Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CONCELLERÍA DE SERVIZOS E URBASER ACORDAN INTENSIFICAR O HORARIO DE TRABALLO DOS TRACTORES CON DESBROZADORA
Os dous vehículos do Concello limparán maleza nas diferentes parroquias tamén durante catro horas polas tardes a última semana de xuño e o mes de xullo
Narón, 27 de xuño de 2017. O servizo de desbroces na zona rural do municipio intensificarase durante esta semana e o próximo mes de xullo coa ampliación do horario de traballo dos dous tractores con desbrozadora do Concello. Así o anunciou o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, que acordou con responsables da empresa Urbaser –concesionaria da limpeza viaria- incrementar os turnos de traballo, de xeito que continuarán desbrozando polas mañás e, a maiores, catro horas durante as tardes. “Ao igual que o ano pasado, con este acordo tratamos de manter nas mellores condicións posibles os viais da localidade, cumprindo unha medida coa que a maiores de ter limpos os marxes das beirarrúas, beiravías e parcelas municipais, previmos posibles incendios nesta época do ano, unha tempada moi perigosa e con risco de propagación do lume no caso de que non se desbroce en condicións”, asegurou Santalla. O edil naronés explicou que os operarios dos tractores remataron as tarefas de desbroce na parroquia do Val e están actualmente en San Mateo cun dos vehículos. Cando rematen nesta última zona, irán para Sedes. O segundo tractor está rematando os traballos previstos en San Xiao, comezará previsiblemente o día 28 na zona de Doso e, polas tardes, continuará en Pedroso. “O goberno local programa coa empresa Urbaser tres intervencións ao ano cos tractores en todas as parroquias para desbrozar maleza”, indicou Santalla, que instou ás administracións supramunicipais –Goberno Central, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña- a facer o propio cos viais e as parcelas da súa titularidade na localidade. “As administracións somos as primeiras en ter que dar exemplo á cidadanía e se estamos esixindo á veciñanza a través da Ordenanza de residuos e limpeza viaria do Concello –que contempla multas de entre 750 ata 3.000 euros- que manteña limpas as súas propiedades, as administracións tamén están obrigadas a facelo”, recalcou. No termo municipal naronés, os axentes da Unidade de Medio Ambiente da Policía Local abriron este ano un total de 76 expedientes a particulares e administracións que non manteñen limpas as súas fincas. “A colaboración cidadá é tamén imprescindible para, entre todos e todas, manter limpa a cidade e evitar posibles problemas derivados da proliferación da maleza”, destacou Santalla. “A maleza que en determinados casos invade estradas e beiravías dificulta a visibilidade a condutores e peóns, pero tamén contribúe á proliferación de determinadas especies e incrementa os riscos de propagación de incendios, cos prexuízos que todas estas situacións poden crear á veciñanza”, apuntou o edil de Servizos. Santalla realizou un chamamento ao resto de administracións para que colaboren e manteñan nas condicións óptimas de limpeza as marxes dos viais e beiravías da súa titularidade e que, ao igual que os particulares, tamén manteñan desbrozadas as súas parcelas.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal