Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E A DEPUTACIÓN DESTINAN 130.000 EUROS Á MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA EN XUVIA
O proxecto a materializar na parroquia supón a substitución dunhas 170 luminarias en rúas e prazas de Xuvia, que permitirán un importante aforro na factura eléctrica
Narón, 15 de xuño de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e o concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, desprazáronse a Xuvia para dar a coñecer, xunto co deputado de Plans, Patrimonio e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, un proxecto de eficiencia enerxética que ambas administracións, a provincial e a local, cofinanciarán na citada parroquia naronesa. Marián Ferreiro e Villamar explicaron que se investirá unha partida de algo máis de 130.800 euros en acometer en Xuvia importantes actuacións en materia de aforro enerxético, “continuando así unha labor que desde o ano 2015 supuxo na cidade un investimento de case 1,7 millóns de euros, dos que o Concello aportou 1,2 millóns”. Unha parte dese investimento global está xa executada, mentres que outras das actuacións previstas, tal e como a de Xuvia, “comezarán a materializarse en breve”, apuntou a rexedora local. Ferreiro avanzou que o proxecto desta parroquia contempla a substitución dun total de 170 luminarias para implantar a tecnoloxía led “que suporá un considerable aforro ás arcas locais no que se refire á factura en consumo eléctrico e, a maiores, contribuirá ao coidado do medio ambiente”. As actuacións programadas en Xuvia afectarán a varias rúas e prazas. Entre elas, tal e como enumerou a alcaldesa, están as rúas: Bailén, transversal de Megasa, Manuel de Cal, Cáceres, paralela a FEVE, río Baxoi, praza da estrada de Castela, Río do Porto, Río Inxerto e Río Pereiro, Camiño da Revolta, Somozas, Foro, Marcial Calvo, Praza do Concello, Xoán XXIII, Irmandade, Doutor Fleming, Paseo, Colexio (paseo da Ribeira), Praza de San Roque, Xoán de Cangas e camiño peonil desta vía, Garda Civil, Telleiras, Curros Enríquez, Río Forcadas, Irmáns Freire, acceso a FEVE e Altea. Ao proxecto aprobado para Xuvia, do Plan Complementario da Deputación, e que está en proceso de contratación, sumaranse outros dous de instalación de leds que se levarán a cabo no Alto e en Freixeiro, estes últimos do Plan Único de Concellos e orzamentados en conxunto en 317.862 euros. No caso do Alto renovaranse os materiais existentes e completarase a actuación co alumeado do parque infantil localizado ao final da rúa Italia e en Freixeiro tamén se renovará o sistema de alumeado. “Para a Deputación da Coruña é unha grande noticia colaborar con concellos que buscan a mellora da eficiencia enerxética con criterios de sustentabilidade”, apuntou Regueira, que asegurou que “cada concello ten un xeito de orientar as súas prioridades e a min a de Narón paréceme perfecta, polo que aplaudo esta medida do Concello”. Pola súa parte, o edil Pablo Villamar valorou o compromiso da Deputación da Coruña co “investimento sustentable” e cifrou nun 80% “o aforro económico que se pode alcanzar en consumo enerxético”. Así mesmo, subliñou a importancia tanto do aforro como do respecto ao medio ambiente que supoñen este tipo de actuacións e valorou a colaboración entre administracións para cofinanciar proxectos como os indicados en Xuvia. O goberno local de Narón considera prioritaria a continuidade de actuacións en materia de aforro enerxético, tal e como destacou a alcaldesa da cidade, que incidiu na necesidade de seguir avanzando para dar cumprimento aos obxectivos marcados desde a Unión Europea para o ano 2020, reducindo nun 20% as emisións de gases de efecto invernadoiro.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal