Concello de Narón
Espa�ol
Entrada a Naronmail
 

Deportes Cultura
Deportes Cultura
Policía Local de Narón dameuntoke
Policía local Mocidade
Concellería de Igualdade Biblioteca de Narón
Igualdade Biblioteca de Narón
Turismo de Narón Do berce á rúa
Turismo Do berce á rúa
Outras webs Narón, Cidade Fidalga
Outras Webs Narón, Cidade Fidalga
Novas
 
JOSÉ MANUEL BLANCO RENUNCIOU NUN PLENO EXTRAORDINARIO AO SEU CARGO COMO ALCALDE E ENTREGOU O BASTÓN DE MANDO A MARIÁN FERREIRO
JOSÉ MANUEL BLANCO RENUNCIOU NUN PLENO EXTRAORDINARIO AO SEU CARGO COMO ALCALDE E ENTREGOU O BASTÓN DE MANDO A MARIÁN FERREIRO
Blanco abandona a política municipal tras trinta e catro anos formando parte da corporación local naronesa, os oito últimos como alcalde, e Marián Ferreiro pasa a ser a primeira muller en ostentar a Alcaldía de Narón
Narón, 23 de setembro de 2017. O pleno extraordinario celebrado esta mañá no Concello acolleu a renuncia oficial de José Manuel Blanco como alcalde de Narón, despois de oito anos no cargo e trinta e catro formando parte da corporación local na cidade. Foi o propio Blanco o encargado de cederlle durante a sesión o bastón de mando á nova alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que obtivo catorce votos favorables –os sete edís da oposición abstivéronse- para relevar ao ata hoxe rexedor local. Ferreiro é oficialmente desde esta mañá a primeira muller en recibir o bastón de mando da cidade.
Tralo inicio do pleno e a renuncia de Blanco como alcalde interviñeron todos os portavoces dos grupos políticos municipais. O voceiro de ENE, Alfonso Casal desexoulle sorte na súa vida persoal e tamén á nova alcaldesa e a continuación tomou a palabra o portavoz de EU, André Abeledo, que tamén lle desexou sorte ao alcalde na súa xubilación e asegurou, en referencia a Ferreiro, que “terá a man do noso partido tendida nesta nova etapa”.
O voceiro do BNG, Pablo Villamar tamén tivo palabras de eloxio para o ata hoxe alcalde da cidade. “Foi un pracer estar participando con vostede nas políticas deste Concello”, para a continuación “desexarse o mellor nesta nova etapa e que fóra do Concello poidamos seguir véndonos”. Finalizada a intervención de Villamar tomou a palabra a portavoz do PSOE, Catalina García, que lle agradeceu a Blanco o feito de que “tivera en conta desde o primeiro momento as propostas achegadas polo PSOE de Narón”. García recalcou que “foi capaz de sentarse, dialogar, escoitarnos e chegar a puntos de encontro polos cidadáns de Narón”, e desexoulle “o mellor nesta nova andadura”.
A última das intervencións foi a do portavoz do PP, Marcos López, que asegurou que “os partidos ganan porque a xente os elixe e vostede gañou dúas veces porque os veciños así o decidiron. Agradecémoslle os anos de servizo, desexámoslle sorte e recordámoslle que teremos sempre a nosa porta aberta para unha persoa que estivo trinta e catro anos no Concello”.
En nome de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo pechou o turno de intervencións dos voceiros, recordando que leva xunto a Blanco máis de trinta anos na política e algúns máis no apartado persoal. “Das dez corporacións democráticas que se cumprirán no Concello formou parte de nove, polo que vostede si que é parte da historia de Narón”. “Foi alcalde na época máis difícil da economía española e neste Concello, desde a súa chegada, cambiou totalmente a forma de traballar, podendo falar as cousas”, asegurou o representante de TEGA. Sánchez Fojo valorou o traballo realizado por Blanco e, de xeito especial, o feito de que “cando estabas na cresta da ola eres capaz de marchar para a casa” antes de darlle as grazas en nome de Terra Galega e no seu propio.
Tras escoitar aos portavoces dos grupos municipais, José Manuel Blanco agradeceu as súas verbas. “Fostes un exemplo de que se pode facer política dende o sosego e a serenidade, defendendo as vosas ideas pero sempre con respecto aos demais”. Destacou tamén Blanco o traballo do equipo de goberno en xeral, dos seus compañeiros e compañeiras de TEGA e do persoal do Concello “pola súa entrega e capacidade e por estar sempre a disposición da veciñanza”. Despois de dar as grazas ao resto de funcionarios e funcionarias asegurou: “Voume coa cabeza alta porque tentei sempre o mellor para os nosos veciños e veciñas, Voume satisfeito do traballo realizado en Narón durante todos estes anos, pero tamén me ides permitir que pida desculpas, sobre todo á miña familia polas horas adicadas ao Concello sacrificando moitas veces a atención que eles requerían e tamén a todos aqueles que se puideron sentir molestos nos últimos anos”. Blanco rematou desexando moita sorte á nova corporación.
Tralos aplausos dos compañeiros de corporación e do público asistente votouse o recoñecemento da renuncia de Blanco, que se aprobou para, a continuación, proceder á elección do novo alcalde. A primeira tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, obtivo catorce votos a favor –dos vinte e un da corporación-, aceptou o cargo e prometeu cumprir as súas obrigas no mesmo, sendo proclamada por José Manuel Blanco alcaldesa de Narón e recibindo da súa man o bastón de mando ante os aplausos do público.
Ferreiro tomou a continuación a palabra agradecendo o respaldo das súas compañeiras e compañeiros de bancada. Comprometeuse a “traballar arreo para honrar do mellor modo as ensinanzas que nos aprendeu Blanco, o cal deixa un espazo que é un desafío ocupar e a quen non poido deixar de agradecer nun día tan especial como o de hoxe que creese en min”. A alcaldesa de Narón destacou tamén o voto de confianza do PSOE e BNG coa súa persoa e o proxecto de goberno do tripartito e anunciou á oposición que “manterei o estilo dialogante de quen me precedeu”. Marián Ferreiro valorou o cadro de persoal municipal e incidiu, con respecto a esta nova etapa, en que “as mulleres levamos tempo tomando os espazos públicos e debemos continuar facéndoo, porque sabemos gobernar, porque podemos, e porque temos que seguir abrindo brecha para as demais”.
“Ao final, todos os esforzos tradúcense en historias, corenta mil historias… unha desas historias é a de Xulia (a súa filla) que cada vez que pasea por Narón sinte como propios os logros colectivos que conseguimos en todos estes anos: o Pazo da Cultura xa o sinte como seu, o parque de Freixeiro é seu e a Pena Molexa forma parte dos seus contos. Xulia lémbrame neses momentos por qué é importante seguir facendo de Narón ese sitio do cal sentirse orgulloso desde a primeira infancia, e esa é a máis grande motivación e ese é o meu compromiso convosco”, subliñou a alcaldesa de Narón.
Ao remate da intervención Marián Ferreiro recibiu as felicitacións das compañeiras e compañeiros de corporación, persoal do Concello, familiares e amigos e, a continuación, todos degustaron un ágape no Consistorio.



Últimas novasu Tódalas novas

<<< Xaneiro 2018 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
   
 
Concello de Narón - Aviso legal