Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E A ASOCIACIÓN MEMORIA HISTÓRICA DEMOCRÁTICA CONVOCAN VARIOS ACTOS CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DE CONMEMORACIÓN EN MEMORIA DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO
O día 27 de xaneiro celebrarase no Concello un acto que consistirá no acendido de seis velas, en recordo dos asasinados, das persoas que se salvaron e das que axudaron a salvar vidas
Narón, 18 de xaneiro de 2017. O Concello de Narón e a Asociación Memoria Histórica Democrática organizan varios actos con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, que ten lugar cada 27 de xaneiro. As iniciativas programadas comezaron onte, xornada desde a que o alumnado e profesorado do colexio do Feal poden ver a exposición “Galegos en Mauthausen”, situada na pranta baixa do centro. A mostra está composta por un total de corenta imaxes nas que se fai referencia aos represaliados no campo de Mauthausen. Permanecerán expostas ata finais deste mes fotografías do pobo de Mauthausen, do campo de concentración, dos represaliados, da escaleira da morte, das fábricas soterradas e dos represaliados da comarca de Ferrolterra, entre outras. O segundo dos actos convocados terá lugar o vindeiro luns, día 23, tamén no colexio do Feal. A partir das 16.30 horas o historiador Enrique Barrera e outros integrantes da Asociación Memoria Histórica Democrática falarán no centro sobre os galegos de Ferrolterra que estiveron en Mauthausen. Por último, o día 27 de xaneiro levarase a cabo un acendido de velas nos concellos de Narón e Ferrol, ás 10.00 e 12.00 horas, respectivamente, a modo de homenaxe aos represaliados nos campos nazis. A proposta consistirá no acendido dun total de seis velas sobre unha mesa en lembranza dos asasinados: seis millóns de xudeus, un millón de nenos, cinco millóns de persoas doutras etnias consideradas inferiores (xitanos, homosexuais, presos políticos…); nove mil republicanos españois; e tamén para recordar aos que lograron salvarse e en agradecemento a aquelas persoas que axudaron a salvar vidas. Na convocatoria programada en Narón participarán representantes da corporación local, da Asociación Memoria Histórica Democrática e tamén persoal docente e medio cento de alumnas e alumnos do colexio do Feal, de terceiro e cuarto curso de ESO, que participan estes días nas aulas nunha serie de actividades relacionadas con esta temática.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal