Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O 85% DOS ALUMNOS DOS CURSOS FIP DE PENA PARDA ATOPAN EMPREGO
As concelleiras de Formación e Promoción Económica visitaron o Centro de Formación
A Concelleira de Promoción Económica, Mª Ángeles Pardo, e a de Formación e Emprego, Paloma González, visitaron onte luns ós alumnos dos cursos FIP impartidos en Pena Parda, no centro de formación da Asociación Provincial de Talleres. Na visita estiveron acompañadas polo Xerente da Asociación de Talleres da Coruña, José Manuel Cascales, o Presidente da Delegación de Ferrolterra, José Manuel Vilaboy, o Vicepresidente da mesma, José Manuel Picos e dous dos seus membros, Francisco Ezquerro e José Luis Suárez. Neste momento, son dous os cursos FIP que se levan a cabo no centro de formación, con quince alumnos cada un: Chapa e Pintura e Electricidade e Mecánica. Os dous teñen unha duración de 700 horas e veñen avalados por un título homologado da Xunta de Galicia. O Xerente da Asociación de Talleres da Coruña, José Manuel Cascales, destacou a alta porcentaxe de alumnos participantes que se incorporaron á vida laboral, un 85% do total de 527 xa titulados. Na actualidade, un 50% dos alumnos son xoves de Narón, mentres que o 50% restante se compón de xoves de Ferrol e outros concellos da comarca. O Centro leva xa impartidas 12.105 horas de formación desde que comezou a súa andaina, e non só a aprendices, senón tamén ós propios profesionais da automoción que acoden a reciclar os seus coñecementos, nun sector no que os adiantos tecnolóxicos sucédense moi rápido. As Concelleiras de Promoción Económica e Emprego mostráronse moi interesadas nuns cursos con tal alto nivel de colocación laboral, e fixéronse eco das peticións que lles trasladaron os responsables da Asociación Provincial de Talleres, e en particular, o Vicepresidente da Delegación de Ferrolterra, José Manuel Vilaboy. Unhas peticións baseadas na necesidade de ampliar espazo para unha nova cabina de pintura e unha maior comodidade nas aulas e vestiarios, e no asfaltado da entrada á nave, que agora mesmo desprende moita sucidade ó seu interior. Paloma González comprometeuse a estudar as posibles solucións ó problema do espazo das instalacións, e a urxir dende o Concello o asfaltado da entrada ás mesmas. Así mesmo, salientou a “necesidade que ten o mercado laboral de profesionais cualificados e cunha formación específica”. Mª Ángeles Pardo, pola súa parte, destacou “a presenza cada vez máis importante de mulleres en cursos tradicionalmente masculinos”, catro nestes cursos, e o “alto nivel de responsabilidade e compromiso dos alumnos”, que reciben a visita dunha delegada da Xunta para controlar a súa asistencia, e que con tres faltas sen xustificar estarían expulsados do curso.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal