Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CELEBRARÁ O DÍA DE ROSALÍA CON EXPOSICIÓNS, CONTACONTOS E UNHA LECTURA PÚBLICA DA OBRA DE ROSALÍA DE CASTRO
A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, animou á cidadanía a participar nos actos que se desenvolverán o sábado 24 na Biblioteca municipal e a ver a exposición ubicada nestas instalacións e a que permanece desde hai unhas semanas no Pazo da Cultura
Narón, 22 de febreiro de 2018. O Concello de Narón celebrará o Día de Rosalía, que se conmemora cada 24 de febreiro, con exposicións e lecturas en homenaxe a esta poetisa galega do século XIX, unha das máis firmes defensoras da lingua galega nos seus tempos. A Biblioteca municipal será o escenario de parte dos actos programados, tal e como avanzou a concelleira responsable da área, Mercedes Taibo, que explicou que todas as persoas que leven en préstamo un libro en galego tanto na xornada de mañá venres como o propio sábado 24 obterán como agasallo unha flor e tamén un libro en galego. A edil agradeceu de antemán a colaboración que prestarán sete librarías da cidade –Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros e Galicia-, que se suman a esta iniciativa municipal de regalar unha flor ás persoas que adquiran tamén mañá e o sábado un libro en galego. A programación impulsada desde o Concello para a xornada do día 24 inclúe ademais unha sesión de contacontos infantil –para nenas e nenos a partir de 4 anos- na Biblioteca municipal, baixo o título O lucecú que coñeceu Rosalía. A partir das 11.00 horas os asistentes recibirán a visita dun lucecú, concretamente o que acompañou a Rosalía de Castro durante a súa vida. Trátase dun animaliño que contará aos menores como foron a infancia e a vida adulta desta poeta galega, unha historia na que implicará activamente ás nenas e nenos á hora de representala, tal e como indicou Taibo. Tamén o sábado haberá na Biblioteca unha lectura pública da obra de Rosalía, a partir das 12.00 horas na planta baixa da sala de adultos. Nesta ocasión será a poetisa naronesa Ana Belén Varela a encargada de ler o manifestó da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, redactado con motivo do Día de Rosalía. Unha vez que remate a súa lectura, representantes da corporación local, entre eles a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a propia concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, lerán poemas ou fragmentos da obra de Rosalía, unha actividade á que se poderán sumar todas as persoas que o desexen, levando textos elixidos por eles ou collendo algún dos que estarán seleccionados na propia Biblioteca. A maiores, na sala de adultos e na sala infantil da Biblioteca pode verse ata o sábado unha exposición bibliográfica da obra de Rosalía de Castro. Tamén unha exposición, neste caso Airiños aires, Rosalía, do fotógrafo Xurxo Lobato, pode verse ata o 5 de marzo no Pazo da Cultura –de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas-. A concelleira de Bibliotecas animou ás veciñas e veciños de Narón a participar nos actos programados polo Concello con motivo do Día de Rosalía. “Deste xeito poderemos homenaxear un ano máis a esta importante figura do panorama cultural galego, desfrutando da súa obra e coñecendo tamén moitos aspectos da súa traxectoria persoal”, asegurou a edil.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal