Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UN RETOÑO DA ÁRBORE DE GERNIKA, SÍMBOLO DA LIBERDADE E DA PAZ, PLANTADO FRONTE AO PAZO DA CULTURA
O alcalde, José Manuel Blanco, presidiu o acto de homenaxe ás vítimas do bombardeo de Gernika, acompañado por edís da corporación local, persoal da Asociación Memoria Histórica Democrática e a presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui, así como de veciños e veciñas da cidade
Narón, 17 de marzo de 2017. Un retoño da árbore de Gernika, símbolo da liberdade, medra desde esta tarde nas inmediacións do Pazo da Cultura, un dos edificios máis emblemáticos do municipio naronés. A plantación responde a unha iniciativa plantexada pola Asociación Memoria Histórica Democrática e respaldada polo goberno local de Narón que contou coa colaboración das Juntas Generales de Bizkaia, que enviaron a Narón o retoño da árbore de Gernika. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidiu o acto, que contou coa participación, entre outros representantes do goberno local, da presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui, do presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Antonio Martínez, e do historiador Enrique Barrera, representante desta última entidade, así como doutros alcaldes da comarca. Ás 17.30 horas deu comezo o acto, coas pertinentes intervencións oficiais, para homenaxear ás vítimas do bombardeo de Gernika, que tivo lugar o 26 de abril do ano 1937 e do que se cumprirán en pouco máis dun mes oitenta anos. En primeiro lugar tomou a palabra Enrique Barrera, que recalcou que “Gernika entrou ao seu pesar na Historia, porque ningunha cidade quere ser coñecida por ser devastada por un bombardeo”. Aludiu Barrera á relación de Gernika coa obra de Pablo Picasso e o feito de que Gernika, é “unha cidade santa para os vascos, ao celebrarse na Idade Media as asembleas dos representantes euskaldúns baixo a sombra da árbore de Gernika”. Antes de rematar a súa intervención destacou que a plantación dun retoño desta árbore en Narón “reflictirá o respecto e cariño dos galegos cara aos vascos e experimentará unha metamorfose, convertíndose nun símbolo do cariño e respecto á Paz”. E pedindo precisamente a Paz e dando a benvida á árbore a Narón, en euskera, rematou Barrera a súa intervención neste acto. Pola súa parte, a presidenta das Juntas Generales de Bizkaia amosou a súa satisfacción polo feito de poder participar na plantación dun novo retoño da árbore de Gernika –dos que hai exemplares nos cinco continentes-, agradecendo a colaboración do Concello de Narón e da Asociación Memoria Histórica Democrática polo recoñecemento que supón este acto “a tódalas persoas que faleceron hai oitenta anos no bombardeo de Gernika”. “O noso símbolo é aceptado e querido por tódalas ideoloxías e todos os partidos políticos vascos, desde o PP ou o PSE ata a esquerda abertzale, Podemos ou o PNV, que realizan os seus actos máis importantes e simbólicos en torno á árbore de Gernika, xunto á que se construíu hai dous séculos a Casa de Juntas de Gernika”, asegurou. “Hoxe agradecémosvos aos naroneses e naronesas esta homenaxe ás vítimas do fascismo coa plantación deste retoño que simboliza o noso anhelo de Paz e liberdades”, recalcou Otadui. “Oitenta anos despois, en Gernika, e desde hoxe en Narón, medran retoños da milenaria estirpe do vello roble que emocionou a Castelao; hoxe vascos e galegos actualizamos a súa mensaxe e homenaxeamos a tódalas inocentes vítimas das guerras, recordando e recoñecendo ás vítimas da senrazón das violencias que desangraron e seguen desangrando o noso mundo en 1937 e tamén no 2017”. Pechou o turno de intervencións o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, que incidiu en que o evento “homenaxea ás vítimas duns acontecementos tristes para o recordo pero que inevitablemente marcaron para sempre a historia do pobo vasco e que, debido á súa relevancia e nefastas consecuencias non debemos deixar caer no esquecemento”. Así mesmo, o rexedor local indicou que “desde hoxe Narón quedará vencellada á localidade de Gernika, a cuxos habitantes amosamos desde aquí o noso máis humilde afecto”. Blanco asegurou que a árbore “formará parte da paisaxe de Narón nun lugar privilexiado e desde o que lembraremos aqueles lamentables feitos; desde hoxe teremos en Narón un dos símbolos máis universais da sociedade vasca, que representa a liberdade, un dereito fundamental polo que todos e todas debemos traballar día a día para mantelo máis vivo que nunca”. A continuación, procedeuse a plantar o retoño da árbore de Gernika fronte ao Pazo da Cultura, un acto que contou coa participación de integrantes da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón. Plantada a árbore procedeuse a descubrir unha placa na que se pode ler, en galego e euskera, o texto: “Fillo da árbore de Gernika, símbolo das liberdades vascas e do devezo de Paz do pobo vasco, escenario, en 1937, do primeiro bombardeo masivo contra a poboación civil a nivel mundial e inspiración da obra “Gernika” de Pablo Picasso”. Posteriormente tivo lugar unha actuación de baile tradicional a cargo de Alxibeira, agrupación tamén do Padroado da Cultura de Narón. Finalmente, a presidenta das Juntas Generales de Bizkaia entregoulle ao alcalde naronés o certificado de autenticidade do retoño da árbore de Gernika. Pola súa banda, o Concello entregoulles uns agasallos institucionais aos representantes do organismo vasco e a Ana Otadui -que asinou no Libro de Ouro da cidade- unha escultura en aceiro realizada polo artista luso Manuel Patinha –nomeado en 2016 Fillo Adoptivo de Narón-, unha réplica da escultura “Anduriña”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal