Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
PERSOAL DO CONCELLO ASISTE A UN CURSO SOBRE LINGUA DE SIGNOS ESPAÑOLA
Representantes da Asociación de Persoas Xordas de Ferrol impartiron as dúas sesións programadas, que se convocaron unha semana despois de que persoal do equipo de Educación Viaria se desprazase á sede da AXF para realizar un obradoiro sobre seguridade viaria
Narón, 19 de xullo de 2018. Unha vintena de persoal funcionario do Concello realiza hoxe e mañá un obradoiro de Lingua de Signos Española Signaconmigo, que imparte persoal da Asociación de Persoas Xordas de Ferrol (AXF). As sesións impártense no Consistorio, en horario de 10.00 a 11.30 horas e constan dunha parte teórica e outra práctica que se desenvolverán entre hoxe e mañá, tal e como indicou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo. O persoal da AXF recibiu a pasada semana no local da entidade en Ferrol un obradoiro sobre Seguridade Viaria que impartiron Pedro Caneiro e Sonia López, axentes da Policía Local e integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón. Unha das finalidades desta convocatoria é ofrecer ao persoal municipal formación que lle permita un primeiro achegamento á comunidade xorda, abordando temas como as diferencias entre a comunidade e o colectivo xordo, os pilares fundamentais da citada comunidade e o movemento asociativo dentro do colectivo de persoas xordas. Estes temas, xunto cos principios da cultura xorda, tratáronse hoxe antes da parte práctica, que versou sobre dactilóxico, saúdos e presentación, días da semana e meses, números ordinais do 1 ao 20, entre outros. Para a xornada final, prevista para mañá no mesmo horario, de 10.00 a 11.30 horas, está programada tamén unha parte teórica, na que se explicará que é un intérprete de lingua de signos, o seu perfil e características, as súas normas deontolóxicas, o ámbito profesional e tamén se profundizará no servizo da lingua de signos e na historia da interpretación da lingua de signos. Os contidos prácticos de mañá serán sobre vocabulario xeral, vocabulario de actividades cotiás e dinámicas varias. Na convocatoria incidiuse na necesidade de promocionar tanto a Lingua de signos como a cultura xorda, destacando a importancia deste tipo de formación para poder adquirir nocións básicas da Lingua de Signos Española e fomentar a integración social da comunidade xorda. Desde o goberno local Sánchez Fojo, valorou a colaboración entre o Concello e a Asociación de Persoas Xordas de Ferrol, “que nos permite impulsar e realizar este tipo de iniciativas, cun marcado carácter formativo sobre temas de gran interese e que confiamos en poder convocar novamente”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal