Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA DESTACOU A LABOR DE NARÓN EN MATERIA DE EDUCACIÓN VIARIA NO ACTO DE RECOLLIDA DO PREMIO Á EXCELENCIA EN SEGURIDADE VIARIA CELEBRADO EN BRUXELAS
Marián Ferreiro viaxou a Bruxelas acompañada por Pedro Caneiro e Sonia López, do equipo de Educación Viaria do Concello, para recoller o premio concedido pola Comisión Europea
Narón, 26 de xuño de 2018. A Comisaria Europea de Transporte Violeta Bulc, entregou esta tarde na biblioteca de Solvay, en Bruxelas, ao Concello de Narón o Premio á Excelencia en Seguridade Viaria (Excellence in Road Safety Awards), na modalidade de “Autoridades locais”. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, foi a encargada de recoller este recoñecemento, que pon na liña internacional tres programas impulsados a través do equipo de Educación Viaria do Concello: “Bica e Arrinca”, “Camiños Escolares Seguros” e “Estacionamentos disuasorios”. Ferreiro agradeceu á Comisión Europea a concesión deste premio que, recalcou, “é un recoñecemento de todas as naronesas e naroneses”. No transcurso do acto proxectouse un vídeo resumo destas tres iniciativas municipais, sobre as que os asistentes se interesaron formulando unha serie de preguntas que solventaron Ferreiro e Caneiro. A alcaldesa da cidade recordou que foi no ano 1996 cando o Concello de Narón comezaba a dar os primeiros pasos en materia de Educación Viaria nun colexio da cidade, o da Solaina, da man da profesora Marita del Río. “Todo comezou cun bote de pintura branca co que se debuxaron sinais nos pasillos e no patio para organizar a entrada e saída dos escolares”, recordou, explicando que “era o inicio dun intenso labor que nos últimos anos se foi diversificando en Narón con varias iniciativas con selo propio, como os tres programas premiados neste acto”. O programa “Bica e arrinca” funciona con éxito en cinco colexios da localidade –O Feal, Ponte de Xuvia, A Solaina, Piñeiros e Jorge Juan-; os “Camiños Escolares Seguros” en tres –Jorge Juan, Ponte de Xuvia e Piñeiros- e os “Estacionamentos disuasorios” en dous, -Piñeiros e Ponte de Xuvia-. O goberno local naronés ten en proxecto a implantación destes programas en máis centros educativos e valorou o respaldo destas iniciativas por parte dos escolares, as Anpas, os pais e nais, as comunidades educativas e o sector hostaleiro e comercial da cidade, entre outros colectivos. “O esforzo, a dedicación e a ilusión foron a base dun proxecto que a día de hoxe implica a milleiros de escolares de Narón, uns nenos e nenas que hoxe son peatóns e ciclistas pero que serán os condutores do futuro, polo que temos que ser moi conscientes da importancia da súa formación, desde moi cedo, en materia de seguridade viaria”. Acompañaron no acto a Ferreiro os axentes da Policía Local Pedro Caneiro e Sonia López, integrantes xunto con outros compañeiros e compañeiras do equipo de Educación Viaria do Concello, do que a alcaldesa valorou o seu traballo para poñer en marcha proxectos como o hoxe premiado en Bruxelas.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal