Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O ALCALDE RECOLLEU EN MADRID O "PREMIO AO COMPROMISO COA SEGURIDADE VIARIA E A MOBILIDADE SOSTIBLE" CONCEDIDO POLA FUNDACIÓN DA CONFEDERACIÓN NACIONAL DE AUTOESCUELAS
O acto, que se celebrou no Hotel Ritz de Madrid, valorou a campaña "Aprende pedaleando", impulsada polo Concello de Narón a través do equipo de Educación Viaria e que obtivo un premio de 3.000 euros e unha escultura realizada polo artista plástico Manuel Gandullo
Narón, 23 de marzo de 2017. A Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas entregou onte no Hotel Ritz de Madrid os premios convocados –na que foi a súa primeira edición- pola entidade. O xurado da convocatoria concedeu o “Premio ao Compromiso coa Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible” ao Concello de Narón, pola campaña “Aprende pedaleando”, impulsada polo equipo de Educación Viaria de Narón. O alcalde, José Manuel Blanco, foi o encargado de recoller o galardón durante o transcurso da gala, que se prolongou durante algo máis dunha hora. Acompañaron nesta ocasión ao rexedor local no acto o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, e Pedro Caneiro e Simón Cabarcos, en representación do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón. Tamén estiveron presentes, entre as autoridades, o presidente da Fundación CNAE, José Miguel Báez; Teófilo de Luis, presidente da Comisión de Seguridade Viaria no Congreso; o Fiscal de Sala do Tribunal Supremo Coordinador de Seguridade Viaria, Bartolomé Vargas; o presidente da Fundación Española da Seguridade Viaria (Fesvial), Luis Montoro, e a subdirectora xeral de Políticas Viarias da Dirección Xeral de Tráfico, Mónica Colás. Á convocatoria asistiron unhas duascentas persoas. O alcalde naronés, que recibiu o premio de mans do presidente de Festival, Luis Montoro, recoñeceu na súa intervención que é “unha honra para todos os naroneses e naronesas recibir este recoñecemento por parte da Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas”. Blanco destacou o recoñecemento do xurado á campaña “Aprende pedaleando” impulsada nos centros escolares da localidade co fin de fomentar o uso da bicicleta como ferramenta de ensino fóra das aulas. “Esta iniciativa é unha aposta máis da administración local naronesa por fomentar a seguridade e a educación viaria entre os 40.000 habitantes da cidade, prestando especial atención aos nenos e nenas”, apuntou o alcalde naronés, que valorou a implicación “ao cen por cento” tanto do equipo de Educación Viaria do Concello como da veciñanza da cidade. Así mesmo, Blanco recordou que máis de catro mil rapaces e rapazas de diferentes idades participan en Narón nos múltiples programas impulsados en materia de seguridade viaria, entre os últimos, citou as propostas “Bica e arrinca”, “Camiños seguros” e o de “Aparcamentos de proximidade”. “Grazas ao esforzo de milleiros de persoas e a estas iniciativas promovidas desde a administración local hoxe –por onte- podemos recoller este novo froito dun traballo que consideramos básico e imprescindible”, subliñou. Aludiu tamén o rexedor local naronés na súa intervención á necesaria colaboración entre administracións para impulsar este tipo de iniciativas, co fin de que “a seguridade tanto dos peóns como dos condutores sexa prioritaria á hora de proxectar actividades e novas infraestruturas e servizos nos concellos”. Rematou a súa intervención Blanco agradecendo o traballo realizado polo actual edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, e os seus antecesores no cargo, así como polos integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón: Pedro Caneiro, Simón Cabarcos, Sonia López e Anabel Bello. Tamén agradeceu a implicación dos centros educativos e familias da localidade que, recalcou, “en definitiva, son os que fan posible o éxito deste tipo de programas e sen cuxa colaboración sería imposible recibir recoñecementos como este”. “Este “Premio ao Compromiso coa Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible” concedido ao Concello de Narón é tamén un premio a todos eses centros educativos e familias que se implican nestes programas”, asegurou Blanco para, por último, agradecer e valorar o “excelente traballo” realizado pola Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas. O Concello recibiu 3.000 euros e unha escultura do artista plástico Manuel Gandullo, titulada “Caminos del saber”. Trátase dunha peza realizada en fundición de bronce patinado sobre unha pedra de granito de cor negro. A figura representa unha “L”, como mostra da aprendizaxe dos coñecementos teóricos, e consta tamén dun volante como símbolo desa aprendizaxe no manexo dos automóbiles, tal e como se indicou desde a Fundación CNAE. A peza está coronada por tres vías cun nudo de enlace, representando a complexidade do tráfico e a zona pola que se debe circular, e en conxunto representa “a labor que desenvolven os profesionais das autoescolas cos futuros condutores”, explicaron desde a CNAE. Ademais do Concello de Narón resultaron tamén premiados nesta primeira edición a empresa Industrias del Neumático SA, co “Premio á Innovación en Seguridade Viaria e Mobilidade Sostible”, por inventar un gardarraíl fabricado con pneumáticos reciclados, e Radio Televisión Española, co “Premio á mellor labor divulgativa”, polo seu programa “Seguridad Vital”. Así mesmo, entregouse a Medalla de Ouro da Fundación CNAE a Cruz Roja Española.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal