Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
RECEPCIÓN OFICIAL NO CONCELLO AOS SETE MENORES SAHARAUIS QUE PARTICIPAN NO PROGRAMA "VACACIONES EN PAZ"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o acto, ao que asistiron outros representantes da corporación local, da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e das familias de acollida
Narón, 17 de xullo de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá, ás 12.00 horas, o acto de recepción oficial aos sete nenos e nenas saharauis que participan este ano no programa “Vacaciones en Paz”. Na convocatoria estiveron tamén presentes a concelleira de Acción Social, Catalina García, e portavoces e outros edís da corporación local, ademais de representantes da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e das seis familias que participan no programa –unha delas acolle a dous irmáns-. Ferreiro deulles a benvida aos menores, que chegaron en dúas viaxes diferentes, o pasado martes e sábado e que estarán na cidade ata o vindeiro 11 de setembro. A alcaldesa e a edil de Acción Social agradeceron especialmente a colaboración neste programa das familias de acollida “porque sodes realmente todas e todos vós os que mantedes vivo este programa, que sen a vosa participación sería imposible levar a cabo”. Así mesmo, Ferreiro e García valoraron a colaboración prestada desde o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón, que colaborou trala chegada dos menores á cidade. Os nenos e nenas saharauis recibiron como agasallo unha mochila e un cheque por importe de 60 euros que poderán canxear na Librería Galicia por material deportivo e escolar, e ao remate do acto sacaron unha fotografía cos representantes do goberno local, da asociación e das familias de acollida. Maite Martínez, delegada na comarca de Ferrolterra da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui agradeceu a implicación do Concello de Narón neste programa e recordou ás familias que xa está aberto, ata o 30 de agosto, o prazo para participar na edición do vindeiro ano. Pola súa banda, o portavoz de EU, André Abeledo, incidiu na necesidade de que a Xunta e o goberno central asuman o custe das viaxes dos menores nos seus orzamentos. O Concello de Narón incrementou este ano en 2.000 euros con respecto ao ano anterior o importe do convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, que ascende a 7.000 euros. Esta entidade, coa que a administración local naronesa colabora desde o ano 1997, é a que cada ano se encarga de organizar as viaxes dos menores que participan no programa “Vacaciones en Paz”. A través desta iniciativa os nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia, poden afastarse durante a tempada estival das elevadas temperaturas que se rexistran no deserto arxelino, que alcanzan os 50 graos nesta época do ano. A maiores, os rapaces e rapazas acoden a revisións médicas propias da súa idade durante a súa estancia coas familias de acollida.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal