Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO IMPULSARÁ O PROGRAMA 100.000 MOTIVOS DE PESO A TRAVÉS DUNHA PLATAFORMA MUNICIPAL DE NUTRICIÓN, ACTIVIDADE FÍSICA E PROMOCIÓN DA SAÚDE
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu unha xuntanza na que se presentou o Plan Estratéxico do citado programa, que conta tamén co respaldo do Servizo Galego de Saúde e do Cefore, entre outras entidades
Narón, 5 de abril de 2018. O Concello de Narón acolleu unha reunión para presentar o Plan Estratéxico do programa “100.000 Motivos de peso” e plantexar a constitución da Plataforma Municipal de Nutrición, Actividade Física e Promoción da Saúde do Concello. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, á que tamén asistiron os coordinadores interno e externo do citado programa, Simón Cabarcos –do equipo de Educación Viaria de Narón- e o médico Carlos Piñeiro, respectivamente; edís da corporación local, un representante do Cefore e colaboradores da área sanitaria, do equipo de Educación Viaria e do Servizo Sociocomunitario de Narón. Ao inicio da xuntanza Carlos Piñeiro presentou aos asistentes o Plan Estratéxico do programa “100.000 Motivos de peso”, no que se incide especialmente no cambio de estilos de vida e na promoción da saúde cardiovascular. Piñeiro recordou que "a Organización Mundial da Saúde advertiu de que a obesidade é un grave problema de saúde pública no século XXI” e incidiu na importancia de impulsar programas como “100.000 Motivos de Peso” para asesorar á cidadanía sobre a importancia de seguir hábitos de vida e alimentación saudables no seu día a día. Piñeiro explicou que se está traballando sobre un estudo no que se analiza a situación do Concello nesta área e avanzou que se impulsará a dieta Ártabra entre a cidadanía, buscando a colaboración do sector hostaleiro, apartado para o que desde o Concello se ofreceu colaboración tanto nas campañas de sensibilización como de alfabetización alimentaria. Así mesmo, apóstase pola elaboración dunha guía específica de Narón nos centros de saúde, contando co respaldo e implicación do persoal sanitario e a formación do profesorado no ámbito da promoción da saúde cardiovascular. A elaboración dun mapa por parroquias para ver as liñas de traballo coas persoas maiores, o deseño de rutas cardiosaudables, impulsar un laboratorio da infancia do Concello no que os nenos adopten un papel colaborador e un Plan alimentario nos colexios forman parte das propostas do citado Plan Estratéxico. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, explicou na reunión que o Concello traballa desde hai varios anos en programas para fomentar a práctica de hábitos saudables entre nenos e nenas, adultos e persoas maiores, tanto na zona urbana como na rural; convoca cursos de balde para a cidadanía co fin de que saiban como interpretar as etiquetas dos alimentos, organiza andainas polo concello e comarca… “Realizamos desde hai tempo un traballo transversal que consideramos que pode ser de moita utilidade neste proxecto, que é un reto que asumimos moitas veciñas e veciños de Narón”, asegurou. Así mesmo, a rexedora local comprometeu o apoio do goberno local en cantas iniciativas concretas se plantexen para continuar avanzando neste programa e plantexou a posibilidade de que formen parte da Plataforma Municipal de Nutrición, Actividade Física e Promoción da Saúde outros representantes da corporación local, a maiores dos do grupo de goberno. Nas vindeiras xuntanzas da citada Plataforma determinaranse accións máis concretas a levar a cabo para acadar a través do Plan Estratéxico o obxectivo do programa “100.000 motivos de peso”, que conta tamén co respaldo -a maiores do Servizo Galego de Saúde e do Concello- da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade. O obxectivo final é adelgazar, en conxunto entre a cidadanía que participe de Narón, 100.000 quilos en dous anos, doando ese exceso de peso de cada persoa en alimentos non perecedoiros ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal