Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO MELLOROU A EQUIPACIÓN DO PERSOAL E INCREMENTOU O PARQUE MÓBIL DO SPEIS CON CARGO A UN INVESTIMENTO DUNS 175.000 EUROS
A incorporación do novo material permitirá mellorar a seguridade do persoal do Speis nas súas intervencións, así como daquelas persoas que precisen deste servizo, destacou o alcalde accidental, Guillermo Sánchez Fojo
Narón, 24 de agosto de 2018. O Concello de Narón destinou no último semestre do ano 174.135 euros a dotar de novo material ao Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento (Speis). O alcalde accidental e concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, desprazouse esta mañá ás dependencias do servizo no polígono industrial de Río do Pozo para realizar co persoal do Speis unha primeira valoración das funcións realizadas cos citados equipos desde a súa incorporación. En canto aos relativos á protección individual, o persoal dispón na actualidade, grazas a este investimento por parte da administración local, de novos chaquetóns e cubrepantalóns de intervención a lume, unhas prendas que xa se utilizan noutras comunidades españolas –Valencia, Navarra, Logroño- e que están confeccionadas con material de última xeración. Entre as vantaxas das mesmas á hora dunha intervención está o feito de que non arden no aire, non funden nin gotean, manteñen a súa tenacidade a temperaturas incluso superiores a 300 graos centígrados e teñen unha gran resistencia a axentes externos, entre outras. A maiores, en aras de garantir a máxima seguridade tanto do persoal do Speis como das persoas que nun determinado momento precisen dos seus servizos, os novos equipos de protección individual contan con sistemas de suxección en puntos elevados (arnés de cintura) e cabos de anclaxe e rescate. Os equipamentos completáronse con botas de intervención con mellores prestacións para intervir en situacións de lumes ou con produtos químicos; cascos de protección para incendios estruturais con iluminación propia e dobre sistema de protección ocular e un mono interior para intervencións en presencia de lume, con sotocasco, camiseta e pantalón serigrafiados específicamente para o servizo. “Desde o Concello de Narón incorporamos a cor amarela tanto na vestimenta como nos equipos de intervención, para cumprir a normativa europea sobre visibilidade actualmente en vigor”, explicou Sánchez Fojo. “Trátase de que tanto os vehículos como os equipos de protección individual cos que traballa o persoal do Speis sexan perfectamente visibles á hora dunha intervención, tanto de día como polas noites, para evitar posibles riscos”, subliñou o responsable de Seguridade Cidadá. A maiores dos equipos de protección, o servizo conta actualmente con catro novas motoserras –súmanse ás dúas coas que xa contaban-, unha para salvamento e rescate –que permite cortar formigón armado- e equipos de protección anticorte para garantir a seguridade do persoal. Lanzas automáticas para a aplicación de auga en casos de incendios en interiores, novidosas a nivel europeo; seis novos equipos de protección respiratoria –contaban con outros seis- e coa posibilidade de transformalos en bibotella para dobrar a súa autonomía operativa e a seguridade; unha tabla de control de tempos para intervencións prolongadas cos citados equipos e dúas unidades de orientación en condicións de visibilidade nula completan parte dos novos materiais do Speis de Narón. Así mesmo, o persoal deste Corpo conta cun compresor de recarga de equipos de aire, que permite reducir en oito minutos a recarga dunha botella e que pode recargar dúas ao mesmo tempo, a diferencia do anterior, con capacidade para unha. Un ventilador de presión positiva que posibilita a ventilación de varias vivendas e espacios comúns, conducións de aire para evitar a propagación de fume e dúas cámaras de imaxes térmicas –para localizar puntos quentes en situacións de visibilidade nula e localizar a persoas atrapadas por incendios en casos de gran cantidade de fume- con modo de grabación e fotografía completan estas incorporacións xunto con dous equipos de excarcelación completos. En canto ao parque móbil, nos últimos meses adquiríronse un vehículo para unidade de mando e xefatura, outro para dirección e un terceiro para inspección e prevención, que supuxeron ao Concello un desembolso de algo máis de 55.000 euros e que permiten contar cun total de sete vehículos. “A medida que vaia sendo posible continuaremos dotando a este servizo do material preciso, conscientes da importante labor que desenvolven no noso concello e tamén co fin de garantir en todo momento a seguridade do persoal do Speis á hora de realizar o seu traballo”, destacou Sánchez Fojo.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal