Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
HOMENAXE DO CONCELLO E DA COMISIÓN DA REVOLTA POPULAR DE 1918 ÁS MULLERES LOITADORAS E VÍTIMAS DA REVOLTA DAS PEDRADAS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, representantes da Comisión da Revolta Popular de Marzo de 1918 e da AVV Rosa dos Ventos, de Sedes, participaron no acto celebrado nas inmediacións do recinto feiral do Trece, donde se instalou unha escultura para homenaxear ás mulleres e vítimas da Revolta das Pedradas
Narón, 13 de marzo de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, a edil de Igualdade, Teresa Sabio, e Lidia Romero, presidenta da Comisión da Revolta Popular de Marzo de 1918, participaron hoxe xunto co presidente da AVV Rosa dos Ventos, de Sedes, Manuel Ángel Rico, e outros representantes da corporación local e da entidade veciñal, no acto organizado polo Concello e a citada Comisión –da que forma parte a propia AVV- para conmemorar o centenario da Revolta das Pedradas. Hoxe cumpríronse cen anos da Revolta das Pedradas, que se saldou na parroquia naronesa de Sedes con cinco persoas mortas e varias feridas. As mulleres campesiñas da época lideraron unha revolta popular que comezou en Xuvia e que viviu un dos momentos máis dramáticos o 13 de marzo de 1918 na zona da Feira do Trece. A falta de alimentos, a subida de prezos de artículos de primeira necesidade e de impostos e, en definitiva, a carestía de vida, xeraron unha revolta social que en Sedes levou a un grupo de homes e mulleres a lanzar pedras contra a vivenda do alcalde da época, Juan Fernández, que vivía na zona da Feira do Trece. A Garda Civil cargou alí contra a veciñanza e como resultado morreron cinco persoas e varias resultaron feridas. A todas aquelas mulleres loitadoras e ás vítimas destes feitos se dedica o monumento que se pode ver desde hoxe no recinto do Trece, unha escultura de Carlos García coa figura dunha muller, representando ás labregas que lideraron o movemento de Marzo de 1918. Así o explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que destacou que “a xente que pase por esta zona coñecerá e recordará a historia das loitadoras deste concello e da comarca, uns feitos que marcaron precisamente a historia de Narón e que non poden quedar no esquecemento”. “Queremos dar visibilidade a aqueles días históricos na nosa cidade e na comarca, darlles a importancia que se merecen para que as xeracións futuras non esquezan a historia desta loita porque o recordo desas mulleres e homes loitadores é cuestión de xustiza”. Pola súa banda, a edil Teresa Sabio, representante do Concello na Comisión da Revolta Popular de Marzo de 1918, valorou a actitude “de todas esas mulleres que fixeron historia e saíron á rúa a protestar”, incidindo en que eses feitos representan “un anaco da historia coa que facer xustiza nun tempo no que se tentou obviar a importancia destes acontecementos”. O Concello de Narón aprobou no pleno ordinario de marzo de 2017 unha moción por maioría (coa abstención de ENE), comprometéndose a colaborar coa Comisión da Revolta Popular de Marzo de 1918. Froito desa colaboración, nomeouse á edil Teresa Sabio como representante do Concello na citada Comisión e tamén se organizou o acto que tivo lugar esta mañá. Así mesmo, o vindeiro domingo, día 18, terá lugar un novo acto programado polo Concello e a Comisión da Revolta Popular de Marzo de 1918, cunha programación que se desenvolverá en horario de mañá e tarde no local social de Sedes e no Campo da Feira da citada parroquia naronesa. Finalmente, a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, subliñou que “temos un compromiso firme coa recuperación da Memoria Histórica, coa loita contra o esquecemento das persoas que antes loitaron pola democracia e a xustiza dos dereitos colectivos”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal