Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN LOCAL ACORDA POR UNANIMIDADE NOMEAR "MULLERES DO ANO DE NARÓN 2018" A Mª DEL CARMEN FERNÁNDEZ, ROSARIO ALABAU E MERCEDES PIÑEIRO
Na sesión plenaria celebrada onte saíu tamén adiante a adhesión do Concello á iniciativa "Doing Business", na que se contemplan importantes rebaixas fiscais para as empresas que se asenten ou amplíen nos polígonos industriais da localidade e cumpran unha serie de requisitos
Narón, 22 de febreiro de 2018. A corporación local aprobou no pleno por unanimidade o nomeamento de María del Carmen Fernández Merlán, Rosario Alabau Albors e Mercedes Piñeiro Cabalo como “Mulleres do Ano de Narón 2018”. A rexedora local explicou que nesta ocasión, e de xeito excepcional atendendo aos valores que se queren destacar, decidiuse ampliar a tres os nomeamentos ao tratarse dese mesmo número de mulleres que por primeira vez entraron a formar parte da corporación do Concello de Narón no ano 1979. As tres mulleres recibirán unha homenaxe pública o vindeiro mes de marzo, con motivo dos actos conmemorativos do Día da Muller organizados desde o Consistorio. Na sesión plenaria aprobouse tamén por unanimidade a adhesión do Concello ao convenio de colaboración entre a Xunta e a Fegamp para a creación da iniciativa “Concellos Doing Business”. Con este trámite o Consistorio naronés ofrecerá importantes descontos fiscais no IBI, ICIO e IAE aos empresarios e emprendedores que se asenten ou amplíen instalacións nalgún dos tres polígonos industriais da cidade: As Lagoas, A Gándara e Río do Pozo. En función do investimento que realicen e do número de persoas que contraten poden optar a bonificacións de entre o 50% e o 95%, se ben desde a administración local se estableceu un baremo distinto para os casos de pequeñas e medianas empresas e o de grandes empresas e centros comerciais. O convenio de colaboración entre os concellos de Ferrol e Narón para a implementación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado Ría de Ferrol Cidade 2020 (Edusi) saíu tamén adiante –co único voto en contra do portavoz de ENE-, manifestando o Consistorio naronés a súa conformidade co acordo de compromiso en materia de asunción de funcións para a xestión Feder a asumir polo Concello de Ferrol e facultando á alcaldía a realizar os trámites que resulten oportunos para a efectividade do mesmo. O nomeamento de varias rúas de nova apertura e a adecuación de dous topónimos oficiais foi outro dos asuntos tratados e aprobados no pleno, donde se deu conta ademais dos informes de cumprimento de pago de obrigas e do período medio de pago a proveedores no último trimestre de 2017 e da información remitida ao Ministerio de Facenda e Función Pública para cumprir o artigo 16 da Orde HAP 2015/2012. No apartado de mocións, o BNG presentou unha para apoiar a Folga internacional de reivindicación feminista do 8 de marzo que se aprobou coa abstención do PP e de ENE. Precisamente o PP presentou por vía de urxencia outra moción que se incluíu na orde do día sobre o 8 de marzo pero que se rexeitou, ao considerarse desde o goberno local, como apuntou a edil de Igualdade, Teresa Sabio, que as peticións que se formulaban no documento xa se están desenvolvendo na cidade. O PP presentou ademais unha moción relativa aos parques de Narón sobre a que o tripartito naronés presentou unha enmenda que os populares non aceptaron. O portavoz de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, remitiu ao PP ás explicacións sobre cubrir zonas nos parques de Narón ofrecidas desde o grupo de goberno na pertinente comisión. “Mentres non exista un plan concreto non pode haber un orzamento para materializalo e nós ese tema xa o levamos estudando un tempo, analizando problemas que xorden en determinados casos coas cubertas, as dimensións…”, recordou Sánchez Fojo. Así mesmo, a alcaldesa subliñou que “a vontade do grupo de goberno para sacar adiante a moción queda manifesta co feito da presentación desta enmenda, por considerar que é preciso analizar máis profundamente o feito de facelo, non opoñéndonos en ningún momento a cubrir algún dos parques, ao tratarse dunha iniciativa sobre a que xa se está traballando desde hai tempo”. Ferreiro lamentou ademais o feito de que “esa vontade manifesta do grupo de goberno non se vexa correspondida polo PP aceptando a enmenda presentada á súa moción”. A proposta dos populares non saíu adiante. O grupo mixto presentou dúas mocións na sesión. Unha delas de EU solicitando ao goberno as accións oportunas para que Audasa pague integramente o IVE, que se aprobou por unanimidade, e outra de ENE sobre a non proliferación dos resaltes nas rúas, que non se aprobou. Sobre esta última o portavoz de TEGA recalcou que “o Concello de Narón é o primeiro en cumprir coa normativa necesaria nesta materia” e asegurou que “en canto o Parlamento Europeo, o Goberno central, Fomento ou a Xunta nos digan como reducir a velocidade para evitar atropelos nos pasos de peóns seremos os primeiros en facelo”. Os grupos municipais do PSdeG-PSOE e EU presentaron tamén unha conxunta, que se aprobou cos únicos votos en contra do PP, na que pedían a retirada do anteproxecto de modificación da Lei de Saúde de Galicia e en apoio ás mobilizacións que se convoquen a través da plataforma SOS Sanidade Pública para este fin.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal