Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CONCELLEIRA DE IGUALDADE VISITOU ÁS NENAS E NENOS QUE PARTICIPAN NO PROGRAMA CONCILIAESCOLA VERÁN
Os menores de entre 8 e 12 anos realizan durante as mañás de xullo varias actividades nas instalacións do CRA de Domirón
Narón, 27 de xuño de 2018. A concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, visitou ás nenas e nenos que participan no programa municipal ConciliaEscola Verán, que se desenvolve nas instalacións do CRA de Domirón. Un centenar de menores de entre 4 e 12 anos participarán este ano na convocatoria, que dispón de cinco quendas, tal e como recordou a edil. As nenas e nenos asistiron na xornada de hoxe a un obradoiro de reciclaxe, no que dúas monitoras lles ensinaron a importancia de reciclar e como facelo correctamente. Sabio conversou cos participantes, que lle solicitaron que continúen organizándose novas edicións deste programa municipal, do que aseguraron desfrutar coas súas actividades: xogos de auga, musicais, obradoiros de cociña… A edil naronesa asegurou que “desde o goberno local estamos traballando para organizar máis quendas, nun horario máis amplo e abrindo o programa a nenos e nenas doutras idades para así poder atender mellor a demanda deste programa de conciliación”. Sabio comprometeu así a convocatoria de próximas edicións e destacou que o Concello naronés dispón ademais doutros recursos municipais dirixidos ás familias nesta época do ano, para facilitar a conciliación da súa vida laboral e persoal. Nas instalacións da Ludoteca municipal da Solaina ofrécense unha gran variedade de actividades, baixo a temática “Viaxando polo mundo”. Poden participar nenas e nenos de entre 3 e 12 anos –hai un total de sesenta prazas- que contan cun amplo abano de propostas de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.00 ata o 10 de setembro (agosto permanece pechada). Así mesmo, na Aula Cemit de Xuvia e nalgúns locais sociais da zona rural impartirase entre o 2 e o 31 de xullo o programa municipal Informática Divertida (INDI), para mozas e mozos de entre 8 e 12 anos. As sesións terán lugar polas mañás, de 10.00 a 13.30 e de luns a venres, iniciando aos participantes en temas como a Programación e a robótica educativas, a creación de cómics dixitais ou a programación de videoxogos. Por último, desde o Concello ofrécese tamén outra proposta: Narón Mocidade Activa 4.0, dirixida neste caso a nenas e nenos nados entre os anos 2002 e 2005 e que se impartirá na Casa da Mocidade, no Parque Temático de Aldea Nova e na praia de Esmelle. Un total de vinte menores poderán participar do 16 ao 21 de xullo, de luns a venres, entre as 16.30 e as 20.30 nesta iniciativa, na que haberá varios obradoiros (skate, muralismo, graffite, igualdade, corresponsabilidade…). Neste último aínda se poden inscribir –ata o vindeiro luns día 2 de xullo- as persoas interesadas, a través do Rexistro do Concello ou da Sede Electrónica de Narón.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal