Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O GOBERNO LOCAL ORGANIZOU VARIOS ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE
As actividades desenvolveranse a partir do 5 de xuño, e ao longo de toda a semana, con estudantes do municipio
Narón, 1 de xuño de 2017. O Concello de Narón organizou varios actos para conmemorar, a partir do vindeiro luns, día 5, o Día Mundial do Medio Ambiente. Os concelleiros de Medio Ambiente, Octavio Dopico; Servizos, Ibán Santalla, e Ensino, Mercedes Taibo, presentaron esta mañá en rolda de prensa as propostas, dirixidas aos rapaces e rapazas de Narón e que se prolongarán do 5 ao 9 de xuño. O propio Día do Medio Ambiente, o vindeiro luns, o paseo marítimo de Xuvia concentrará unha gran variedade de propostas nas que participará alumnado do IES Terra de Trasancos -13 persoas- e no que colaborán 25 mozos e mozas voluntarios europeos, que forman parte dun programa de intercambio coa Asociación Xuvenil Xeración, de Narón, tal e como indicou Dopico. Todos eles se implicarán nunha acción de sensibilización na educación ambiental, en dúas actividades. Unha delas consiste nun obradoiro medioambiental e de inmersión lingüística polo Río Grande de Xuvia, na etapa do Camiño Inglés Xuvia-Neda, no que profesionais na materia explicarán peculiaridades da flora e fauna da zona e coordinarán unha actividade de limpeza polo paseo e a marxe do río, así como unha selección dos residuos para trasladalos aos contenedores axeitados. A segunda actividade consiste, tal e como explicou Dopico, nunha “Feira solar” tamén no paseo (se as condicións meteorolóxicas son favorables), con obradoiros de cociñas solares, de enerxía fotovoltaica e solar térmica, de pinta-sol e pirógrafo solar e exposicións, entre outras. Estas propostas desenvolveranse entre as 10.00 e as 14.00 horas. “Os asistentes terán a oportunidade de concienciarse sobre a importancia de respectar e coidar o medio ambiente, así como de aprender a conservalo e coñecelo mellor no noso entorno. Tamén poderán practicar o inglés nun entorno lúdico e informal cun grupo de voluntarios da asociación Xeración”, destacou Dopico. Así mesmo, desde as Concellerías de Servizos e Ensino programouse un obradoiro de reciclaxe e separación de residuos, no que colabora a empresa Urbaser e que terá lugar do 5 ao 9 de xuño en diferentes centros educativos. Será precisamente persoal da citada compañía, en concreto Sabela Herrero, a encargada de impartir nos colexios de Narón unha charla na que se explicará a alumnado de cuarto e quinto curso de Primaria a importancia de separar os residuos e ofreceráselles información dos distintos modelos de colectores para que realicen un uso correcto dos mesmos. Participarán nestes obradoiros un total de 397 alumnas e alumnos dos colexios Jorge Juan –o día 5 de xuño-; Santiago Apóstol -6 de xuño-; O Feal e Ponte de Xuvia -7 de xuño-; outro grupo do Feal e A Gándara -8 de xuño- e Ayala e Virxe do Mar -9 de xuño-. As sesións terán lugar nos centros de ensino entre as 9.30 e as 13.00 horas, tal e como apuntou Taibo. A edil de Ensino destacou a importancia de “concienciar aos nenos e nenas desde as aulas sobre a importancia de coidar o medio ambiente, reforzando así desde os centros o papel educativo que, sobre esa materia, tamén deben exercer as familias, sensibilizando aos rapaces e rapazas sobre os problemas medioambientais”. Pola súa parte, o concelleiro de Servizos avanzou que se instalarán nos principais edificios municipais e en instalacións deportivas papeleiras con tres separadores “para que esa contribución cidadá no coidado do medio ambiente sexa cada día máis efectiva e se realice xa desde a idade escolar, adquirindo así os rapaces e as rapazas bos hábitos en materia de reciclaxe".

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal