Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO REFORZA O PROGRAMA 100.000 MOTIVOS DE PESO COA ADHESIÓN A UNHA CAMPAÑA DO MINISTERIO DE SANIDADE PARA PROMOVER A ACTIVIDADE FÍSICA
A iniciativa implicou a colocación dunhas pegatinas na zona de acceso e nas escaleiras do Concello e mensaxes xunto aos ascensores para fomentar a práctica de exercicio físico
Narón, 19 de xullo de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, destacou a posta en marcha dunha nova iniciativa encamiñada a reforzar o programa 100.000 Motivos de Peso. Nesta ocasión, a proposta xurde trala adhesión do Concello a unha campaña do Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade: A subir por las escaleras: Me apunto. Con cargo á mesma colocáronse no edificio da Casa Consistorial unhas pegatinas nas escaleiras e no chan e uns carteis xunto aos ascensores nos que se poden ler diferentes mensaxes coas que se trata de incentivar o uso das escaleiras, promovendo así a actividade física. “Esta proposta é un paso máis de cara a avanzar nos obxectivos do programa 100.000 Motivos de Peso, buscando a colaboración do persoal do Concello e da xente que acode á Casa Consistorial para recordarlles, neste caso a través de diferentes mensaxes, a importancia para a saúde de realizar exercicio a diario”, apuntou Ferreiro. Actívate, Hay que Pre-venir por la escalera, Paso a paso por tu salud, En la salud cada paso y cada piso cuentan... son algunhas das mensaxes que se poden ler nas escaleiras de acceso ás diferentes plantas do Concello, mentres que xunto aos ascensores hai outras indicando: Muévete por tu salud. A alcaldesa explicou que ao tratarse dunha campaña impulsada a través do Goberno central, que é o que proporciona o material da mesma (o formato e o deseño), todas as mensaxes están en castelán. Así mesmo, Ferreiro recordou que o Ministerio de Sanidade asegura que diversos estudos demostran a eficacia de utilizar mensaxes para promover o uso das escaleiras, unha iniciativa que, indican, se instaurou con éxito nos últimos anos en varios países. O persoal do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón informou ao persoal do Concello sobre os obxectivos desta campaña e coa finalidade de analizar a situación inicial do uso das escaleiras e de sensibilizar ao persoal, trasladou un breve cuestionario para realizar unha avaliación inicial. No documento, que se solicita ao persoal do Concello que remita cuberto, faise unha enquisa na que se pregunta o sexo e idade da persoa e tamén a frecuencia coa que utiliza as escaleiras, cantas veces ao día ou á semana, e que valore cómo considera o feito de subir escaleiras, entre outras preguntas. Así mesmo, persoal do Speis de Narón, tal e como asegurou a alcaldesa, comezou xa a subir á aplicación Localiza Salud, dirixida aos concellos adheridos á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no SNS –tamén do Ministerio de Sanidade en colaboración neste caso coas Comunidades autónomas e sociedades científicas- os recursos de prevención da saúde dispoñibles en Narón. Trátase de ir incorporando a esta aplicación informática, co fin de que poidan ser consultados por calquera persoa, datos como os parques infantís e biosaudables localizados no municipio, as agrupacións deportivas rexistradas no Concello, os locais sociais da cidade, instalacións deportivas municipais, etc., cunha breve descrición, a poboación á que se dirixen e a súa ubicación, entre outros datos. “Esta primeira fase na que nos atopamos consiste na identificación dos recursos para a promoción da saúde e a prevención existentes no municipio, o que se realiza a través dun minucioso traballo de mapeo que se irá completando nos vindeiros meses”, tal e como avanzou Marián Ferreiro. Nunha segunda fase analizaranse a totalidade dos recursos, unha vez identificados, co fin de que a poboación poida optimizar o seu uso e finalmente, no terceiro nivel, apostarase por potenciar recursos comunitarios, baseándose tanto nos recursos dispoñibles como nas experiencias. A información que xa está ao servizo da cidadanía a través desta aplicación pode consultarse a través do enlace: https://localizasalud.msssi.es/maparecursos/main/.action;jsessionid=4BCx8svjb83Q-tRXr3oLPvMN0TfrbARVTVIGtKxwBgDvwQiFB4ud!56638036. A alcaldesa recordou que “desde o goberno local continuamos impulsando e adheríndonos a este tipo de iniciativas encamiñadas a mellorar a calidade de vida da cidadanía en xeral e das nosas veciñas e veciños en particular a través da práctica regular de exercicio físico adquirindo uns hábitos moi sinxelos no noso día a día”. Ferreiro subliñou a acollida que ten no municipio o programa 100.000 Motivos de Peso e agradeceu a implicación “de tódalas persoas que, desde unha ou outra área e tamén a título particular permiten que este programa continúe avanzando na cidade”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal