade aínda agora descuida ás veces con relativa frecuencia”, asegurou. Emocionado, agradeceu expresamente o apoio da súa muller, Marisa, que non o puido acompañar no acto e das súas fillas, Judith, Ruth e Sabela, as tres presentes hoxe, “polo cariño que me prestaron cando acertei e cando non foi así”. A continuación, o alcalde entregoulle os dous pergamiños da declaración institucional do “Complexo Social Antonio Martínez Aneiros” e do nomeamento da rúa. Blanco recordou que hai máis de cincuenta anos que coñece a Martínez Aneiros. “O primeiro libro prohibido que lin na miña vida, que iba temblando cando o levei para a casa, conseguímolo de Antonio un grupo de rapaces que nos reuníamos nun baixo das vivendas sindicais: La madre, de Máximo Gorki, que nos animou a seguir lendo”. Blanco repasou algunhas vivencias con Martínez Aneiros e a súa etapa do “grupo de Aneiros”, e tamén aludiu ao ano 1983, cando el estaba na AVV da Gándara e o exalcalde lle pediu que fose nas súas listas electorais. “Que va… Iso non é o meu…díxenlle, pero animoume e aceptei ir catro anos… e vou cumprir trinta e catro no Concello de Narón”, apuntou. Blanco mencionou algunhas dificultades dos primeiros tempos na política e valorou o traballo da primeira corporación explicando que “deseñou un plan, cando non había nada, que aínda hoxe marca o futuro de Narón, pensando en cousas como escolas, centros de saúde, pistas polideportivas no rural, que parecían imposibles, pero conseguírono e marcaron o que hoxe é Narón, a oitava cidade de Galicia”. Finalmente, o rexedor asegurou que o de hoxe foi “un día moi especial para Narón”, abordando unha parte da vida política de Martínez Aneiros, alcalde de Narón entre 1979 e 1985 e deputado no Parlamento Galego do 1985 ao 1989. “Dende hoxe o Concello pode presumir de ter unha rúa nesta acolledora parroquia cun significado moi especial para todos os veciños e veciñas e tamén estamos orgullosos deste “Complexo Social Antonio Martínez Aneiros”, subliñou o alcalde. Agradeceu tamén aos impulsores desta homenaxe a súa proposta e, en particular, a labor de Antonio Martínez Aneiros na cidade. A continuación actuou a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura, que interpretou o Himno Galego, e antes de dar por finalizado o acto os asistentes degustaron uns pinchos no local social do Val.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal