Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO MANTERÁ ABERTA ATA O 29 DE XUÑO A SEGUNDA FASE DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ NA ELABORACIÓN DE CINCO ORDENANZAS MUNICIPAIS
As persoas que cumpran os requisitos establecidos e se inscriban na plataforma virtual Narón Participa poderán realizar as aportacións que consideren oportunas ao borrador redactado desde diferentes departamentos municipais
Narón, 14 de maio de 2018. O Concello de Narón abriu a segunda das fases establecidas a través da plataforma virtual Narón Participa –www.naronparticipa.es ou www.naronparticipa.gal- para que as veciñas e veciños poidan colaborar na elaboración de cinco ordenanzas municipais. Rematada a fase de consulta previa –do 2 ao 17 de maio-, desde esta mesma mañá ábrese o período da correspondente á de audiencia ata o vindeiro 29 deste mes, tal e como indicou a concelleira de Participación Cidadá, Catalina García. Na actualidade están en proceso de tramitación, según recordou a edil, a ordenanza reguladora das Actividades nos montes e espazos forestais, a da Tenencia, defensa e protección dos animais de compañía e potencialmente perigosos, o novo Regulamento de uso interno da Biblioteca municipal e o da Ludoteca municipal e a norma sobre Regulación da publicidade no termo municipal. Na primeira fase deste proceso presentáronse diversas suxerencias -no prazo establecido-, ás de Actividades nos montes e espazos forestais, a de Tenencia, defensa e protección de animais de compañía e potencialmente perigosos e á de Regulación da publicidade. Unha vez na plataforma, a través do enlace: https://www.civiciti.com/es/naron/homepage as veciñas e veciños poden consultar o borrador de cada unha destas cinco ordenanzas que se prevén aprobar no pleno ordinario do mes de xullo. Ao publicarse este documento, habilítase un prazo de quince días naturais para que novamente a veciñanza formule as consideracións que estime oportunas sobre o texto redactado polos respectivos departamentos municipais. Unha vez rematados eses quince días, os documentos –conxuntamente co exame e aceptación, no seu caso, das suxerencias- elevaranse ao pleno, para proceder a súa aprobación inicial que será publicada no BOP, e proseguir coa súa tramitación ordinaria. Para poder participar activamente neste procedemento, as persoas interesadas, que deben cumprir unha serie de requisitos, teñen que rexistrarse previamente na plataforma Narón Participa, á que tamén se pode acceder desde a páxina web do Concello de Narón –www.naron.es- e do Portal de Transparencia municipal -https://naron.transparencialocal.gob.es/. As persoas que teñan cumpridos 16 anos e estean empadroadas en Narón ou aquelas asociacións que se consideren potencialmente afectadas polas ordenanzas a aprobar e incluídas neste proceso son as destinatarias deste procedemento de participación. “Desde o goberno local continuamos avanzando en materia de Participación Cidadá, poñendo á disposición das nosas veciñas e veciños as ferramentas necesarias para que participen en asuntos de interese municipal, neste caso na elaboración de cinco ordenanzas, polo que animamos a todas aquelas persoas interesadas a rexistrarse na plataforma virtual Narón Participa e implicarse activamente no futuro da cidade e, polo tanto, no benestar de todas e todos os naroneses”, subliñou García.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal