Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE MEDIO MILLEIRO DE ALUMNAS E ALUMNOS DOS CEIP PIÑEIROS E PONTE DE XUVIA E DO CPR JORGE JUAN PARTICIPARON NO PROGRAMA CAMIÑO ESCOLAR SEGURO
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, recordou que os participantes deben canxear as "pegadas" obtidas antes de setembro e avanzou que o próximo curso este programa municipal se implantará no colexio da Solaina
Narón, 21 de xullo de 2018. Un total de 540 alumnas e alumnos de educación Infantil e Primaria de tres colexios de Narón participaron durante o curso 2017-2018 no programa municipal Camiño Escolar Seguro, impulsado a través da Concellería de Seguridade Cidadá e Transporte Público, que dirixe o edil Guillermo Sánchez Fojo. O éxito de acollida desta iniciativa que se levou a cabo a través do equipo de Educación Viaria de Narón nos CEIP Piñeiros -170 participantes-, Ponte de Xuvia -196- e no CPR Jorge Juan -77-, levará a implantar o programa no colexio da Solaina durante o curso 2018-2019. A través dos Camiños Escolares Seguros o alumnado percorre a pé, en bicicleta ou en monopatín o traxecto entre o seu domicilio e o centro educativo, por unhas rutas con varios puntos de encontro e sinalización horizontal e vertical deseñadas polo equipo de Educación Viaria de Narón. Sánchez Fojo valorou o traballo realizado polo citado equipo e tamén a colaboración prestada polas “Tendas amigas”, establecementos comerciais e de hostalería localizados nos traxectos que realizan os menores e que apoian a seguridade destes itinerarios, ofrecendo axuda no caso de precisala. Os nenos e nenas levan unha pulseira coa imaxe da súa mascota, “Pegadas”, e realizan unha parada nos puntos de control (check points) localizados no interior do centro educativo, un ou máis en función do alumnado do centro. No momento de achegar a pulseira ao check point acumulan unha “pegada” (a modo de punto, unha por día) que poden canxear, en función do número das obtidas, por unha serie de agasallos que ofrecen varios establecementos comerciais da cidade adheridos ao programa Camiño Escolar Seguro e tamén recoller os vales no Concello –na oficina de Educación Viaria, en horario de mañá-, que ofrece entradas para espectáculos do Pazo da Cultura, ou entradas de cine que regala unha empresa do sector. “Moitas nenas e nenos xa canxearon os puntos obtidos no curso que acaba de rematar polos seus agasallos”, apuntou Sánchez Fojo, que recordou aos participantes que “é preciso que acodan a canxealos porque non son acumulativos, co que a conta das “pegadas” volverá a poñerse a cero a partir do inicio do curso 2018-2019, o vindeiro mes de setembro”. O concelleiro naronés recordou que na actualidade se canxearon “aproximadamente o 60% dos puntos”, polo que animou ás nenas e nenos que aínda non o fixeron a que elixan os agasallos en función dos seus puntos para non perdelos. Sánchez Fojo destacou “a colaboración prestada polos oitenta comercios que participan nos Camiños Escolares Seguros, algúns deles vencellados á Asociación de Comerciantes de Narón e outros tamén da cidade pero que non forman parte desta entidade”, e indicou que en total cederon cincocentos agasallos, que poden consultarse a través do enlace: http://www.comerciodenaron.es/paxinas/pegadas.php?lang=GL. O programa Camiño Escolar Seguro implantouse no curso 2016-2017 no colexio de Piñeiros, contando na actualidade coa participación do 85% do alumnado (174 alum@s), neste segundo ano en funcionamento. Posteriormente, no curso 2017-2018 comezou nos colexios Ponte de Xuvia, cunha participación do 100% (196 alumn@s) e no CPR Jorge Juan, no que participou o 55% (77 alumn@s). “A través deste programa, desde o goberno local apostamos por fomentar a actividade física entre os rapaces e rapazas e tamén, a pesares de que van acompañados por adultos, a súa autonomía, adquirindo uns hábitos saudables e ao tempo traballando en materia de educación e seguridade viaria, coñecendo desde a infancia as normas e respectándoas”, asegurou Sánchez Fojo.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal