Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DISPÓN DUN REMANTENTE DE LIBRE DISPOSICIÓN QUE RONDA OS ONCE MILLÓNS DE EUROS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, destacaron o excelente estado no que se atopan as arcas municipais seguindo unha política social priorizada pola conxelación de taxas, o incremento de bonificacións e das axudas á dependencia
Narón, 28 de marzo de 2018. Na sesión plenaria desta mañá, iniciada ás 12.00 horas, deuse conta do Plan Orzamentario a medio prazo para o período 2019-2021 e tamén da liquidación dos orzamentos do Concello de Narón. No que respecta ao Plan Orzamentario contémplanse un total de ingresos correntes para este ano de 30.832.342 euros e de 28.213.770 euros de gastos correntes. Así mesmo, no que respecta á liquidación correspondente ao ano 2017, a alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou que que o remanente de tesourería ascende a 10.704.037 euros, estando executados os ingresos do ano pasado nun 85,99% e os gastos no 74,93%. O feito de que o Concello dispoña de algo máis de 10,7 millóns de euros de remanente de libre disposición –a cargo do superávit de 4,5 millóns do ano pasado e dos case 6,2 millóns de remanente- permitiralle levar a cabo diferentes operacións, tanto para a redución da débeda bancaria como para investimento, tal e como explicou o concelleiro de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar. O edil naronés destacou o feito de que, “a pesares de manter conxeladas as taxas, de manter e incrementar as bonificacións no pago de servizos para as persoas con escasos recursos económicos, e do incremento das axudas a dependencia… este goberno local foi quen de levar a cabo unha xestión exemplar, que agora constatan os datos da liquidación”. Villamar subliñou que “en contra do que manifesta o PP, queda demostrado con estes datos que é posible facer política social e ao tempo unha boa xestión económica”. Pola súa parte, a alcaldesa da cidade avanzou, en canto ao destino deses 10,7 millóns de euros de remanente de libre disposición que “unha parte irá a parar á amortización de débeda pero a máis considerable destinarase a investimento sostible”. Ferreiro explicou que “a humanización da cidade, con actuacións en materia de accesibilidade; a continuidade das obras para a implantación do servizo de saneamento no municipio, intervencións para o aforro e eficiencia enerxética e a atención ás persoas serán as liñas sobre as que continuaremos traballando con cargo a esta importante partida”. Nesta mesma liña se manifestou Villamar, que destacou o feito de que “neste momento a débeda total do Concello representa un 10,20%, se ben o límite establecido para este tipo de administracións é do 75%”. “A situación económica desta cidade é modélica, cun nivel moi baixo de endebedamento bancario, de 1,6 millóns de euros, e cunha liquidez que supera os once millóns de euros”, subliñou Villamar, incidindo en que ademais se están cumprindo tanto a estabilidade como o teito de gasto e o período medio de pago a proveedores sitúase en 22,64 días. Na sesión plenaria desta mañá declaráronse de especial interese e utilidade municipal as obras de ampliación do albergue para animais de compañía da asociación Cometa –en Doso-, as da construción dunha vivenda de promoción á vida independente e respiro familiar promovida pola Asociación Nuestra Señora de Chamorro –no Val- e a construción do novo centro de saúde da cidade –na zona do Alto-. En base a este recoñecemento estas tres actuacións acolleranse á bonificación do 95% no Imposto de Construción e Obras, tal e como se contempla na ordenanza fiscal número 6 que regula o citado imposto. O pleno aprobou tamén unha serie de modificacións nos Consellos Territoriais, concretamente no de Sedes, con dous novos nomeamentos en substitución dos anteriores representantes. No transcurso da sesión abordouse unha declaración institucional para solicitar á Real Academia Galega que se adique o Día das Letras Galegas do vindeiro ano a escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero. No apartado de mocións, o Grupo Mixto presentou unha a través de EU sobre a reafirmación do compromiso solidario co pobo cubano do Concello de Narón polo fin do bloqueo a Cuba, demandando aos Estados Unidos o levantamento do embargo e esixindo ao goberno estadounidense respecto ás resolucións internacionais contra o bloqueo a Cuba. O documento quedou aprobado por unanimidade. Pola súa banda, TEGA e PSOE presentaron outra en apoio aos actos conmemorativos do aniversario da 2ª República e de homenaxe ás vítimas do franquismo, que saíu adiante como declaración institucional, condenando o Golpe Militar de 1936 contra o goberno democrático da II República e comprometéndose o Concello a colaborar en actos conmemorativos da proclamación da II República e de homenaxe aos represaliados polo réxime franquista. Os socialistas naroneses levaron tamén ao pleno unha moción relativa ao acordo coa Federación Española de Municipios e Provincias e o Ministerio de Facenda para que os concellos poidan investir o seu superávit, destinándoo a investimentos financieiramente sostibles e tamén a infraestruturas sociais, educativas, culturais, deportivas e de seguridade e Protección Civil. O documento tamén se aprobou na sesión plenaria desta mañá. Pola súa parte, o BNG presentou unha moción sobre a recuperación dos dereitos e do emprego na administración de xustiza, amosando o apoio aos traballadores e traballadoras nas súas reivindicacións laborais que saíu adiante no pleno e tamén a presentada polo Grupo Mixto (ENE) sobre o fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade. Nesta última incorporouse unha enmenda plantexada por TEGA para que unha vez que se realice o estudo pertinente e no caso de constatarse a necesidade das mesmas os ténicos municipais supervisen, cos da Xunta, o posible proxecto. Finalmente aprobouse unha moción que se incorporou fóra da orde do día do PP sobre o servizo de conciliación municipal, no que desde o goberno local se puntualizou que se está traballando en posibles melloras ao mesmo.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal