Concello de Narón
Espa�ol
Entrada a Naronmail
 

Deportes Cultura
Deportes Cultura
Policía Local de Narón dameuntoke
Policía local Mocidade
Concellería de Igualdade Biblioteca de Narón
Igualdade Biblioteca de Narón
Turismo de Narón Do berce á rúa
Turismo Do berce á rúa
Outras webs Narón, Cidade Fidalga
Outras Webs Narón, Cidade Fidalga
Novas
 
O PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ O "XXVII FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE"
O PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ O
O evento, no que actuarán tres grupos internacionais, un estatal, o Grupo de Música e Danza Tradicional "Alxibeira" e a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, terá lugar o 15 de xullo
Narón, 7 de xullo de 2017. A vixésimo sétima edición do Festival Internacional de Folclore celebrarase o vindeiro día 15 no Pazo da Cultura. O alcalde naronés e presidente do Padroado da Cultura, José Manuel Blanco, e o director técnico do citado organismo, Luciano Fernández, presentaron esta mañá o evento, unha das citas musicais máis consolidadas no calendario cultural da cidade. As actuacións darán comezo a partir das 21.00 horas e as entradas poden adquirirse a un prezo de dous euros na billeteira do Pazo da Cultura, de luns a venres, en horario de 10.30 a 14.00 horas. O alcalde destacou que esta convocatoria aposta por dar a coñecer “as diferentes manifestacións folclóricas do mundo a través do contacto e da tradición allea”, e anunciou que na convocatoria deste ano participarán tres grupos internacionais, un estatal e o grupo anfitrión, de música e danza tradicional, “Alxibeira”, ademais da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón.
Pola súa banda, o director técnico do Padroado da Cultura explicou que entre as agrupacións internacionais presentes neste festival figuran a Agrupación Folclórica-Asociación Cultural Acoidan, de Tenerife; o grupo de Danzas e Cantares Rexionais do Orfeão da Feira, de Portugal; Telón Aberto, da Universidad Ciego de Ávila, en Cuba, e a Asociación do Centro Xuvenil de Kyrenia, de Chipre.
A Agrupación Folklórica-Asociación Cultural Acoidan procede do municipio tinerfeño de Santa Úrsula. Está formado por case medio cento de persoas, que actúan con dúas vestimentas diferenciadas da citada illa, uns realizados con teas industriais de finais do século XIX e outros traxes propios das comarcas da zona, con teas do século XVIII. O seu repertorio inclúe música tradicional canaria, abarcando temas propios de todas as illas do arquipélago e tocando instrumentos tan ancestrais como as characas, tambores da Gomera, etc. Acoidan participa en diferentes festivais rexionais e nacionais de folclore e na actualidade encárgase de organizar o Festival Rexional de Folclore da illa de Tenerife que se celebra no mes de outubro.
O Grupo de Danzas e Cantares rexionais do Orfeão da Feira realizou a súa primeira aparición pública no ano 1981 na Quinta do Castelo. A formación representa a varias rexións do país, con traxes e danzas característicos dos catro cantos típicos de Portugal. Así mesmo, participou en varios espectáculos musicais a nivel nacional e internacional e o grupo é Membro Efectivo da Federación do Folclore Portugués.
Outra das formacións participantes neste Festival Internacional de Folclore será Telón Abierto, de Cuba, que tamén estivo na edición do pasado ano. Este conxunto artístico está formado por estudantes, traballadores e mestres da Universidade Ciego de Ávila (Cuba). A agrupación creouse no ano 1997 a partir dun proxecto cultural que difunde a música e a danza como elementos educativos e para fomentar valores culturais entre o colectivo universitario. Dez músicos integran Telón Abierto, un conxunto con raíces hispánicas, africanas e de rexións caribeñas.
Entre os grupos internacionais figura tamén Kyrenia Youth Center Association. Trátase dunha formación tradicional de danza popular do norte de Chipre que se creou no ano 1998. A transmisión da cultura, a tradición e o folclore ás xeracións futuras e dar a coñecer a cultura turco-chipriota e o seu folclore a outras culturas forman parte dos obxectivos desta formación, que conta cunha trintena de integrantes e que participou nos últimos quince anos en varios festivais locais e internacionais.
O rexedor local e presidente do Padroado da Cultura destacou tamén a participación neste festival da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura, creada no ano 1985 e con corenta integrantes na actualidade. A Banda conta cun amplo repertorio de música tradicional, recuperada por diferentes colectivos que realizan traballos de investigación e de autores que aportan novos traballos, sempre marcados pola cultura galega. Muñeiras, xotas, mazurcas, alboradas e pasodobres forman parte das composicións musicais que interpretan nas súas actuacións, a nivel nacional e internacional, cunha dilatada traxectoria no mundo da música. Estará tamén como anfitrión o Grupo de baile tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón, integrado por rapaces e rapazas de entre 15 e 30 anos que apostan por recuperar, a través da música e do baile, as tradicións máis xenuinas de Galicia. Creouse no ano 1986 e os seus componentes pertencían xa ás Escolas de Baile Tradicional do Padroado da Cultura de Narón. Os bailes e as cancións máis representativas da zona forman parte do seu repertorio, froito dun amplo traballo investigador ao longo da xeografía galega.
As actuacións deste festival trascenden do termo municipal naronés e chegarán tamén a outros concellos da zona, como Mugardos, As Pontes e Vilalba, tal e como avanzou Fernández.
O presidente e o director técnico do Padroado da Cultura animaron á veciñanza de Narón e comarca a asistir a este evento, “no que poderán gozar dun completo repertorio de música e baile de diferentes culturas nacionais e internacionais”.



Últimas novasu Tódalas novas

<<< Xullo 2018 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
6
7
8
9
10
11
13
14
15
18
20
21
22
24
25
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
   
 
Concello de Narón - Aviso legal