ALDEA NOVA ACOLLERÁ O "X DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL GALEGO" ORGANIZADO POLO CONCELLO E NOVA ESCOLA GALEGA
A cita terá lugar os días 31 de marzo e 1 e 2 de abril e o prazo de inscrición na convocatoria permanecerá aberto ata o vindeiro 27 de marzo
Narón, 7 de marzo de 2017. O grupo de Educación no Rural de Nova Escola Galega (NEG) e o Concello de Narón organizan a décima edición do Encontro de debate sobre o medio rural galego. Na procura dun plan de educación específico para o rural. A convocatoria desenvolverase os días 31 de marzo e 1 e 2 de abril nas instalacións do Parque Temático do mundo rural Aldea Nova (Lagoela s/n), na parroquia naronesa de Sedes, e diríxese a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou do desenvolvemento rural, familias, Anpas ou persoas a título particular preocupadas polo futuro do medio rural. O alcalde, José Manuel Blanco, presentou o acto acompañado polo vicepresidente de NEG, Xosé Lastra; a presidenta da AVV Rosa dos Ventos de Sedes, Julia Montero, e persoal de diversos colectivos que colaboran no evento. Tanto desde NEG como desde a AVV Rosa dos Ventos de Sedes agradeceron a colaboración do Concello neste acto.
A convocatoria consta de catro bloques, que se iniciará o 31 de marzo ás 17.30 horas, coa inauguración do citado Encontro media hora antes comezará a repartirse o material-, a cargo de representantes de NEG, da AVV Rosa dos Ventos de Sedes, do Ateneo Aldeán, do colectivo Fororuralgalicián, do Concello de Narón e do CRA de Narón. Obradoiros, programas de desenvolvemento rural, mesas abertas sobre o valor do monte, relatorios sobre as potencialidades de Aldea Nova e das necesidades de plans específicos para o rural, visita guiada a Aldea Nova e moitas outras propostas forman o programa deste X Encontro de debate sobre o Medio Rural Galego, que continuará o 1 de abril todo o día e rematará o día 2 pola mañá.
Dentro da dinámica destes encontros pareceunos moi oportuno facelo nesta ocasión en Narón, porque conta cunha iniciativa singular, que é Aldea Nova, un lugar moi axeitado para isto e que é moi interesante que se exporte a outros concellos de Galicia a modo de exemplo, destacou Lastra. Así mesmo, o vicepresidente de NEG fixo un chamamento á xente interesada pola problemática do rural para que participe neste tipo de iniciativas que, indicou, son moi necesarias para que o rural galego conte cun Plan Rural específico. É necesario un plan integral de educación que conte co respaldo sobre todo de quen ten responsabilidades de goberno na Xunta de Galicia para constituír no rural polos de atracción e desenvolvemento que revirtan o despoboamento e o abandono destes núcleos, dada a riqueza que ten Galicia nesa área e que sería improcedente seguir deixándoa morrer, apuntou Lastra.
Os representantes dos veciños de Sedes valoraron o feito de que Nova Escola Galega apostara por Narón para desenvolver a iniciativa proposta no municipio.
Pola súa parte, o alcalde, José Manuel Blanco, valorou outras experiencias do Concello de Narón con NEG como por exemplo a lei pioneira de colexios rurais aprobada no Parlamento, a instancias do exalcalde naronés Antonio Martínez Aneiros-. Estamos dispostos á colaboración con ideas novas, con adaptacións, con este tipo de ideas e encontros relacionados co ensino neste caso, apoiando estas iniciativas porque son fundamentais en Galicia. O rexedor local agradeceu a colaboración da veciñanza de Sedes nestes encontros porque, dixo, se non se implican é moi difícil chegar ao Concello, que pode aportar cartos, instalacións, moitas cousas, pero se non está detrás a xente que o impulse e traballe alí e participe pouco iba poder facer. Blanco indicou que aqueles que están máis cercanos ao bache ou a problemas de infraestruturas e pensen que colaborar nestes encontros é tirar os cartos, que había que adicalos máis a outras cousas en vigor, que aínda que non son competencias municipais, como algúns temas de educación e sanidade, nós iso xa o asumimos, porque ao final os que o sofren son os veciños e as veciñas. Por iso, lles guste ou non, pídolles que entendan que tamén hai que gastar cartos nestes encontros e nós desde o Concello imos estar aí colaborando con todos os que traballan nese camiño da educación e, sobre todo, da rural.
A organización do evento solicitou unha homologación para a convocatoria como actividade de formación do profesorado á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con quince horas formativas.
As persoas interesadas en matricularse poden facelo ata o vindeiro 27 de marzo, enviando por correo electrónico un formulario e o xustificante bancario do pago da cuota que é de 25 euros para os socios de Nova Escola Galega, estudantes e desempregados/as, se ben para o resto de asistentes será de 35 euros. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 562 577 ou escribir á dirección: neg@neg.gal. Tamén se pode obter máis información a través da páxina web: www.neg.gal, donde se recolle o programa completo, entre outras informacións e se pode descargar a folla de inscrición nesta convocatoria.