Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PROGRAMACIÓN DO RECUNCHO DOS PEQUECHOS ACHEGA A CULTURA TRADICIONAL GALEGA ÁS NENAS E NENOS DE 3 E 4 ANOS
As Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura ofertan esta proposta, para a que permanece aberto o prazo de inscrición ata o día 13 de outubro
Narón, 11 de outubro de 2017. As nenas e nenos de 3 e 4 anos son os destinatarios dunha das actividades ofertadas a través das Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura de Narón. O Recuncho dos Pequechos é o nome da actividade programada desde o citado organismo para os menores, co fin de inculcarlles unha serie de coñecementos sobre a cultura tradicional galega. O prazo para anotarse nesta proposta rematará o venres, día 13, debendo formalizarse as matrículas nas oficinas do Pazo da Cultura, en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 e o prezo da actividade é de 63,10 euros por curso. Ao longo do ano as nenas e nenos participarán activamente nas clases, donde unha diplomada en Maxisterio -educación Infantil- lles transmitirá unha serie de ensinanzas vencelladas a diferentes actos. Cancións populares, xogos e obradoiros forman parte das propostas ofertadas aos menores entre os meses de outubro e maio nas sesións que se impartirán nas instalacións do Pazo da Cultura. Tras unha presentación inicial o alumnado participará nunha serie de xogos e aprenderá a canción Fun ao mercado. Así se iniciará o curso 2017-2018 do Recuncho dos Pequechos este mesmo mes, no que os participantes tamén adicarán un tempo ao Samaín e ao Magosto, dúas das festividades desta época do ano, de orixe celta, e cunha fonda tradición no municipio e moi celebradas tamén noutras localidades de Galicia. A decoración dunha cabaza e a preparación dos cucuruchos das castañas serán parte das actividades a realizar na aula, donde non faltará a música, relacionada tamén nesta época do ano con estas dúas celebracións. A programación do Recuncho ata finais de ano inclúe, nos meses de novembro e decembro, o asado e pintado de castañas, unha clase con instrumentos musicais e actividades para coñecelos mellor, cancións de Nadal e sesións para saber quen é o Apalpador, que visitará ao alumnado. E coas cancións de Nadal comezará de novo a actividade do Recuncho dos pequechos o vindeiro mes de xaneiro, no que as nenas e nenos tamén terán a oportunidade de coñecer instrumentos como a gaita, conmemorarán o Día da Paz, aprenderán cancións típicas do Entroido e a confeccionar o seu propio disfraz. Será precisamente o Entroido a festividade que marque parte das actividades do mes de febreiro, no que continuarán coñecendo novos instrumentos, como o acordeón e a zanfona. Os traxes tradicionais galegos para mulleres e homes, a construción dun instrumento tradicional galego e a celebración dos Maios forman tamén parte da variada programación desta proposta das Escolas Culturais Municipais, que se clausurarán cunha actuación de final de curso. A música en xeral e os instrumentos musicais en particular forman tamén parte dunha programación que se complementa coa educación en valores e a coeducación do alumnado. Para solicitar máis información sobre esta ou outras propostas das Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura pódese chamar ao número de teléfono 981 391 144.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal