Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A SEGUNDA EDICIÓN DO FESTIVAL DO MONÓNOGO TEATRAL SINGULAR TRAERÁ CINCO ESPECTÁCULOS AO PAZO DA CULTURA
A primeira xornada de monólogos terá lugar o venres día 10 de marzo, a cargo dunha produción do Padroado da Cultura de Narón e a produtora Eme2: "A noiva de Don Quixote"
Narón, 9 de marzo de 2017. A vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou esta mañá a segunda edición do Festival Singular, acompañada por intérpretes de diversos monólogos do ciclo que se desenvolverá en Narón, e tamén por directores e autores dalgúns dos espectáculos. O Padroado e a produtora Eme2 organizan un ano máis este Festival do monólogo teatral, que se desenvolverá entre o 10 e o 19 deste mes no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón. O primeiro dos espectáculos dos cinco programados, A noiva de Don Quixote, terá lugar o día 10, a partir das 20.30 horas e repetirase o sábado día 11 ás 20.00 horas. Trátase dun espectáculo producido polo Padroado da Cultura de Narón e a produtora Eme2. Marián Ferreiro destacou o éxito da anterior edición do Festival Singular e tamén a calidade dos monólogos tanto do ano pasado como os que os espectadores poderán ver a partir de mañá no Pazo. “Esta iniciativa é unha aposta máis do Padroado da Cultura de Narón por impulsar e visibilizar o traballo de toda esa xente que vive en primeira persoa un traballo nada sinxelo e que esixe dunha gran dedicación, o que valoramos profundamente"”, apuntou. A vicepresidenta do Padroado animou á veciñanza a acudir a ver estes monólogos, cuxas entradas poden adquirirse na billeteira do Pazo ou a través da web: www.padroadodecultura.es. Marián Ferreiro incidiu ademais en que "o xénero do monólogo “resulta polo xeral máis atractivo para o público máis xoven, o que nos permite diversificar a oferta de espectáculos que ofrecemos a través do Padroado da Cultura e tamén contar con novos espectadores máis interesados neste tipo de propostas culturais"”. O autor deste primeiro monólogo, José Luis Esteban, acudiu hoxe á presentación do ciclo xunto co director, José Carlos García e a intérprete, a actriz Mercedes Castro. En canto á temática, Esteban destacou o feito de que A noiva de Don Quixote "plantexa ao espectador “unha serie de preguntas que nos concirnen agora ao igual que hai catrocentos anos, partindo dunha novela, Don Quijote, infinita"”. Sobre o seu traballo, o autor explicou que “"o que fixen foi extraer a un personaxe no que Cervantes non repara, Dulcinea, unha muller que está cuestionando a súa identidade, que neste momento é un dos grandes temas a plantexar por parte da sociedade"”. Así mesmo, en relación ao citado monólogo, o seu director, José Carlos García, valorou o feito de que a obra “foi un encontro de persoas de diferentes rexións: galegos, aragoneses, extremeños, portugueses…, o que lle permitiu aglutinar diversas enerxías, "coa importancia que iso supón para o traballo final”". Por último, a intérprete deste monólogo, Mercedes Castro, subliñou a importancia de iniciativas como este Festival do monólogo teatral. “"Paréceme moi interesante arroupar este tipo de proxectos teatrais que se saen das “sitcom” que invaden a día de hoxe o mercado"”, apuntou. O prezo das entradas deste monólogo é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para os abonados. O segundo dos monólogos do ciclo é Desconexión, de Xurxo Cortázar, e terá lugar este domingo, 12 de marzo, ás 19.00 horas. O intérprete, tamén presente na rolda de prensa desta mañá, apostou polo feito de que “este tipo de iniciativas como o Festival Singular se consoliden e vaian a máis, "porque isto é un gran escaparate para todas as persoas que nos gusta o teatro a nivel físico e persoal"”. Cortázar porase na pel dun monifate con doble personalidade –según vista traxe verde ou vermello- que regula un paso de peóns, unha misión rutinaria da que trata de fuxir alcanzando a liberdade para converterse nun ser humano. As entradas para este espectáculo tamén teñen un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para o resto. O día 17 de marzo Teatro del Zurdo traerá a Narón El minuto del payaso, co actor Luis Bermejo. Representarase ás 20.30 horas e a temática xira en torno a unha función circense benéfica na que un pallaso agarda a súa quenda para facer ante os espectadores un repaso pola súa vida, espindo a súa alma ante o público. O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para o resto. Na xornada do 18 de marzo será o turno de Teatro de la ciudad, co espectáculo Medea, que dará comezo ás 20.00 horas. A recoñecida actriz Aitana Sánchez Gijón é a protagonista deste monólogo, que fará unha lectura dramatizada da obra de Séneca, versionada e dirixida por Andrés Lima. Trátase dun formato íntimo no que a actriz, a través de intensas conversas co público, explicará a proposta e compaxinará a lectura e a interpretación, dando voz aos personaxes, entre os que sobresairá Medea. O custe das entradas deste monólogo é de 12 euros para o público en xeral e de 8,40 para os abonados. Por último, pechará esta segunda edición do Festival Singular a compañía Teatro de Ningures, con Pegadas. O día 19 de marzo a partir das 19.00 horas será o turno de Casilda Alfaro, tamén presente hoxe na rolda de prensa. Non ocultou a actriz a súa “"grata sorpresa”" polo feito de que se convoquen este tipo de iniciativas porque, dixo, “non é o habitual”. Sobre o seu monólogo destacou que “é algo moi persoal meu, un reencontro con personaxes meus de obras de Teatro de Ningures, e neste caso dirixida por Etelvino Vázquez e coa música de Anxo Graña como fío condutor”. Así mesmo, Alfaro concretou que "se trata de “personaxes que voltan á miña memoria e recobran unha nova vida propia con novos matices"”. O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para os abonados.
Descarga de archivos
Cartel do festival
Tamaño:4,67 MB

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal