Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
TEATRO, MUSICAIS, ÓPERA E CONCERTOS CENTRAN A PROGRAMACIÓN DO PAZO NO PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2018
As obras teatrais Bernarda Alba e Frida, os musicais Peter Pan e Dr.Queen, a ópera Aída e os concertos de Sés, Andrés Suárez e Ismael Serrano, entre a programación do primeiro trimestre de 2018 no Pazo da Cultura, tal e como anunciou a presidenta do organismo, Marián Ferreiro
Narón, 25 de decembro de 2017. O Padroado da Cultura de Narón deseñou unha completa e variada programación de cara ao inicio do ano 2018. Entre os meses de xaneiro e principios de abril desenvolveranse no Pazo da Cultura unha vintena de espectáculos teatrais e musicais dirixidos tanto ao público infantil como adulto. Na programación inclúense cinco obras teatrais enmarcadas no Festival Singular, que terá lugar no mes de marzo. A primeira das propostas da nova programación cultural no Pazo será a representación da obra Bernarda Alba (de Federico García Lorca), o vindeiro 13 de xaneiro ás 20.00 horas. Enmarcada no xénero do drama, esta peza, da compañía Delirium Teatro, conta a historia de Bernarda, unha nai autoritaria que impón ás súas fillas un loito de oito anos ao morrer o seu marido. A represión extrema remata en traxedia e a historia é un canto á liberdade do ser humano. A programación de xaneiro continuará o día 14 coa representación de A Galiña Azul, de Tanxarina -18.00 horas-. Trátase dunha obra de teatro de monicreques protagonizada por unha galiña de cor azul e con cinco plumas vermellas que pon ovos de cores. A diversidade e a solidariedade centrarán esta historia dirixida a público familiar e infantil. Continuarán as representacións teatrais o día 20 –ás 20.00 horas- con O Rei morre, de Sarabela Teatro. Neste caso o protagonista da obra é Berenguer I, un rei que despois dunha noite de festa recibe a noticia de que vai morrer e non o quere crer. A súa muller e a exmuller adoptarán diferentes posturas mentres el adoita outra máis soberbia e non deixa de dar ordes. Tamén no mes de xaneiro haberá destacadas propostas musicais, como un concerto da cantautora galega Sés o día 27 –ás 20.00 horas-. María Xosé Silvar, Sés, cantará temas do seu último disco, “Readmirando a condición”, que viu a luz este mesmo mes e é o seu quinto traballo discográfico. Por último, a programación de xaneiro pecharase con teatro, concretamente cunha obra dirixida ao público familiar e infantil: O encoro enmeigado, de Os Monicreques de Kukas. O espectáculo terá lugar o día 28 de xaneiro –ás 18.00 horas- e ambiéntase nas Fragas do Eume. A historia transmite ao público unha clara mensaxe sobre a importancia de respectar o medio ambiente, valorar a natureza e conservar os bosques e ríos. La comedia de las mentiras abrirá as propostas culturais no Pazo para o mes de febreiro. O día 3 representarase esta obra, enmarcada no xénero da comedia -20.00 horas-. Dous irmáns, Hipólita e Leónidas son os protagonistas dunhas historias centradas no amor e nas que cobrarán especial importancia outros personaxes, que representarán recoñecidos actores e actrices como Pepón Nieto, María Barranco, Canco Rodríguez e Angy Fernández. O musical Dr.Queen, de homenaxe a Freddie Mercury, o día 17 de febreiro –ás 22.00 horas-; a obra de monicreques Pum, Pum!, protagonizada por Marieta, unha nena de cinco anos, o día 18 -18.00- e a ópera Aída, con música de Giuseppe Verdi e libreto de Ghislanzoni, o día 24 -20.00 horas-, coa Compañía de Ópera Internacional de Concerlírica, completarán a programación do mes de febreiro no Pazo da Cultura. As propostas para o mes de marzo comezarán co concerto de Andrés Suárez, cun primeiro adianto do seu novo álbum que se publicará en xuño: “El corazón me arde”, ao que se poderá asistir o 3 de marzo -20.00 horas-. O cantautor galego interpretará tamén temas do seu álbum “Desde una ventana”, séptimo traballo deste galego e enmarcado nunha xira por varias cidades. O teatro familiar e infantil será a seguinte proposta, o día 4 -18.00- co musical Peter Pan, de Tertulia Producción e continuará o día 11 -18.00- coa comedia O secuestro da bibliotecaria, protagonizada pola señorita Ernestina na vila de Paragón. Tamén no mes de marzo terá lugar unha nova edición do Festival Singular, que o vindeiro ano inclúe cinco espectáculos: Emilia, de Teatro del Barrio, o día 8 -20.30 horas-; A noiva de Don Quixote, o día 9 -18.30-, de Eme2; A filla de Woody Allen, o día 9 -20.30-, de Ibuprofeno Teatro; Frida, de Iris Teatro, o día 10 -20.00- e, por último, A carreta pantasma, de Paula Carballeira, o día 17 -20.00-. A música pechará a programación do Padroado da Cultura para o primeiro trimestre de 2018 cos concertos de De Vacas, o día 24 -20.00-, un cuarteto musical formado por unha guitarra e tres voces que versiona grandes temas que marcaron a varias xeracións, e outro de Ismael Serrano, o día 7 de abril -20.00 horas-, no que o cantautor español interpretará recoñecidos temas musicais, cun estilo influenciado por autores como Joaquín Sabina, Aute e Serrat, entre outros. As entradas para os musicais Dr Queen e Peter Pan, e para o concerto de Andrés Suárez están xa á venda na billeteira do Pazo da Cultura o una web do Padroado –www.padroadodecultura.es-, mentres que as dos restantes espectáculos poderán adquirirse a partir do 4 de xaneiro, tal e como anunciou a presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro. Desde o citado organismo animouse á veciñanza de Narón e comarca a asistir a estes espectáculos “cos que apostamos un ano máis por unha programación cultural na que priman a variedade e a calidade de tódalas propostas de teatro e música para públicos de tódalas idades, diversificando así un ano máis a oferta deseñada para o Pazo da Cultura”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal