Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A EMPRESA COSMA CIFRA EN PRETO DE 220.000 EUROS O AFORRO ANUAL DE COMPRA DE AUGA EN ALTA A FERROL
A alcaldesa e presidenta da compañía, Marián Ferreiro, valorou as contas de Cosma e incidiu no importante incremento do número de clientes e nos rigurosos controis para a prevención de fugas na rede
Narón, 14 de abril de 2018. A empresa mixta concesionaria do servizo municipal de abastecemento de Narón, Cosma, aforra cada ano 218.988 euros na compra de auga en alta a Ferrol. Así o asegurou a alcaldesa da cidade e presidenta da compañía, Marián Ferreiro, que valorou este excelente resultado tendo en conta, a maiores, que “ano tras ano foise incrementando o número de clientes deste servizo na nosa cidade, que alcanzaba a finais do ano pasado os 19.536”. O aforro ao que aludiu Ferreiro é unha constante desde o ano 2003 (a empresa constituíuse no 2002), e “estas cifras positivas responden principalmente á boa xestión realizada desde o principio, aos rigurosos controis e tarefas que se realizan para a prevención de fugas na rede e ao cada vez maior consumo responsable das nosas veciñas e vecinos”. No ano 2017 o Concello de Narón adquiriu en alta a Ferrol 2.868.918 de metros cúbicos de auga para os 19.536 clientes, fronte aos 4.115.295 de metros cúbicos do exercicio de 2002, con 10.360 clientes. “A redución da compra de auga en alta é unha constante desde os primeiros tempos de Cosma, tanto é así que se nos remontamos ás orixes da compañía, no ano 2002, a compra en alta baixou nunha portentaxe do 30,29%, aumentando nun 88,57% o número de clientes nese mesmo período”, explicou Ferreiro. “Se eses datos os analizamos desde a área económica, o aforro total de 1,3 millóns de metros cúbicos equivalería a 218.988 euros anuais”, subliñou a presidenta de Cosma, que indicou que, “en catorce anos o aforro sería de máis de trece millóns de metros cúbicos de auga e uns dous millóns de euros á hora de mercala, e iso sen ter en conta o aumento de poboación na cidade durante ese período –e polo tanto de clientes, nun 88,57%-, o que incrementaría considerablemente estas cifras positivas”. Cada ano revísanse os máis de 200 quilómetros de rede de abastecemento facendo uso da última tecnoloxía e mellorando os equipos empregados ano tras ano. Durante o ano 2017 incrementouse o control da rede de abastecemento creando doce novos subsectores. As intervencións realizadas por Cosma permitiron reducir o tempo de resposta da compañía á hora de detectar fugas na rede, o que repercute directamente nas cifras de compra de auga. “As melloras no servizo á clientela e a reducción de avarías na rede tradúcense nun importante aforro de custes neste servizo”, destacou Ferreiro, que avanzou que “desde a compañía continuarase traballando para mellorar os protocolos de actuación e os medios dispoñibles á hora de detectar posibles fugas”. A presidenta de Cosma incidiu finalmente no feito de que “a boa xestión realizada en todos estes anos permitiu conxelar as taxas desde o ano 2014 e tamén un importante aforro no consumo de auga, dous aspectos que son fundamentais para manter as contas da compañía totalmente saneadas”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal