Concello de Narón
Espa�ol
Entrada a Naronmail
 

Deportes Cultura
Deportes Cultura
Policía Local de Narón dameuntoke
Policía local Mocidade
Concellería de Igualdade Biblioteca de Narón
Igualdade Biblioteca de Narón
Turismo de Narón Do berce á rúa
Turismo Do berce á rúa
Outras webs Narón, Cidade Fidalga
Outras Webs Narón, Cidade Fidalga
Novas
 
ADRIANA OZORES, FERNANDO TEJERO, XOSÉ ANTONIO TOURIÑÁN, ISMAEL SERRANO, SÉS E ROZALÉN SUBIRANSE AO ESCENARIO DO PAZO ENTRE ABRIL E XUÑO
ADRIANA OZORES, FERNANDO TEJERO, XOSÉ ANTONIO TOURIÑÁN, ISMAEL SERRANO, SÉS E ROZALÉN SUBIRANSE AO ESCENARIO DO PAZO ENTRE ABRIL E XUÑO
A presidenta do Padroado e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, deron a coñecer a nova programación do Pazo da Cultura
Narón, 20 de marzo de 2018. A presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, deron a coñecer a programación que se desenvolverá entre os meses de abril e xuño no Pazo da Cultura. Teatro familiar e infantil e concertos centran a programación, que traerá ao Pazo a actrices e actores como Adriana Ozores, Fernando Tejero, Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán e no apartado musical contempla tres concertos, de Ismael Serrano, Sés e Rozalén.
A compañía Lázaro Producciones abrirá a programación do mes de abril, o día 6, coa obra La cantante calva. Trátase dunha peza de teatro contemporáneo que parte dun texto de Eugène Ionesco e dirixida por Luis Luque no que actúan recoñecidos actores do panorama nacional, como Adriana Ozores ou Fernando Tejero. Esta obra é unha das máis representativas do teatro do século XX e enmárcase no coñecido como “teatro do absurdo”, unha comedia que en si é tamén unha traxedia e que é un fiel reflexo da sociedade moderna.
Continuará o programa de abril o sábado día 7 cun concerto de Ismael Serrano, enmarcado na xira “20 años: Hoy es siempre”. A cita será a partir das 20.00 horas e terá unha duración aproximada de hora e media, un tempo no que o público gozará cos temas de Serrano, os máis coñecidos e tamén outros inéditos e versións de cancións de Silvio Rodríguez e Luis Eduardo Aute, entre outros cantautores.
O domingo 15 será o turno do teatro infantil, nesta ocasión coa obra Patapatúm, da compañía Elefante Elegante. A representación deste novo espectáculo de teatro xestual, cunha elevada compoñente plástica e musical, dará comezo ás 18.00 horas. A obra pretende facer reflexionar ao espectador sobre a presencia de bens materiais na relación entre pais e fillos.
Pechará a programación do mes de abril a compañía Talía Teatro, que representará os días 20 e 21, ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente, a obra O servidor de dous amos, todo un clásico do teatro revisado para a súa posta en escena. Os contratos matrimoniais substitúense na temática desta obra polos de construción e oito intérpretes protagonizarán un espectáculo onde a mentira e a confusión cobrarán especial protagonismo, sen perder de lado a ironía, que garantiza as risas dos espectadores.
No mes de maio subiranse ao escenario do Pazo María Vázquez, Antonio Durán “Morris”, Federico Pérez, José Barato e Mercedes Castro, o elenco da obra A Leituga, da compañía Eme2. Os actores forman unha familia que se reúne para celebrar unha data moi especial pero na que xorderán situacións complicadas e donde se saldarán algunhas contas pendientes entre eles. A obra representarase os días 4 e 5 de maio, ás 20.30 e 20.00 horas, respectivamente.
A música voltará ao Pazo o día 12 de maio, cun concerto de Sés, que presentará o seu último disco: “Re-Admirando a condición”, a partir das 20.00 horas. Preto de dúas horas de música en galego nas que María José Silvar, Sés, interpretará os temas do seu quinto traballo discográfico, no que se combinan estilos como o blues e sons latinoamericanos.
O domingo 20 de maio a compañía Pistacatro Productora de Soños representará, ás 18.00 horas, a obra Outono, dirixida a todos os públicos. A emblemática compañía do Novo Circo Galego cumpre dez anos e presentará este novo espectáculo cos seus fundadores. A obra constitúe toda unha homenaxe aos paiasos clásicos, unha peza de teatro-circo con música en directo que conta a historia de catro artistas a modo de reencontro e no que non faltan as emocións, a verdade e o humor.
Finalmente, no mes de xuño voltará a música, concretamente o día 9, ás 20.00 horas, con Rozalén, que traerá a Narón a súa xira “Cuando el río suena…”, que xa é disco de ouro. Trátase dun traballo moi persoal, repleto de historias e considerado o máis íntimo da súa carreira. É un disco que se lanzou o pasado 15 de setembro e o resultado é froito da viaxe interior que Rozalén realizou nos anos transcurridos desde a publicación de “Quen me vexa…” e no que se misturan varios estilos musicais.
Os actores galegos Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán pecharán a programación deseñada ata xuño no Pazo, cun espectáculo o día 17. Representarán a obra Somos criminais, unha comedia que terá dous pases, ás 18.00 e ás 20.30 horas e na que Blanco e Touriñán analizarán e dramatizarán sobre unha serie de crimes autóctonos en diversas variantes.
A concelleira de Cultura destacou a variedade de esta oferta cultural “coa que apostamos por achegar ás nosas veciñas e veciños a arte e a cultura en tódalas súas manifestacións”. Pola súa parte, a presidenta do Padroado destacou a calidade dos espectáculos que se sucederán nos vindeiros meses e, ao tempo, incidiu na súa variedade “con teatro e música dirixidos a persoas de diferentes idades, tratando así de desenvolver unha programación que sexa do agrado de todas as nosas veciñas e veciños e que contribúa tamén a que continúen vindo ao Pazo persoas doutros concellos”.
Tanto Marián Ferreiro como María del Carmen Espada animaron á veciñanza a acudir a os variados espectáculos programados no Pazo da Cultura, para os que xa están á venda as entradas na billeteira do Pazo e na web: www.padroadodecultura.es.



Últimas novasu Tódalas novas

<<< Setembro 2018 >>>

LMMXVSD
 
1
2
4
5
7
8
9
10
11
12
14
15
16
19
21
22
23
25
26
28
29
30
Eventos do Concello
   
 
Concello de Narón - Aviso legal