Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E ACUAES CONMEMORAN O DÍA MUNDIAL DA AUGA CON VISITAS GUIADAS AO TANQUE DE TORMENTAS INXERTO 2
O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, participou na primeira quenda de visitas xunto con outras veciñas e vecinos da cidade e persoal da empresa Acuaes
Narón, 22 de marzo de 2018. O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, desprazouse esta mañá ás instalacións do tanque de tormentas Inxerto 2, na Gándara, para participar na primeira das visitas guiadas organizadas entre o Concello e Acuaes con motivo do Día Mundial da Auga. Unha decena de persoas participou na primeira quenda, ás 10.00 horas, ás que seguiron outras dúas pola mañá –ás 11.00 e ás 12.00- e continuaron con dúas máis pola tarde –a partir das 17.00 e as 18.00 horas-. Ao chegar á zona na que se ubica o tanque de tormentas Inxerto 2 as veciñas e veciños viron un vídeo explicativo sobre o funcionamento das instalacións, e recibiron un díptico e tamén información que ofreceu persoal técnico de Acuaes, que respostou a cantas preguntas lle formularon sobre este servizo. O tanque de tormentas Inxerto 2 construíuse no marco do proxecto dos Interceptores Xerais da marxe dereita da ría de Ferrol, que en conxunto supuxo un investimento de 54,3 millóns de euros e que atende a unha poboación duns 85.000 habitantes. O proxecto contemplou a construción de once tanques de tormentas nos concellos de Ferrol e Narón, e a habilitación dunha rede de colectores de máis de 25 quilómetros, cunha estación de regulación. Co obxectivo de dar a coñecer tanto as instalacións como o funcionamento do servizo púxose en marcha esta iniciativa entre o Concello e Acuaes, tal e como recordou o edil de Servizos de Narón. Santalla valorou a convocatoria deste acto, en canto que “permite que as veciñas e veciños vexan o resultado do traballo realizado e a importancia de que por fin este servizo estea funcionando, co que iso supón de cara ao coidado do medio ambiente e tamén para todas esas familias que se adican ao sector pesqueiro e marisqueiro na nosa comarca”. O Concello iniciou o pasado sábado, día 17, os actos conmemorativos do Día Mundial da Auga, cunha proposta dirixida aos nenos e nenas organizada conxuntamente co Centro Comercial e de Ocio Dolce Vita Odeón, no que os participantes realizaron diversos experimentos a través da proposta “Ciencia divertida”, a cargo de Científicos chiflados, e que tivo unha excelente acollida. Os menores recibiron información sobre o ciclo da auga, medidas e importancia do aforro no consumo e levaron como agasallo unha botella reutilizable, da campaña NARÓN♥H2O. Santalla recordou ademais que nas inmediacións do tanque de tormentas Inxerto 2 se comezará a construír en breve un parque infantil con varios elementos de xogo para as nenas e nenos. O Concello licitou os traballos en 22.000 euros e nos próximos días adxudicaranse, tal e como anunciou o edil responsable da área de Servizos, que destacou que Narón “poderá contar deste xeito cun novo espazo para uso e desfrute da veciñanza na Gándara, que se vén a sumar á ampla oferta de zonas de lecer xa existente no barrio”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal