Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE DUASCENTAS PERSOAS PARTICIPAN NAS MOSTRAS DE FIN DE CURSO DA ESCOLA DE TEATRO DE NARÓN
A concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, animou á veciñanza a asistir ás diferentes representacións, que se sucederán desde esta tarde ata o vindeiro 31 de maio no Auditorio municipal
Narón, 21 de maio de 2018. O alumnado da Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón iniciará esta tarde as representacións enmarcadas nas Mostras de Fin de Curso. Un total de 227 persoas matriculáronse o pasado ano na citada Escola de Teatro, na que se desenvolven dous proxectos de actuación: os Obradoiros municipais de teatro e a Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores, tal e como recordou a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada. As catorce Mostras de Fin de Curso desenvolveranse no Auditorio municipal, desde hoxe ata o vindeiro 31 de maio, e o Obradoiro municipal de Teatro de Adultos de Sedes será o encargado de abrir esta programación, ás 20.30 horas, coa representación da peza Operación Samarcanda, dirixida por Pepablo Patinho. Esta mesma semana continuarán as representacións, o mércores 23, ás 20.30, co alumnado de segundo curso da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores, coa obra A morte dun viaxante, dirixida por Silvia Casal; o xoves 24, tamén ás 20.30 horas, cos participantes no Obradoiro municipal de Teatro de Adultos das Vivendas da Mariña, con Homes, homes, homes!, dirixida por Montse Piñón. De cara á fin de semana, o venres 25 será o turno, a partir das 19.00 horas, do Obradoiro municipal de Teatro de Adultos de Piñeiros, con A Pousadeira, dirixida por Maite da Costa, e a continuación, do Obradoiro municipal de Teatro de Adultos da Fundación Terra de Trasancos (O Val), con O anel máxico, dirixida por Silvia Casal. Na xornada do sábado 26 programáronse tamén dúas actuacións, a partir das 17.00 horas, a primeira a cargo do alumnado dos Obradoiros municipais de Teatro Infantil da Solaina e da Gándara, con Concerto silencioso, Escola con clase, Tremenda sesión e Rutina rodada (catro grupos en total) e a segunda co alumnado do Obradoiro municipal de Teatro Infantil de Pedroso, con Unha tarde no parque, dirixida por Montse Piñón. Pechará a programación desta semana o alumnado do Obradoiro municipal de Teatro Xuvenil (grupo 2), coa obra A cincenta que non quería comer perdices, a partir das 19.00 horas, dirixida por Silvia Casal. A vindeira semana terán lugar as tres últimas representacións destas Mostras de Fin de Curso na Escola de Teatro de Narón. O martes 29 será o turno do Obradoiro municipal de Teatro Xuvenil (grupo 1), coa obra Mazás vermellas, que dirixe Silvia Casal, e que comezará ás 20.00 horas. O mércores 30 actuará o alumnado do Obradoiro municipal de Teatro Infantil (de 4 a 6 anos), que dirixido por Montse Piñón representará a peza Erefast e Hasim a partir das 18.00 e o xoves 31 pechará o ciclo coa Mostra de Interpretación de primeiro curso da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores, coa obra Café-Teatro Eurípides, a partir das 20.30, baixo a dirección de Pepablo Patinho. A concelleira de Cultura destacou a “excelente acollida que ano tras ano ten a Escola de Teatro do Padroado da Cultura, creada no ano 1981 e que este curso contou con 157 alumnas e alumnos nos Obradoiros municipais de teatro que se imparten nos diferentes barrios e parroquias da cidade e adaptados ás idades dos participantes, e con 70 persoas na Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón”. María del Carmen Espada destacou a importante traxectoria da Escola de Teatro de Narón “de donde xurdiron compañías profesionais e grupos de teatro amador e cun equipo de docentes que contribúen a fornecer a cultura na nosa cidade en xeral e o teatro en particular”. A edil responsable da área de Cultura animou á veciñanza a acudir ás Mostras de Fin de Curso, “para poder ver o gran traballo realizado por todas as persoas matriculadas na Escola de Teatro de Narón e desfrutar, de balde, do resultado dun ano de formación en diferentes niveis a través desta Escola de Teatro do Padroado”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal