Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN E FERROL URXEN UNHA REUNIÓN A AUGAS DE GALICIA PARA PROCURAR UNHA SOLUCIÓN AO CONFLITO DO SANEAMENTO
Os dous concellos esixen a Augas de Galicia que a duración do convenio con Ferrol remate o 1 de agosto de 2018 e a partir de esa data as decisións de xestión do servizo se consensúen a tres bandas: Augas de Galicia e os consistorios de Narón e Ferrol
Narón, 6 de decembro de 2017. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, urxen a Augas de Galicia manter unha xuntanza a tres bandas de inmediato para procurar unha solución de común acordo que evite abrir novos conflitos entre administracións veciñas polo necesario saneamento da ría, unha cuestión que atinxe e preocupa a veciñanza dos nosos concellos. Ferreiro e Suárez asinaron e remitiron este martes, día 5, un escrito conxunto e dirixido ao director do ente Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, solicitándolle unha xuntanza no prazo mais breve posible. “O incumprimento na redacción dun borrador de convenio baixo uns parámetros claros e concisos e xa acordados -polas alcaldías de Narón e Ferrol- está a pór en risco o desenvolvemento do saneamento integral da ría nun marco xurídico axeitado, cooperación que é un deber ineludible de Augas de Galicia, que ten a competencia concreta de control e supervisión do servizo”, reza o escrito. Ambos rexedores, no escrito que dirixen á Xunta de Galicia, do que depende o ente autonómico, apostan claramente por acadar unha solución política conxunta ao conflito do saneamento. Consideran que “a dilación indebida do organismo autonómico pode supor a consolidación dun convenio que naceu de xeito provisorio de cara a unha supramunicipalización da xestión do servizo, de forma mancomunada, e participada polas tres administracións”. Os alcaldes de Narón e Ferrol mantiveron unha xuntanza o pasado 22 de novembro na que, dando mostra do seu afán e capacidade negociadoras, recoñecen que o convenio asinado no seu día entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol “debe ter un carácter provisional que non resulta debidamente clarificado naquel documento”. Os dous concellos, que comparten e compartirán o saneamento da ría, esixen a Augas de Galicia que a duración do convenio con Ferrol remate o 1 de agosto de 2018. A partir desa data, afirman os dous alcaldes “calquera decisión sobre a xestión da depuradora e demais infraestruturas vencelladas ao saneamento deberá consensuarse entre as tres administracións implicadas: Augas de Galicia e os Concellos de Ferrol e Narón”. No caso de que non se materialice ese acordo na data indicada, a xestión reverterá inmediatamente a Augas de Galicia, única entidade que asumiu con carácter indefinido esa xestión nun convenio subscrito o 27 de decembro do ano 2013 coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. De producirse a conformidade coa demanda das administracións locais, asinando conxuntamente con Augas un documento consensuado a tres bandas, os alcaldes de Narón e Ferrol, están decididos e dispostos a manter o compromiso político xa acadado no pasado co financiamento ao 70% e 30% entre ambos concellos. Tanto Narón como Ferrol apostan pola supramunicipalización da xestión, a solución política das diferencias, e a resolución das contías pendentes de pago, acordadas, reservadas e previstas para tal fin.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal